Vistas de página en total

miércoles, 27 de junio de 2012

Arrivederci Pepa Bueno

Pepa foise, abandonou os frames, as cámaras, despinzou o seu micro de garavata a semana pasada sen previo aviso para non o pinzar máis.
O cambio político lévaa por diante.
Din que se foi á francesa, que non se despediu, tampouco o fixo Leti que fixo mutis polo foro sen explicar adeus, ciao que "me voy pá princesa".
A min dáme pena porque a Pepa me gustaba, o seu estilo, a súa garra informativa,a súa profesionalidade, o seu xeito e comunicar, no como Ana Blanco que parece saída dun spot dun iogourt con bífidus.
A Pepa pasa de volver a sucesos e antes de que a nova nomenclatura empece a tirar de listas negras, ou listas roxas a Pepa vaise. Non quere facer corazón, nin converterse en locutora de continuidade desa eterna teletenda na que a TVE se está a converter.
Compartirá micro con Gemma Nierga, a ver que sae de aí!
E hai quen pensa que todo isto vai ter algo bo, verémola máis veces por Vigo...;)

jueves, 21 de junio de 2012

Chega ó San Xoán á Illa de Perdidas

Os preparativos do San Xoán poñen dos nervios ás nosas tres protagonistas. Maruja quere ir a Baiona a ve-las fogueiras e Pija di que pasa que ela quere ir a Praia América, Choni di que son unhas pequeno-burguesas e ela quere ir a Matamá porque desde alí vense ben tódalas cacharelas de Vigo.
A tangana non acaba aí, tampoco se poñen de acordo no menú, Choni quere comer churrasco e crioulos, e Pija está obsesionada en cear xoubas e peras de San Xoán, aínda que a xouba vai este ano a 20 euros o quilo. Un día é un día di Pija. A Maruja tanto lle ten o menú con tal de ir a Baiona comería pizza, ou unha hamburguesa, que hai que campar, pero aforrar tamén que a vida está moi dura.
A secretaria de redacción e responsable de asuntos legais da produtora, Retrinque, non pode pasa-la noite canda elas porque ten que ir á Estrada a controlar que os malotes da aldea non lle queimen a cancela nova e as fiestras vellas na lumieira da parroquia, o caso é que Retrinque queda con ganas de ir canda Choni de churrascada a Matamá e por fin deixar de cociñar un día.
E que pasa con Sonia Fontán? Pois a Sonia Fontán tócalle como sempre pasa-lo día máxico do ano na cociña do Nicolás Peña... país, país!
As tensión tamén estoupan porque ninguén quere chollar o luns pola mañá. Maruja xa colleu unha baixa a mediados da semana por ver de zafa-lo luns, Pija cambiou de quenda e Choni...
Choni está pasando un duro momento existencial acaba de decidir queima-las botas brancas de skai sen se decatar que aquel plástico de Berska arde mal e que o día da fogueira terán que vir os de Proteción Civil de Mos alertados pola fumareda tóxica.Non vos ilusionedes demasiado porque as botas brancas da Bo Derek das Illas Cíes van ser substituidas todo o verán por unhas de estampado de leopardo, de aquí en adiante, "print animal"... Retrinque tamén decide queima-la caixa de puros, logo de saca-los catro cortaúnllas que ten dentro, pero para substituila colle unha caixa das High Monster da súa filla, e Pija vai queima-lo I phone 7 porque xa papuchi lle regalou o Oito.

miércoles, 20 de junio de 2012

O diaño viste de Berska e de Punto Roma

Primeiro foi Prada, logo foi Zara, e agora Berska.
No capítulo de hoxe os guionistas de Perdidas nas Cíes non atopan os folios, polo que está a piques de anularse a serie, xa que a dirección do programa non quere que as tres protagonistas improvisen, pódese i-lo programa ó carallo, bo, ó mellor era un éxito total, como os comentarios da Carbonero a pé de campo.
Logo de revisar toda a redacción e o set da radio, e desbotar por absurda: a neveira con chave, o botiquín con chave e a caixa de puros da Retrinque e de moito revisar, os folios aparecen ó lado da neveira do proletariado, ó fondo do corredor.
Son cousas normais, que pasan en calquera programa sobre todo nun reality show como este. Pena que guindaran o monolito de Franco na Illa principal porque aquel tamén era un bo sitio para garda-los folios, os móbiles e as aspirinas...

martes, 19 de junio de 2012

"Perdidas nas Cíes", temporada dúas

Maruja tiña a teima de obriga-lo ordenanza a levarlle os nenos ó colexio no coche oficial e recollelos e deixalos na casa. Se cadra collera os xeitos dun xefe seu que tamén o obrigaba a leva-los DVDs da fin de semana ó desaparecido Block Buster.
Foi por iso polo que Choni se tomou a liberdade de pedirlle que lle cambiara unha camiseta no Stradivarius (esta vez non fora a Berska), parecíalle moi sinxela e sosa.
Maruja foina cambiar logo do café, ía toda apresurada, sen mirar demasiado e meteuse no primeiro sitio onde viu moita luz que resultou se-lo Mac Donald´s. Maruja era un pouco como Retrinque sempre facendo a pelota os xefes e asoballando ós compañeiros.
Maruja, Choni e Pija só coñecían 3 tipos de mulleres: solteiras, casadas e preñadas. Hai pouco que se fixo "membra" da Liga Antivicio, fixérao por ver de medrar un pouco. Os que a coñecían botábanse ás mans á cabeza; o que fora aquela muller e no que se convertera!
A media tarde Pija precisa un teléfono para facer unha chamada e decide colle-lo teléfono destinado ás concursantes, tamén chamado teléfono de Pedro, pero non aparece, está pechado CON CHAVE no caixón de produción...

miércoles, 13 de junio de 2012

Marujas histéricas; spin off de Perdidas nas Cíes

Dos creadores do programa de Samantha Villar, máis vale vivilo que contalo, das creadoras de Perdidas nas Cíes e dos guionistas de Whisteria Lane e a petición da audiencia. Hoxe capítulo piloto de Marujas histéricas.
Con cameos especiais de Retrinque do Fax e de Sonia Fontán.
Maruja, a nosa protagonista de Perdidas nas Cíes está empeñada en que tódolos do seu despacho profesional laboral vivan canda ela os efectos dunha menopausa raabiosa. Cando os sufocos, o aire acondicionado a 12 graos e tódalas fiestras abertas que case desaparece unha sentenza importantísima da mesa do despacho do xefe. Cando os calafríos todo pechado e a calefa a 28 graos. Para as mulleres é revelador do que algún día vivirán , pero para os homes do despacho aquel, algúns case octoxenarios, aquilo é un castigo.
Amoréanse os catarros a destempo e o despacho recibe unha notificación de Gas Natural penalizando os consumos eléctricos tan arbitrarios, ora calefacción ora aire acondicionado... a tarifa verán e inverno que o despacho tiña concertada coa compañía eléctrica xa non vale para nada.
A desaparición dun cargador de móbil ten aqueloutradas a Maruja e a Choni. Jo non sei xa onde mete-las cousas, aquí parece que hai ladróns. Debimos metelo na neveira ou no botiquín que son os únicos que teñen chave.
Retrinque, a administrativa do choio tamén pensaba que o cargador estaría a salvo na caixa de puros aquela onde gardaba as facturas e varios cortaúnllas mercados nos chineses. E senón como pensaba Retrinque, se falta algo, sempre lle podo bota-la culpa a Anajus, como o día que petou a calefacción...
Coa libido nos pés, a oxitocina a niveis desorbitados,e os estrógenos no tempo de desconto as tres Marujas histéricas non dan feito. Só lles queda apuntarse a escoitar cadea Dial nos descansos de "Hombres, mujeres y viceversa", e para iso alí está esa sempiterna comapeira de Sonia Fontán con ese marabilloso CD de Chino y Nacho e dos Tres Soles do Paraguai, con esa música de culto que garda en tres CDS, o orixinal, un duplicado e unha copia de seguridá* porsiaca... porque que fariamos sen a banda sonora desa nosa vida, nada: fritir croquetas na cociña do Nicolás Peña...
Continuará?

sábado, 9 de junio de 2012

Papuchis

A filla de Ferrín e o seu mozo oh casualidade están de bolseiros na Real Academia Galega, a filla de Reixa: Antela Cid e o seu mozo son os protas do filme de papá no Casco Vello de Vigo...
O fillo de Esperanza Aguirre vai de asesor a un ministerio,o home de Soraya Saenz de Santamaría e o da Infanta Cristina a Telefónica e aínda hai quen defenda todo isto. O fillo de Baltar tamén está onde papá; e que nos queda ós demais? Os que non somos fillos de p...?

sábado, 2 de junio de 2012

Dívar, enamorao

Católico practicante, misa diaria, sempre con Deus nos beizos,pero esqueceu varias cousas.
Non mentirás, non pensarás que estás por riba dos outros, serás humilde como os lirios do campo, o que se enaltece será humillado ou a verdade farache libre e mil ideas máis que calquera bo cristián coñece e calquera home con certa cultura relixiosa tamén.
Gustaríame ter un goberno que recortase alí onde todos sabemos: na deputación de Pontevedra que vai financiar con 200.000 euros á Fundación Celta, un goberno que recortase en viaxes a Latinoamérica só con fins electorais, un goberno low cost que practicase esa austeridade da que tanto fala.
Por iso o Dívar debería dimitir porque ou devolve os cartos que cargou na visa da xudicatura española ou vaise.
Debería ser coherente con esa fe que tanto predica. Ou é que predica unha cousa e fai outra ás agachadas?
Ai, esa austeridade da que tanto se fala debería obrigar a este señor a dimitir, porque se está esixindo un esforzo brutal a esas persoas que cobran 1.000 euros ou menos, mentres impresentables como este rañan na visa dos cartos públicos como se nada.
Dan leccións de ética e de moral e logo pasan cinco días dos sete da semana nos cuartos escuros e nos hoteis de cinco estrelas con quen sabe quen. E saberá este señor que as persoas que pagan cos seus impostos estas semanas caribeñas traballan polo menos cinco días á semana ou seis ou sete, Deus sabe cantas horas para que el non repare en gastos... e isto só ten unha explicación: Dívar está namorao, pero queremos saber de quen? No fondo estamos pagando os seus excesos e que se vaia para a casa a gozar do seu amor.