Vistas de página en total

domingo, 30 de septiembre de 2012

Adeus á crise! Vivan o esmedrelle e o "descojone"

A noticia do verán para moitos foi a reinvención do Ecce Homo de Borja e salvadas as distancias tamén a "palla whatsapp" de Olvido Hormigos retuiteada e reenviada ata o infinito. Son "paridas" informativas, historias irrelevantes ou que nós convertemos en banais por pasa-lo tempo. Precisamos esquece-la crise que nos abruma e cómpre rir aínda que sexa do triste, do obsceno ou do aberrante.Necesitamos desencadra-la realidade como nas obras de arte ou nas composicións son necesarias as liñas de fuga, e a nosa é a retranca... Por iso xa me tarda que non se reedite aquel xogo do feisbú: cal é o teu regalo favorito da trama Gürtel ou elixe o teu "cohecho pasivo" da operación Pokemon. Axiña tamén, cal é o teu insulto favorito de Anna Tarrés? Eres gorda! ou Andreíta cómete o vómito! Pero para iso xa estaba Risto Meijide... en situacións como esta só a retranca nos pode salvar...

martes, 25 de septiembre de 2012

Regueifa de lobas na televisión

Parecía que o gran "duelo" de divas da comunicación deste novo curso mediático ía ter lugar nas ondas; Gemma Nierga e Pepa Bueno ían compartir estudo, dous egos importantes compartindo o mesmo micro, pero non foi tal. Os lóstregos producíronse entre frames e lufadas. Entre vasca e navarra: case primas irmás. - Estás oxidada? Díxolle Mariló a Anne. E Anne calaba ata que falou no seu propio programa, onde xa non dá como lle dicía a outra:"paso a vídeo", "paso a vídeo"... Alucinante foi, parecía a selva, parecía Mogambo máis ben; Anne no papel de Grace Kelly e Mariló no de Ava Gadner pelexando por un Clark Gable, convertido nun programa en "prime time". Parecía un asalto preconcebido e preparado para dar publicidade os dous programas para recebarse mutuamente. Faltou que Mariló lle preguntase a Anne polo rei e que Anne lle retrucase polo seu co exdirector da televisión. A telecinquización de TVE é lenta pero segura, nin un paso atrás...

lunes, 24 de septiembre de 2012

A síndrome de Ronaldo

Pensan que son máis guapos, máis listos e máis ricos cós demais. Actúan como tales. Mírannos desde un plano, superior, case desde un plano cenital*. Desde esa intelixencia da que tanto alardean, da que tanto campan. Suxiren, pontifican e miran de esguello a tódolos demais. E téñennos fartos ós que non somos tan guapos, tan listos ou tan ricos como eles, ou si? Porque ese éo problema do mal de altura que fai que se vexa mal, que se distorsione. Esta xente que tan lista se cre debería ter alomenos un pouco de esa sensibilidade tan típica das persoas intelixentes de verdade. De non facer de menos ós demais, ós que consideran inferiores. Pero o mal de altura xera distorsións e espellismos. A síndrome de Ronaldo ten algún aspecto bo, o Ronaldo teno todo ou alomenos iso di el. Pero todo iso non lle chega. O Ronaldo está triste se cadra porque as cousas materiais non abondan cando non se ten sensibilidá*.