Vistas de página en total

miércoles, 29 de septiembre de 2010

Leccións

Hai xa ben de anos que non estou nin na escola, nin na Universidade, que nin sequera estudo, e porén non deixo de recibir leccións. Sen as pedir: leccións de ética, leccións de vida ( de xente incluso que ten menos anos ca min).
O caso é que o nivel de soberbia e de falsa superioridade desas persoas que andan pola vida dando leccións dáme moito noxo.
O que deberían é de dar exemplo: exemplo de humildade, de solidariedade, de categoría humana,saber poñerse no lugar dos demais e recoñecer os seus múltiples erros.
Non esixir ós demais o que eles non fan, e non falar dunha falsa ética que só lles vale para conqueri-los seus obxectivos laborais e políticos e que unha vez conqueridos desaparece de vez.
Para todos aqueles que cren que o saben todo e que teñen razón sempre, só lles pido unha cousa, que a min non mo conten que non me importa. Que eu tamén teño unha verdade, que tamén considero inamobible e absoluta e que non quero sabe-la súa. Eu pola contra non vou darlles a miña lección.

martes, 14 de septiembre de 2010

O sofá, clave das relacións de parella

O sofá é unha das pezas esenciais dun fogar que se precie de selo. É un dos primeiros mobles que se adquiren para unha casa,se cadra logo da cama. Aínda que un sofá tamén serve para durmir e derivados.
Nos sofás desenvólvense as mellores escenas da vida cotiá do relax das parellas; tamén as discusións sobre o espazo ocupado ou polo o mando.
Hainos con forro pra que non se estraguen, con manta por se vai frío, con chaise longe por se presta estarricarse ou botar unha soneca.
O mito dos homes enviados a durmir ó sofá non parece ser tal. A maior parte deles van pró sofá motu propio pra non escoitar ó neno que chora, pra mazarse a ver a tele ata altas horas da madrugada ou pra non aturar a unha muller demasiado intensa que lle coma a cabeza horas antes de durmir. o sofá tamén agocha unha fuxida da comunicación, un aillamento.
O último caso que coñecín de home que durmía nun sofá porque lle prestaba, porque traballaba a quendas e non se afacía a durmir acompañado ou por qué sabe Deus qué,foi abandonado pola súa compañeira, farta desa non conversa, desa non relación, desa falta de agarimo antes de pecha-los ollos.
E el foise abofé que sí. Apenas levou nada da casa,nin a tele, nin a cámara, nin o ordenador. Pero aquel sofá preside agora a súa nova casa, onde outra compañeira o escoita roncar desde o cuarto de a lado do salón.