O sofá é unha das pezas esenciais dun fogar que se precie de selo. É un dos primeiros mobles que se adquiren para unha casa,se cadra logo da cama. Aínda que un sofá tamén serve para durmir e derivados.
Nos sofás desenvólvense as mellores escenas da vida cotiá do relax das parellas; tamén as discusións sobre o espazo ocupado ou polo o mando.
Hainos con forro pra que non se estraguen, con manta por se vai frío, con chaise longe por se presta estarricarse ou botar unha soneca.
O mito dos homes enviados a durmir ó sofá non parece ser tal. A maior parte deles van pró sofá motu propio pra non escoitar ó neno que chora, pra mazarse a ver a tele ata altas horas da madrugada ou pra non aturar a unha muller demasiado intensa que lle coma a cabeza horas antes de durmir. o sofá tamén agocha unha fuxida da comunicación, un aillamento.
O último caso que coñecín de home que durmía nun sofá porque lle prestaba, porque traballaba a quendas e non se afacía a durmir acompañado ou por qué sabe Deus qué,foi abandonado pola súa compañeira, farta desa non conversa, desa non relación, desa falta de agarimo antes de pecha-los ollos.
E el foise abofé que sí. Apenas levou nada da casa,nin a tele, nin a cámara, nin o ordenador. Pero aquel sofá preside agora a súa nova casa, onde outra compañeira o escoita roncar desde o cuarto de a lado do salón.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario