Vistas de página en total

martes, 17 de enero de 2012

O que diga don Manuel

Levamos anos agardando un cambio de ciclo: para uns foi o cambio de século, para outros o cambio de moneda, para outros o bipartito.
Pero haberá un antes ou despois da morte de Fraga. Eu non son fraguista, nunca o fun.Non me gustaba estar gobernada por un señor tan vello que inzaba Galicia toda de placas co seu nome.O Fragasauriux Rex. Aquel home que parecía estar en todas partes que chegaba quince minutos antes a tódolos sitios,con aquel furor espídico inaugurador que convertía catro sílabas en dúas. E que tanto mandou en todos nós.
Aínda lembro como aterrorizados os seus conselleiros non arriscaban resposta ningunha:
-"O que diga don Manuel"
E aquelas axendas tolas: no Porriño ás 13.15, en Mos ás 13.40, e en Vigo ás dúas menos cuarto que obrigaban a que cada medio desprazase catro ou cinco equipos cada día para atender aquela actividade febril. Porque para Fraga non había semáforos, nin sinais, nin sequera xabaríns que non respectan Feijóo; outra cousa era o patrón de Vilalba que ata os animais salvaxes se arredaban del.
Fraga facía o que lle petaba, e agora de vello máis; non aturaba nin que o pobre Cabaleiro lle axustase a garavata nin que o conselleiro de Sanidade lle recomendase descansar.
Fraga era aquel vello habaneiro e abaneante que parecía que nunca ía morrer.
Eu non sei como era Fraga na intimida´* grazas a Deus. Só unha vez me rifou por deixar a bolsa das baterías ciscada no medio do IFEVI nunha das súas inauguracións na feira do automóbil coido que foi.
Ese día entendín por que se asfaltaban dous días antes de que el pasase polos lugares os treitos que el ía percorrer, para telo un pouco enganado e que pensase que este o noso país era un pouco mellor.
Como sería Galicia se o don Manuel nunca estivese aquí? Iso nunca o saberemos.
Todos coñecímo-la súa última ilusión o contento que se puña cando viña a Vigo cando Corina Porro gobernaba a cidade. Lembro un día no Museo do Mar, el un cuarto de hora antes, Corina un cuarto de hora despois, estaba don Manuel estomballado na cadeira e aburrido de vez, case diría que botando a soneca nunha desas inauguracións, cando aparece a Corina Porro e sorprendo ó don Manuel estirando a garavata e espreguizando daquel seu sono que lle faltou atusarse aqueles catro pelos que tiña.
Hoxe descansa e eu non quero xa meterme máis con el. Porque o don Manu era un precursor. El xa se facía os liftings antes que ninguén, aqueles reestilings faciais, aqueles photoshops imposibles daquelas fotos electorais nas que aparentaba sempre ter vinte anos menos, sen hialurónico nin toxina ningunha; un precursor.
O Fraga tivo os seus momentos vitais, en Cuba co Fidel; a súa querencia pola queimada que a todo o mundo levou. Aínda que eu penso que no seu moble bar se cadra tamén había: Fundador, Soberano e sobre todo Cacique.
Hai anos alguén me dixo cando facía sen ganas unha noticia para un telexornal da noite do domingo, ese é o informativo favorito de Don Manuel; se cadra por iso morreu unha noite de domingo,seguramente aínda non rematara o telexornal...

jueves, 12 de enero de 2012

Isaac Díaz Pardo

Coñecín a Isaac Díaz Pardo se non me saen mal as contas un vinte e tres de febreiro de 1996,nunha celebración de aniversario de Laxeiro. Aqueles míticos xantares que organizaba Agustina (agora esquecida) no desaparecido Posto Piloto de Alcabre. Coido que Díaz Pardo estaba dunha beira de Laxeiro, mentres que da outra supoño que da dereita :) estaba aquela espídica concelleira que en Vigo foi Maite Fernández Piñeiro, alias "estamosenello".
Eu levaba un lustro fóra de Galicia era tantos anos máis nova ca hoxe como indica a data que mencionei e aínda que sexa unha vergoña NON COÑECÍA a Díaz Pardo.
Pero "héte aquí" que como os apóstolos Pedro e Paulo, el estaba alí á beira (sinistra) do que eu cría que era o gran mestre da pintura e do outro a Supermaite e pensei ó meu modesto entender e prós* meus adentros, este ghicho debe ser importante e abofé que o era. Este home ten unha entrevista. Son eses "microflashes da vida" que un ten cando a súa igmorancia ou o seu descoñecemento do territorio se suplen con intuición.
E metínlle ó micro, alá caeron logo do cafe unha minientrevista, canutazo dicimos nós do Laxeiro da " Maiteestamos en ello" que parecía que tiña un microespazo na nosa canle e outro daquel tipo miúdo e enxoito que "flanqueaba" pola esquerda a Otero Abeledo.
Non sei se lle cheguei a dicir unha grosería moi común entre nós, por favor dígame o seu nome e o seu cargo para que quede gravado... Coido que me respostou cun sorriso nos beizos aquela boutade que tanto se repite estes días :eu son facedor de gaitas e non sei que máis, por un momento pensei que era un colega de Laxeiro sen máis. Ata que axiña, non sei se aquel mesmo día me decatei de quen era.
Tempo máis tarde coñecín un pouco máis a súa traxectoria, e aínda a vergoña daquel intre no Posto Piloto me sorprende.
Souben de que era un dos ideólogos principais de Sargadelos, esa cerámica que nos enche de orgullo polo mundo e que igual atopas nun pazo perdido do Valadouro que nunha película de Almodóvar; souben da súa proxección editorial e empresarial. Nunca o tratei persoalmente e penso que non o volvín entrevistar. Tamén vin arrepiada nalgún documental de televisión a esas horas da madrugada que só catro tolos están espertos, que a sorte nunca acompañou a Isaac, as ditaduras das que fuxía foron perseguíndoo por varios países e facendo cada vez máis difíciles os seus negocios culturais.
El nunca perdeu a ilusión por encetar de novo un proxecto empresarial vencellado ó mellor de nós, de eses galegos orgullosos de selo que saben que poden facer cousas que gusten a todos e sexan vangardistas, xeitosas e económicamente rendibles.
Díaz Pardo é o Castelao que os que nacimos nos setenta non puidemos coñecer.
Coido que tiña motivos para chorar ata case os seus últimos días. Afastárono de Sargadelos, quixérono afastar do IGI, e tamén os seus fillos ou algún deles quíxolle impoñer ás súas últimas vontades no desexo de lega-la súa obra a quen quixese. Son as bromas macabras do destino Díaz Pardo non puido case deixa-lo seu legado a quen lle petou.
Mil diazpardo máis para Galicia!

domingo, 1 de enero de 2012

Aninovo entre autopsias

Non se erguera cedo; non, só con tempo xusto de facer aquelas catro autopsias pendentes.Os individuos estaban laranxas da calor e da fervedura. Non foi difícil abrilos en canle e ver que dentro todo estaba en orde: a masa gris, as antenas, as patas.
O caparazón era feble de vez. Logo quedaba simplemente facerlle un prebe, ou unha mahonesa que lles dera sabor. E tamén foi fácil.
Descansen en paz os catro lumbrigantes cos que empecei o ano...