Páginas vistas en total

jueves, 27 de diciembre de 2012

Perdidas nas Rebaixas

Chega xaneiro e Maruja está moi deprimida,entroutras cousas porque xa non lle quedan días libres despois de pulilos todos no nadal, Choni decátase e nunha iniciativa inusitada decide organizar unha xornada de rebaixas, as tres xuntas. Pija non quere, qué vai mercar ela con aquelas dúas palurdas que non teñen xeito nin estilo, pero non é capaz de dicirlle que non a Choni. Empezan nun comercio do Calvario que coñece Choni. Pija entra aterrorizada, mentres que Maruja nada máis entrar se fixa nunha prenda de abrigo. -Qué é iso? pregunta Pija, non ten marca.Maruja entra toda decidida no probador e decátase de que a prenda que é un talle corenta non lle cabe, e comeza a chorar. Non te preocupes muller, oíches iso de que os xoves son os novos venres, pois a corenta é agora a nova trinta e oito. Maruja estaba moi ofuscada desque deixou o tranquimazín por prescripción facultativa. Como na tenda non hai talle corenta e dous, saen do establecemnto e continúan o seu periplo por Urzáiz. Paran un ratiño en Bimba & Lola pero Maruja e Choni abúrrense tanto que saen axiña. Pija queda seducida por unhas katiuskas tipo Hunter que custan 350 euros pero prefere agardar ás segundas rebaixas. Pasan un bo anaco en Berska, a tenda favorita de Choni, os andeis cheos de chaquetóns de veludo, botas e camisetas con debuxos de cadelos e caveiras parécenlle ideais. Sae de alí con dúas bolsas grandes que Maruja se ofrece a lle levar toda solícita. Pija non disimula o amolada que está e anda a fedellar todo o tempo no Aifon 5, cambiando o seu estado no twitter. Á altura de Stradivarius Pija entra en shock. - Isto xa é moito para min, non podo aturar este fedor, maréome - Vou tomar un xeado no Mac Donnals, mentres chequeo o Aifon. (Algo que por outra parte levaba toda a tarde facendo). En Stradivarius Maruja compra un blusón e Choni insístelle para que se leve uns leggings, pero non consigue convencela. Pija pasa rosmando toda a xornada, non lle gustan as rebaixas, desque alguén lle dixo que era unha "it girl" estaba que non lle cabía un piñón polo cu e non quería que a visen en escearios inaxeitados. Cando rematan Urzáiz Pija quere ir a Purificación García e a Adolfo Domínguez, pero Maruja e Choni xa están derreadas e non teñen cartos e pasan de ir. Pija colle unha rabecha de aquí a Club de Campo, pero xa non lle fai caso ninguén. O seu único consolo é chegar á casa e atopar todo en orde: o seu home co "aipad" e o neno coa "tablet", por fin un pouco de paz, "aquilo si que era vida".

miércoles, 26 de diciembre de 2012

Caixanova, do esplendor ó ocaso...

Hai tres ou catro anos por estas datas Caixanova convocábanos no oitavo ou noveno andar da sede central en Vigo, un edificio que ten fachada a catro rúas principais da cidade: rúa Colón, Marqués de Valadares, Pontevedra, e García Barbón. Outras veces era no Pazo de San Roque. Alí, case sempre Gayoso con micro de garavata ou Pego con micro de man cantaban as contas do ano, facían balanzo dos últimos doce meses. Asulagaban os nosos cerebros de cifras: volume de negocio,beneficios, cash flow, beneficios antes de impostos, carteira industrial...aforro familiar, obra social, e mesmo o gran Julio falaba das súas adegas de Porto vintage das que tan orgulloso estaba. A maioría de nós non entendía un carallo, e cinguía as súas informacións a volume de negocio e beneficios para non aturullarnos nós nin saturar ó personal. Había algunhas preguntas, seguramente sobre a inflación, o IPC, e mil "perralladas" máis que preguntaban os dos xornais económicos. Todo parecía ir ben. Había un que por toca-los collós a Gayoso sempre lle preguntaba por qué Caixanova non era accionista de Pescanova ou por qué esa factoría de Chapela tiña os cartos en Caixaga, era a pregunta máis dura e incómoda que o home renegrido ( con permiso de Javier Guerra) e enxoito tiña que escoitar. Naquelas xuntanzas como na vida había dúas clases de persoas: os altos directivos de medios que tiñan cadeira reservada e quedaban a comer, e nós, a tropa de batalla do xornalismo que tiña que face-las informacións, pero que tiña que pedir permiso para se sentar e obviamente non era convidada a xantar... E así decorrían os días plácidos e felices, ata que aquela Arcadia se converteu na cova de Alí Babá. E Gayoso xa non sabe que facer con tódalas medallas que tódalas institucións da cidade lle deron que xa non caben sobre o andel da cheminea de Canido. E que pasou? Eles saberán. Onde estaba o gran burato? E onde están tódolos cartos desas persoas que dormen este nadal nos caixeiros,e nas casas dos concellos. E canto vale aquela caixa? Un euro. E quen o vai pagar? O Santander!!! Fagan as súas apostas.

lunes, 24 de diciembre de 2012

Anticonto de Nadal

Sí, hoxe é o día axeitado, xa están todos alá. Pode ser que haxa algún despistado que aínda vaia por Ponteareas ou O Confurco, pero a maioría deles xa están alá, no sitio onde naceron máis alá dos túneles da Cañiza. Chegou o momento de petarlle-lo túnel e que non podan volver máis. E ti Mariano a que andas? Estás poñendo peaxes ós teus conveciños pontevedreses e non se che ocorre grava-lo paso polas autovías como fixeron con moi bo tino os nosos irmaos portugueses, eses si que están avanzaos* Peaxes máis caras se usas pontes, túneles e estruturas singulares nas vías de alta capacidade; aprende Mariano, aprende que tanto puro tenche as neuronas ó ralentí. E que bonita sería a vida sen eles, eh? Pero este é un conto de nadal, nin sequera conto, anticonto de nadal.

viernes, 21 de diciembre de 2012

O primeiro gran fracaso do último cacique

Rafa Louzán muñiu manu militari grandes acordos políticos na provincia entre sabas e manteis.Nalgúns concellos aínda trousan co seu recordo.Convenceu a Nava Castro para que volvese ó PP, conseguiu para Nidia a cadeira de Mos, rodeada de gardacostas; o trono do Porriño para Nelson,Moaña tamén se volveu azul, malia o vermello que ditaban as urnas e se cadra manexou tamén no norte da provincia e houbo máis casos no sur. Pasou de bedel do concello de Ribadumia, a gran cancerbeiro popular; pasou de colaborador de Nené Barral a compañeiro de Feijóo; de bolseiro de Baltar a rei dos caciques todos. Pero hai dúas numancias que se lle resisten, a cidade do Lérez e e do Lagares.Aquí non pinta nada, ou moi pouco, tan pouco que ata de Pontevedra se lle van tres edís, aínda que llo quere prohibir a un. Ai, Louci, Louci que non sempre funciona a Samsonite ou é que desta vez non houbo Samsonite?

jueves, 20 de diciembre de 2012

A milagre dos peixes e dos bolos de leite

Só se lle ocorre a ela, a esa muller que se peitea unha permanente das antigas con mechas das de antes. Cristina de Andrés a "non broker" que non pasou de BUP e nin falar sabe castelán dá clases de altas finanzas e de estilo. A súa irmá dá clases das de verdade, suponse e é experta en fracaso escolar, segundo di o seu slogan. As dúas divas da educación e dos bisnes dominan ámbalas marxes da rúa Urzáiz desde a Farola ata os Mariñeiros de Ramón Conde. Saíndo de Príncipe Rive Droite domina Cristina Andrés, Rive Gauche a súa irmá Ángeles e a súa NON ACADEMIA. As súas humoradas, performances e alfombras vermellas de veludo enchen a rúa toda. O novo microteatro ten dúas autoras máis, creadoras de astracanadas,e esperpentos variados. Esta xente ten madeira, xa desde cativiñas dicían que falaban con Julio Iglesias e con Frank Sinatra e que se "codeaban" con xeques árabes... O delirio chega ós extremos máis insospeitados. Agora a "furabolos", A "maribollera dos precarios" esta pretendía facer unha choiva de bolos desde o balcón.Que protocolo, que bo facer, que raíña do management. Desde a irrupción de Nati Abascal e de Lomana non se vira nada igual.

martes, 18 de diciembre de 2012

Perdidas no Nadal

O Nadal chega á Illa de Perdidas. E todo se enche de grilandas e luces, ademais dos brillos habituais da roupa de Choni. Maruja non para de mandar power points polo whatsapp e ten xa a tódalas súas amigas cheas e fartas, todas co móbil en modo-avión. Pero o delirio chega cando as nosas tres protagonistas descobren os vídeos de "electroduendes" e trasgos de nadal que se poden encher coas caras de cada unha. Veña que probar novos modelos, veña panxoliña vén, veña panxoliña vai, os peixes do río están fartos, a burra de Belén ponse a nadar e hai quen di que o Papa se viu na obriga de elimina-la mula e o boi porque estaban en risco de acabar como vacas tolas. Toda a semana con pitufos, trasgos, e campaniñas de nadal fan que Robinson empece a colvulsionar do shock musical e Maruja vése na obriga* de chamar ó 112, que tarda un tempo en chegar. Pija ponse a gravar co IPhone 5 ata que a Policía Nacional a manda parar, pero Maruja teima catro ou cinco veces en que aquilo é terreo público e pode gravar canto queira. Os axentes están fartos da prepotencia de Maruja e de Pija, pero só poden deter a esta última e obsequiala cunha tarxeta regalo do Spa Resort A Lama Residencial dunha semana.

jueves, 6 de diciembre de 2012

Lucky Luciano, o americano, o rei dos "huevos fritos"

Non é unha nova franquía de comida rápida españolizada, non é o Kentucky Fried Chicken español,nin o Peggy Sue´s galaico nin o Tommy Mel´s cañí. É a nova receita típica arousá. Ata agora ós narcos facíanlles como ós polbos:mallar neles, cortarlles un dedo o facer un rolo de carne rechea de queixo:meténdolle na boca os seus escarpíns. Agora a receita é outra, herdeira das novas franquías e da comida rápida: "ovos fritidos", os do narco vilanovés José Luciano Núñes, alias Lucky Luciano.

miércoles, 28 de noviembre de 2012

Antes Edu, agora Edius

Xa hai tempo que nas empresas priman as máquinas sobre as persoas. Pasa desde a revolución industrial. Tamén triunfan as persoas que actúan como máquinas como se nin tivesen corazón, e é que se cadra non o teñen. Hai un lustro botabámono-las mans á cabeza cando viamos a un xornalista da prensa escrita que facía fotos, ou un de televisión que gravaba imaxes e redactaba tamén. Agora queren tamén que como xa fan nas privadas, nas públicas o que redacta edite tamén en vídeo as imaxes que o cámara gravou. Din que non hai volta atrás e que a nova lei laboral o permite e protexe. Queren ademais que aquelas persoas que ven en perigo o seu traballo ensinen ós demais. Mentres desde a Torre de Notre Damme circulan inxustos expedientes,e medo moito medo.

lunes, 19 de noviembre de 2012

Un paiaso moderno

Non me gustan os paiasos. Parécenme tristes, coa maquillaxe cuarteada e o nariz vermello, con aqueles chistes fáciles e estrondosos.Pero aquel era diferente, actuaba cada xoves despois de merendar e de face-los deberes. Ía canda outros tres ou catro, sempre de vermello ata os pés. Xa daquela facían skechts cando ninguén lles chamaba así. Deberon durar vinte anos en pantalla, porque todos nós: os de corenta, os de cincuenta e os de trinta os lembramos. Con Miliki finou o último deles, aínda queda aquel home triste, o serio, o Fernando Chinarro que aínda tivo as forzas para ir ó tanatorio. Canda eles desaparece a nosa infancia. Nós na casa víamolos ata o final, só por ve-lo rótulo do grafista, un primo de meu pai, o primeiro de todos nós que xa traballaba na tele.

jueves, 1 de noviembre de 2012

Robinson II, spin off de Perdidas nas Cíes

Robinson continúa desorientado nas Cíes,non consigue se-lo Ulises daquela Ítaca aínda que o intenta. Converte-lo seu nunha odisea. Vive psicopatizado e fanatizado por ler algún día nos xornais Robinson incendia twitter, pero non acada o seu obxectivo.
 Para non desmoralizarse pensa que  toda aquela sabedoría súa non se pode sintetizar en 140 caracteres. El é un gurú, un gran prescriptor de ideas e tendencias.
 Logo das eleccións todo o mundo bota contas na Illa de Perdidas: de puntos, escanos e votos, e todos arriman a sardiña á súa brasa. Aínda que os resultados parecen máis claros que nunca e o gran arquipélago vigués amence tinguido dun manto azul tanto no mar como no ceo, e gris, gris só queda a terra e os seus habitantes.
 Robin pasara todo aquel tempo agardando unha chamada que nunca se producía, el atribuíao á falta de cobertura. Admirador de Wert pensaba en ir ó cine en canto chegara a terra firme e debatíase entre ver: Lo imposible e a nova Blancanieves e optou por esta última...Itaca wikipedia

lunes, 29 de octubre de 2012

Robinson, spin off de Perdidas nas Cíes

Dos dialoguistas de Mariló Montero, dos guionistas de Martínez el facha e Peor imposible e dos escaletistas de Gandía Shore chega a spin off  "Robinson, perdido nas Cíes".Patrocinada pola Deputación de Pontevedra e polo Padroado Rías Baixas.
 Robinson na Illa de Perdidas. Robin  cre que está só, pero non o está, estranas presenzas aínda perduran nas Illas. Robinson acude alá a meditar nunha nova produción audiovisual. El é un gurú do frame, un spilberg en potencia, aínda que sexa un incomprendido.
 O primeiro que se plantexa Robinson é a aposta polos medios de locomoción. O máis importante de tódalas películas é o coche de produción. Dá igual que non haxa cámaras, nin sonidistas pero parece imprescindible contratar a un amigo seu os seis coches de produción para percorrer unha illa que se pode andar a pé e na que non hai ponte*
 Ademais de pensar e retuitea-los seus pensamentos ad eternum coa súa Samsung Galaxy Tablet, Robinson tamén lía en papel: "O anel dos nibelungos". Acompañado da música de Richard Wagner: "Der Ring des Nibelungen". (Ai se me vira a Merkel me contrataba, pensaba para si).
 Despois de fumar unha planta de estramonio que atopa na Cala Cantareira, Robinson non entende por que os Nibelungos desenvolven a súa acción nos Países Nórdicos, na actual Alemaña. Os Nibelungos non poden saír de España, como como moito só poden viaxar a Benidorm. Aínda lles pode recortar un pouco máis o salario...parece que lles sobra...

Os efluvios do estramonio fan pensar cousas estranas a Robinson, quen decide que aquelas Illas tan guais e tan xeitosas deberían trasladarse á Coruña, ou polo menos a Santiago , que para iso é a capital de Galicia...

sábado, 27 de octubre de 2012

Delirios postelectorais

O PP recunca con apenas  vinte mil ou trinta mil votos máis que toda a esquerda esgazada en mil pedazos cambiando de nome cada tres meses e a coitelada limpia no PSOE ata case o mesmo día da convocatoria das eleccións.
 A esquerda coas súas leas internas deixouse gañar. Malia crise, malia o medo atávico dos parados, dos interinos, dos funcionarios e de tódolos demais que pensan que mañá pode se-lo día en que poden quedar sen chollo a esquerda nada fixo; durmir nos loureiros e pelexar entre eles.
 A manipulación mediática, e unha axenda política, social e xudicial controlada desde o poder favoreceron o segundo goberno de Núñez Feijóo.
 Coñezo medios nos que nos últimos meses non se publicou noticia ningunha que puidese prexudicar ó goberno do PP e nos que se  magnificaron convenientemente as disputas e trasacordos dos demais. Coñezo medios nos que non saíu Mario Conde, e moi pouco o fillo de Cuíña, nin que dicir das pequenas formacións, non teñen dereito a nada. Os electores deberiamos coñecelos a todos para saber a quen votar.
 O primeiro escano non debería valer tantos votos, nin debería valer máis o voto dun ourensán có dun vigués.
 A xuíza de Lugo, cuxo home é dirixente do PP podería agardar logo das eleccións para desenvolve-la redada Pokemon.
 O boneco nipón arrasou con boa parte das expectativas dos socialistas e agravou as súas diferencias.Desde a cidade das burgas non sei se non abraiarán con que alí se detecten e denuncien tódalas supostas corrupcións menos as que afectan as proximidades de Baltar.

 Sorprende que coa clase política en crise total de credibilidade cada vez foran máis as papeletas entre as que puidemos elixir. Sorprende que Mario Conde se presente e o queira facer por Pontevedra. Se cadra porque llo pediu Baltar que quere seguir tendo cautivo dos seus votos e deputados ó PP de Núñez Feijóo.
  Chama a atención a desaparición da axenda informativa dos últimos días da falta de tax lease, das convocatorias contra a pobreza e a prohibición de facer manifestacións ós case cen mil afectados polas preferentes.
 Chocan tamén as dúbidas máis que razonables, (oxalá  teña razón o goberno recuncante)  sobre os
contratos de PEMEX, que obrigaron ó goberno galego a forzar declaracións de responsables mexicanos ou de García Costas (tan cuestionado polo goberno galego durante a fusión das caixas). Alucina ver agora como García Costas gran deudor das dúas caixas e case a única persoa que en campaña e precampaña confirmase que existen uns contratos que ninguén víu, e desboca a nosa imaxinación que José García Costas hai dous días fora recompensado? coa copresidencia da vella Novacaixagalicia á que tantos cartos lle debe.
  Son estas cousas que pasan nesta Galicia nosa, nesta campaña marcada por PEMEX e VENDEX.
 Pero non vou quita-la razón ós votantes, son sabios, cos elementos de xuízo que se lles deron decidiron ben e vendo ademais como a esquerda se desangraba en estériles pelexas convenientemente televisadas, radiadas e narradas polos mesmos medios que ocultan as do PP.
 E xa vedes Núñez Feijóo tan só ten cincuenta anos e xa está feito todo un Fraga da vida, unha máquina de gañar eleccións....

miércoles, 10 de octubre de 2012

Delirios urbáns nas illas

Pasa o de sempre, o que leva pasando desde hai quince anos e non hai volta atrás. Soa un móbil cun politono de moda, de moda hai quince anos. O outono cálido, quente e húmido produce reaccións caribeñas e tropicais na nosa illa. O xefe de produción ponse tolo cada vez que abre un dominical e ve un anuncio de Intimissimi. Maruja anda que se sube polas paredes por mor da calor, da menopausa e da lectura de "Cincuenta sombras de Grey".O bar do Porto vai saír calquera día voando entre a apertura das fiestras, e o aire acondicionado. O director de arte está moi desestabilizado logo de que lle cambiaran o horario. As inminentes eleccións traen de cabeza a todos. Pero sempre hai unha boa noticia chega á Illa o I Phone 5. A ver se adivinades quen o trouxo?

domingo, 30 de septiembre de 2012

Adeus á crise! Vivan o esmedrelle e o "descojone"

A noticia do verán para moitos foi a reinvención do Ecce Homo de Borja e salvadas as distancias tamén a "palla whatsapp" de Olvido Hormigos retuiteada e reenviada ata o infinito. Son "paridas" informativas, historias irrelevantes ou que nós convertemos en banais por pasa-lo tempo. Precisamos esquece-la crise que nos abruma e cómpre rir aínda que sexa do triste, do obsceno ou do aberrante.Necesitamos desencadra-la realidade como nas obras de arte ou nas composicións son necesarias as liñas de fuga, e a nosa é a retranca... Por iso xa me tarda que non se reedite aquel xogo do feisbú: cal é o teu regalo favorito da trama Gürtel ou elixe o teu "cohecho pasivo" da operación Pokemon. Axiña tamén, cal é o teu insulto favorito de Anna Tarrés? Eres gorda! ou Andreíta cómete o vómito! Pero para iso xa estaba Risto Meijide... en situacións como esta só a retranca nos pode salvar...

martes, 25 de septiembre de 2012

Regueifa de lobas na televisión

Parecía que o gran "duelo" de divas da comunicación deste novo curso mediático ía ter lugar nas ondas; Gemma Nierga e Pepa Bueno ían compartir estudo, dous egos importantes compartindo o mesmo micro, pero non foi tal. Os lóstregos producíronse entre frames e lufadas. Entre vasca e navarra: case primas irmás. - Estás oxidada? Díxolle Mariló a Anne. E Anne calaba ata que falou no seu propio programa, onde xa non dá como lle dicía a outra:"paso a vídeo", "paso a vídeo"... Alucinante foi, parecía a selva, parecía Mogambo máis ben; Anne no papel de Grace Kelly e Mariló no de Ava Gadner pelexando por un Clark Gable, convertido nun programa en "prime time". Parecía un asalto preconcebido e preparado para dar publicidade os dous programas para recebarse mutuamente. Faltou que Mariló lle preguntase a Anne polo rei e que Anne lle retrucase polo seu co exdirector da televisión. A telecinquización de TVE é lenta pero segura, nin un paso atrás...

lunes, 24 de septiembre de 2012

A síndrome de Ronaldo

Pensan que son máis guapos, máis listos e máis ricos cós demais. Actúan como tales. Mírannos desde un plano, superior, case desde un plano cenital*. Desde esa intelixencia da que tanto alardean, da que tanto campan. Suxiren, pontifican e miran de esguello a tódolos demais. E téñennos fartos ós que non somos tan guapos, tan listos ou tan ricos como eles, ou si? Porque ese éo problema do mal de altura que fai que se vexa mal, que se distorsione. Esta xente que tan lista se cre debería ter alomenos un pouco de esa sensibilidade tan típica das persoas intelixentes de verdade. De non facer de menos ós demais, ós que consideran inferiores. Pero o mal de altura xera distorsións e espellismos. A síndrome de Ronaldo ten algún aspecto bo, o Ronaldo teno todo ou alomenos iso di el. Pero todo iso non lle chega. O Ronaldo está triste se cadra porque as cousas materiais non abondan cando non se ten sensibilidá*.

miércoles, 15 de agosto de 2012

Mamadou Kane versus Rafa Estévez

Canto vale un fotógrafo ou un xornalista? Moi pouco, só cómpre ver moitas das nosas nóminas. Agora saberemos ademais que pensan os políticos e os xuíces de nós. Se meterlle unha "marimba" a un fotógrafo miúdo entre catro axentes armados pódelles saír de balde a eses policías.
Rafa Estévez sen querer dá un empurrón a un axente nunha cobertura tumultuosa. Ocorre mil veces. Algún de nós empurrou a un conselleiro sen querer, deulle cun trípode a un alcalde ou ámbalas e outras cousas á vez como o noso amigo Herbie. Houbo quen tamén sen querer case lle queima a calva ó Rei e malia o exército que ese señor leva non lle pasou nada...
Son gaxes do oficio, ás veces os golpes levámolos nós e son tamén sen querer e nunca pasa nada.
En 1996 tamén CATRO POLICÍAS ( parece que sempre van de 4 en catro cando van mallar,que heroicidade) desta volta locais sorprenderon ó senegalés Mamadou Kane sen documentación cun posto ambulante en Samil. Detivérono e subírono a un monte de Beade onde tamén lle meteron unha boa malleira e o insultaron segundo o seu testemuño.
Daquela montouse un rebumbio político, social e mediático que culminou cunha denuncia de Mamadou Kane ós axentes que o agrediron. Gañou nos xulgados, os policías aqueles quedaron estigmatizados e estiveron afastados das rúas durante algún tempo foran inhabilitados aínda que ó final foron indultados polo goberno español logo dalgúns anos.
No caso Mamadou non había testemuñas do que ocorreu no monte, non había fotos e vídeos reproducidos ata a saciedade na internet estes días; pero había vergoña, parece que máis que agora.
Ou é que vale máis un inmigrante senegalés que un xornalista ou un fotógrafo?

martes, 14 de agosto de 2012

Como quen oe chover

Aínda ferve nas nosas retinas a imaxe de Rafa Estévez que todos vimos no Vigo al Minuto , no Diario de Pontevedra, no Mundo ou no País, tirado no chan esmagado por catro policías nacionais.
Todo porque deu un golpe sen querer ( hai presunción de inocencia oun non? ) a un axente da Policía Nacional nun acto tumultuoso deses nos que todos nos rozamos sen querer.
Os axentes da Policía Nacional están nerviosos ou non hai maior delicuente que unha persoa que intenta face-la mellor foto?
Debería haber respostas e que estas sexan áxiles. Por casualidades da vida coñecín a Rafa cando era un neno tímido e riquiño, e logo deveniu nun gran profesional cauto e responsable que non merece nada así, digno daquel neno que foi. Varias horas en comisaría, xuízo rápido aprazado e agora polo penal? Non podemos permitir algo así.
Alguén debería explicárnolo e pedir responsabilidades quen nos defende desta policía? Son inmunes? Poden face-lo que queiran sen ofrecer explicacións? Porque a un se lle pode i-la man, pero non a catro.
Tamén me gustaría que aqueles persoeiros que estaban en Peinador ben prestos a saír en imaxes como as que Rafa tentaba captar defenderan ó noso compañeiro, que é un de nós, un calquera, un inocente que pode cometer un erro pola présas e polo tumulto. Queremos que tamén eles falen. Estamos afeitos que nos insulten , a que nos berren a que digan que somos os culpables da crise ou da morte de Lady Di,que "tragiversades todo" pero ata agora en Vigo nunca nos sentiramos como terroristas ou asasinos... ( que a eles os tratan mellor).
Agardamos unha resposta porque onde hoxe está Rafa calquera día podemos estar nós...

domingo, 12 de agosto de 2012

La mala educación

Farto de cuchicheos, de lerchadas e de puñaladas trapeiras. Falaban no mesmo tono que as vellas na misa. Siseando. Cando non era así andaban pendurados do móbil cambiando de estado en cada paso de cebra e en cada semáforo, twitteando a media conversa, falando antes coa máquina que coa persoa. Tecnoestresados, usando o instagram como as famosas o photoshop.
Apaga e ímonos...

domingo, 5 de agosto de 2012

Enviado desde o meu I Pad


No baño do bungalow da Illa de Perdidas aparece un anel de Tous e Maruja decide gardalo na caixa forte, aínda que tamén dubida se metelo na caixa rexistradora nova, no botiquín ou na neveira, calquera sitio vale porque todos teñen chave.
Chega o aniversario de Pija e Choni e Maruja deciden facerlle un regalo e poñen un bote de cinco euros cada unha, polo que nos lles dá máis que para mercarlle unha pulseira de "Diecisiete cosas" das máis baratas, moi riquiña, iso si, pero moi asequible de prezo.
As cousas tampouco pintan ben en casa para Pija porque Papuchi lle regala unha tablet Samsung Galaxy e Pija non a quere. Quere unha I Pad para que cando pendure as fotos no feisbuc ou no twitter poña "enviado desde o meu I Pad". Por ese motivo pasa dous días sen lle falar.
- Só se lle ocorre a el: mercarme unha tablet coreana, que vergoña! Que cada vez que poña algo todo o mundo saiba: colgado desde Samsung mobáil, non isto é moi forte para min...
A chegada das Olimpíadas ten moi entretida a Choni que un dos primeiros días decide facer unha homenaxe ó gran evento do deporte mundial: levando un estismo ad hoc: minishort vermello de futbolista e camiseta de debuxos ópticos vermellos e marelos tipo cachemir que xa quixera para si David Cal...

miércoles, 25 de julio de 2012

Perdidas nas Cíes, o musical

A actividade frenética do verán fixo que o narrador omnisciente abandonase a crónica de Perdidas nas Cíes. As nosas protagonistas non dan feito con tanta actividade lúdica no verán.
Pija está que non mexa mareando a tododeus porque quere ir ó concerto de Julio Iglesias en Cambados e ós touros en Pontevedra, para o que xa está a punto de alugar unha mantilla española que sempre lle pode quedar para ir á procesión do Cristo.
Son eventos estes que farán a Pija renunciar a unha das súas máximas existenciais non saír de Baiona en verán, " que é de pobres".
Xa transgredira esta norma para ir con Maruja ve-lo musical de "Sorrisos e bágoas".
Choni quería ir a Portamérica para ver a Deluxe a a Julieta Venegas pero Pija e Maruja din que aquilo é unha "peste de pandilleros xuvenís" e unha porcallada de festival. Van encher Praia América de hippies e xitanos, que noxo! E logo haberá que aturalos toda a fin de semana na praia.
Maruja insiste sen éxito en ir ó concerto dos Panchos, pero ninguén lle fai caso ningún.
Eu esa finde voume para Sanxenxo ou non saio da piscina di Pija toda chea.Mentres Maruja e Choni teñen que ir a unha comuñón e a unha churrascada respectivamente.
Choni non sabe que roupa poñerse para ir a unha churrascada na casa de Louzán en Ribadumia.
-Ten que ser algo fino, pero "casual" sen saír do meu estilo di toda happy. Maruja dille e por que non levas un deses chandaliños tan finos que tes que non parecen chandais, si eses que pos moitos días baixo a minisaia....
- Ah! Refíreste ós leggins... ;)
- Hai que pedir que nos poñan un estilista ou un personal shopper di Maruja eu ás veces tampouco sei que me poñer temos que falar con produción do programa.
Pero os recurtes non dan tregua e o único que consiguen as nosas protagonistas e que o equipo de imaxe da canle lles envíe un manual sobre elegancia que se chama: "´Dress code´para horteiras irrecuperables"

lunes, 2 de julio de 2012

Arte e familia

(O vídeo que nos interesa comeza contra o minuto 6 segundo 10.)
Eu non coñecín ó meu avó, morreu o seis de xuño de 1945 por mor dunha intoxicación alimentaria e eu nacín no 72. Pero durante case un mes vino dúas veces ó día nun intervalo de sete horas. Cando subía e cando baixaba do traballo por Alfonso XIII. Estaba silueteado no predio onde vivíu e onde morreu tamén, á altura da saída da autoestrada.Nunha foto reproducida pola creadora Antía Cea que ten xa máis de setenta anos.Miña nai está no seu colo, feliz. Sen saber que poucos anos despois quedará orfa.
Cada vez que o vía sentía esa estrana chamada do sangue dunha persoa que non coñecín pero que foi precisa para que eu existise. A foto da miña nai formaba parte dunha intervención artística de Antía Cea, estudante do Máster de Belas Artes da Facultade de Pontevedra que inzou boa parte da cidade de Vigo con fotos dos seus devanceiros, levándoos a aqueles sitios onde foron felices ou non. Non sei que impacto xerou nos demais, nos viandantes que pasean as nosas rúas a diario, pero na nosa familia puxo a todos do revés. A foto de Alfonso XIII desapareceu o vinte e dous de xuño, aínda quedan restos doutras nalgunhas rúas da cidade. Todas se poden ver no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra, cunha breve semblanza das persoas e tamén nun vídeo que captou as reaccións das persoas da rúa que pasaban por alí.
Canda a obra de Antía tamén se poden ver os outros proxectos fin de máster da Facultade.

martes, 26 de junio de 2012

Arrivederci Pepa Bueno

Pepa foise, abandonou os frames, as cámaras, despinzou o seu micro de garavata a semana pasada sen previo aviso para non o pinzar máis.
O cambio político lévaa por diante.
Din que se foi á francesa, que non se despediu, tampouco o fixo Leti que fixo mutis polo foro sen explicar adeus, ciao que "me voy pá princesa".
A min dáme pena porque a Pepa me gustaba, o seu estilo, a súa garra informativa,a súa profesionalidade, o seu xeito e comunicar, no como Ana Blanco que parece saída dun spot dun iogourt con bífidus.
A Pepa pasa de volver a sucesos e antes de que a nova nomenclatura empece a tirar de listas negras, ou listas roxas a Pepa vaise. Non quere facer corazón, nin converterse en locutora de continuidade desa eterna teletenda na que a TVE se está a converter.
Compartirá micro con Gemma Nierga, a ver que sae de aí!
E hai quen pensa que todo isto vai ter algo bo, verémola máis veces por Vigo...;)

jueves, 21 de junio de 2012

Chega ó San Xoán á Illa de Perdidas

Os preparativos do San Xoán poñen dos nervios ás nosas tres protagonistas. Maruja quere ir a Baiona a ve-las fogueiras e Pija di que pasa que ela quere ir a Praia América, Choni di que son unhas pequeno-burguesas e ela quere ir a Matamá porque desde alí vense ben tódalas cacharelas de Vigo.
A tangana non acaba aí, tampoco se poñen de acordo no menú, Choni quere comer churrasco e crioulos, e Pija está obsesionada en cear xoubas e peras de San Xoán, aínda que a xouba vai este ano a 20 euros o quilo. Un día é un día di Pija. A Maruja tanto lle ten o menú con tal de ir a Baiona comería pizza, ou unha hamburguesa, que hai que campar, pero aforrar tamén que a vida está moi dura.
A secretaria de redacción e responsable de asuntos legais da produtora, Retrinque, non pode pasa-la noite canda elas porque ten que ir á Estrada a controlar que os malotes da aldea non lle queimen a cancela nova e as fiestras vellas na lumieira da parroquia, o caso é que Retrinque queda con ganas de ir canda Choni de churrascada a Matamá e por fin deixar de cociñar un día.
E que pasa con Sonia Fontán? Pois a Sonia Fontán tócalle como sempre pasa-lo día máxico do ano na cociña do Nicolás Peña... país, país!
As tensión tamén estoupan porque ninguén quere chollar o luns pola mañá. Maruja xa colleu unha baixa a mediados da semana por ver de zafa-lo luns, Pija cambiou de quenda e Choni...
Choni está pasando un duro momento existencial acaba de decidir queima-las botas brancas de skai sen se decatar que aquel plástico de Berska arde mal e que o día da fogueira terán que vir os de Proteción Civil de Mos alertados pola fumareda tóxica.Non vos ilusionedes demasiado porque as botas brancas da Bo Derek das Illas Cíes van ser substituidas todo o verán por unhas de estampado de leopardo, de aquí en adiante, "print animal"... Retrinque tamén decide queima-la caixa de puros, logo de saca-los catro cortaúnllas que ten dentro, pero para substituila colle unha caixa das High Monster da súa filla, e Pija vai queima-lo I phone 7 porque xa papuchi lle regalou o Oito.

miércoles, 20 de junio de 2012

O diaño viste de Berska e de Punto Roma

Primeiro foi Prada, logo foi Zara, e agora Berska.
No capítulo de hoxe os guionistas de Perdidas nas Cíes non atopan os folios, polo que está a piques de anularse a serie, xa que a dirección do programa non quere que as tres protagonistas improvisen, pódese i-lo programa ó carallo, bo, ó mellor era un éxito total, como os comentarios da Carbonero a pé de campo.
Logo de revisar toda a redacción e o set da radio, e desbotar por absurda: a neveira con chave, o botiquín con chave e a caixa de puros da Retrinque e de moito revisar, os folios aparecen ó lado da neveira do proletariado, ó fondo do corredor.
Son cousas normais, que pasan en calquera programa sobre todo nun reality show como este. Pena que guindaran o monolito de Franco na Illa principal porque aquel tamén era un bo sitio para garda-los folios, os móbiles e as aspirinas...

martes, 19 de junio de 2012

"Perdidas nas Cíes", temporada dúas

Maruja tiña a teima de obriga-lo ordenanza a levarlle os nenos ó colexio no coche oficial e recollelos e deixalos na casa. Se cadra collera os xeitos dun xefe seu que tamén o obrigaba a leva-los DVDs da fin de semana ó desaparecido Block Buster.
Foi por iso polo que Choni se tomou a liberdade de pedirlle que lle cambiara unha camiseta no Stradivarius (esta vez non fora a Berska), parecíalle moi sinxela e sosa.
Maruja foina cambiar logo do café, ía toda apresurada, sen mirar demasiado e meteuse no primeiro sitio onde viu moita luz que resultou se-lo Mac Donald´s. Maruja era un pouco como Retrinque sempre facendo a pelota os xefes e asoballando ós compañeiros.
Maruja, Choni e Pija só coñecían 3 tipos de mulleres: solteiras, casadas e preñadas. Hai pouco que se fixo "membra" da Liga Antivicio, fixérao por ver de medrar un pouco. Os que a coñecían botábanse ás mans á cabeza; o que fora aquela muller e no que se convertera!
A media tarde Pija precisa un teléfono para facer unha chamada e decide colle-lo teléfono destinado ás concursantes, tamén chamado teléfono de Pedro, pero non aparece, está pechado CON CHAVE no caixón de produción...

miércoles, 13 de junio de 2012

Marujas histéricas; spin off de Perdidas nas Cíes

Dos creadores do programa de Samantha Villar, máis vale vivilo que contalo, das creadoras de Perdidas nas Cíes e dos guionistas de Whisteria Lane e a petición da audiencia. Hoxe capítulo piloto de Marujas histéricas.
Con cameos especiais de Retrinque do Fax e de Sonia Fontán.
Maruja, a nosa protagonista de Perdidas nas Cíes está empeñada en que tódolos do seu despacho profesional laboral vivan canda ela os efectos dunha menopausa raabiosa. Cando os sufocos, o aire acondicionado a 12 graos e tódalas fiestras abertas que case desaparece unha sentenza importantísima da mesa do despacho do xefe. Cando os calafríos todo pechado e a calefa a 28 graos. Para as mulleres é revelador do que algún día vivirán , pero para os homes do despacho aquel, algúns case octoxenarios, aquilo é un castigo.
Amoréanse os catarros a destempo e o despacho recibe unha notificación de Gas Natural penalizando os consumos eléctricos tan arbitrarios, ora calefacción ora aire acondicionado... a tarifa verán e inverno que o despacho tiña concertada coa compañía eléctrica xa non vale para nada.
A desaparición dun cargador de móbil ten aqueloutradas a Maruja e a Choni. Jo non sei xa onde mete-las cousas, aquí parece que hai ladróns. Debimos metelo na neveira ou no botiquín que son os únicos que teñen chave.
Retrinque, a administrativa do choio tamén pensaba que o cargador estaría a salvo na caixa de puros aquela onde gardaba as facturas e varios cortaúnllas mercados nos chineses. E senón como pensaba Retrinque, se falta algo, sempre lle podo bota-la culpa a Anajus, como o día que petou a calefacción...
Coa libido nos pés, a oxitocina a niveis desorbitados,e os estrógenos no tempo de desconto as tres Marujas histéricas non dan feito. Só lles queda apuntarse a escoitar cadea Dial nos descansos de "Hombres, mujeres y viceversa", e para iso alí está esa sempiterna comapeira de Sonia Fontán con ese marabilloso CD de Chino y Nacho e dos Tres Soles do Paraguai, con esa música de culto que garda en tres CDS, o orixinal, un duplicado e unha copia de seguridá* porsiaca... porque que fariamos sen a banda sonora desa nosa vida, nada: fritir croquetas na cociña do Nicolás Peña...
Continuará?

sábado, 9 de junio de 2012

Papuchis

A filla de Ferrín e o seu mozo oh casualidade están de bolseiros na Real Academia Galega, a filla de Reixa: Antela Cid e o seu mozo son os protas do filme de papá no Casco Vello de Vigo...
O fillo de Esperanza Aguirre vai de asesor a un ministerio,o home de Soraya Saenz de Santamaría e o da Infanta Cristina a Telefónica e aínda hai quen defenda todo isto. O fillo de Baltar tamén está onde papá; e que nos queda ós demais? Os que non somos fillos de p...?

sábado, 2 de junio de 2012

Dívar, enamorao

Católico practicante, misa diaria, sempre con Deus nos beizos,pero esqueceu varias cousas.
Non mentirás, non pensarás que estás por riba dos outros, serás humilde como os lirios do campo, o que se enaltece será humillado ou a verdade farache libre e mil ideas máis que calquera bo cristián coñece e calquera home con certa cultura relixiosa tamén.
Gustaríame ter un goberno que recortase alí onde todos sabemos: na deputación de Pontevedra que vai financiar con 200.000 euros á Fundación Celta, un goberno que recortase en viaxes a Latinoamérica só con fins electorais, un goberno low cost que practicase esa austeridade da que tanto fala.
Por iso o Dívar debería dimitir porque ou devolve os cartos que cargou na visa da xudicatura española ou vaise.
Debería ser coherente con esa fe que tanto predica. Ou é que predica unha cousa e fai outra ás agachadas?
Ai, esa austeridade da que tanto se fala debería obrigar a este señor a dimitir, porque se está esixindo un esforzo brutal a esas persoas que cobran 1.000 euros ou menos, mentres impresentables como este rañan na visa dos cartos públicos como se nada.
Dan leccións de ética e de moral e logo pasan cinco días dos sete da semana nos cuartos escuros e nos hoteis de cinco estrelas con quen sabe quen. E saberá este señor que as persoas que pagan cos seus impostos estas semanas caribeñas traballan polo menos cinco días á semana ou seis ou sete, Deus sabe cantas horas para que el non repare en gastos... e isto só ten unha explicación: Dívar está namorao, pero queremos saber de quen? No fondo estamos pagando os seus excesos e que se vaia para a casa a gozar do seu amor.

jueves, 31 de mayo de 2012

O rapante, a baba do caracol e o veleno de serpe

Logo do rapante-gate, Choni e Maruja deciden que cando acabe o programa van montar un Canal Cociña low cost, de cutrelux para toda esa xente que non sabe cociñar, parecido á cociña para dummies ou falsarius chef.É unha idea boísima dinse recíprocamente. A Maruja sempre lle parece ben todo o que di Choni e a Choni case todo o que di Maruja.
Podemos falar coa produtora esa catalá que fai "Tempos revoltos" ou o "Segredo de Pontevedra... di Maruja sempre á última no sector audiovisual.
Pija non di nada, desque leu no faro que Raphael vai actuar no Auditorio Mar de Vigo en outubro. Non pensa noutra cousa: escándalo, qué sabe nadie? Aínda que no fondo bota de menos que Abel Caballero non decida por fin ir ó grande e traer á gran diva das botas de skai e dos monos de hule, léase Rafaela Carrá.
Entre o sol e a maquillaxe Choni ve que ten toda a cara castigada e decide que precisa un tratamento de beleza para palia-los danos do titanlux bituminoso que se bota a diario.
-É que no noso caso é unha enfermidade laboral,porque traballamos nun programa.Debería estar recollido no protocolo de riscos laborais.
- Si, si di Maruja. Hai que falar con Seguriño, para ver se nos autoriza un presuposto para un tratamento de estética, aínda que non sexa con Chams,en Corporación Dermoestética ou no Celulem Block.
Pero non teñen sorte.A área de seguridade da cadea envíalles por valixa un pack de cremas de baba de caracol e de veleno de serpe...

miércoles, 30 de mayo de 2012

Unha de rapantes? da serie Perdidas nas Cíes

A Maruja tócalle face-la merenda e pon uns bocatas de mortadela. Pija enfúrecese.
- Como pos mortadela? É de pobres.
Maruja está a piques de darlle unha labazada, xa non atura máis aquela malcriada impresentable.
Choni pescara uns rapantes e unhas cariocas na praia da Cantareira, e dicíalle a Maruja que as podían fritir, pero Maruja non sabía, precisaba ve-la receita no Picadillo ou no google.
Fartas xa de ver "Homes, mulleres e viceversa" desde o episodio do Rei en Bostwana as nosas tres protagonistas aficiónase ós documentais da dúas sobre elefantes e ó programa de "Frank en la jungla". A ver se aprendemos algo di Maruja toda didáctica.
Abráialles sobre todo o caso do porco-ovella, unha especie nova que están intentando potenciar a toda costa como produto galego de calidade aínda que se cría en Hungría.
Axiña chega Choni e Maruja pregúntalle toda solícita, como estás?
-Peor que Bankia di choni toda chea.
-Pois eu estou como Nocaga, estrinxida.
Peor é estar como Pija que logo da liorta polo bocata de mortadela está como Caixanova, desaparecida...

sábado, 26 de mayo de 2012

Tempo de recortes nas illas de Perdidas

Os recortes chegan tamén ás illas de Perdidas e a Club de Campo, de agora en diante, "Clude".Algo que indigna a Pija e Maruja.
-Ata aquí podíamos chegar, esta xente non ten vergoña,di Pija, seguro que non recortan no Casino de Pontevedra porque vai Mariano.Claro que a situación máis dramática que vivía Pija era que non podía subir ó segundo andar de Máximo Dutty cando ía co carriño do bebé.
Para esquecer estes sinsabores Maruja, Pija e Choni consiguen entradas para ir ó concerto de Bisbal e de Manu Carrasco en Vilagarcía. Por todo o camiño van escoitando o CD especial orquestras que regalaron co faro de Vigo.
Maruja leva un chisqueiro para animar nas cancións máis xeitosas e Pija bótalle unha bronca monumental; pero tía estás obsoleta,agora iso faise co móbil!O meu "aifon" oito ten unha función específica para alumear en concertos.Choni quería levar un láser pero Pija díxolle que estaba prohibidos. Bueno muller, se nos poñen unha multa chamamos a Boli para que nola quite.
De volta do concerto queren parar en Cludecampo porque Pija di que alí poñen un gin tónic ben bo.Hai moita xente porque se está a celebrar un torneo de tenis e se require invitación.
Choni e Maruja din que lles teñen que deixar pasar, que elas son do Programa Perdidas,e que se non saben con quen están falando.Xa teñen medio convencido ó chiño da porta cando chega o xefe de sala e di que podían pasar todas, menos a das botas brancas...
Estragado o día daquel xeito, porque Maruja non quere entrar sen Choni, deciden quedar ó día seguinte para recibir ó Celta en Peinador que vén de Guadalajara. A idea fora de Choni, e Pija flipaba, pero ti, ti, ti non eras do Depor?
O mundo está tolo!
- Vale quedamos antes no Náutico e tomámo-lo vermú di Maruja.Alleas ó partido e ós dez minutos que quedaban por xogar. Maruja e Choni van todas cheas a recibi-lo equipo na mañá do 16 de maio a Peinador. O tipo de información de Peinador trátaas como se foran marcianas,pero oian, vostedes en que planeta viven? Non len os xornais? Non viron o partido onte? Aínda lles quedan dez minutos por xogar.
Choni arrepónse toda e di que ten información de fontes moi importantes de que ían chegar ás 12.00 e que se cadra dez minutos non son tanto e dan xogado rápido e logo axiña collen o avión...

miércoles, 23 de mayo de 2012

O último bolero de Gayoso

Nas nuites claras de Canido, disque ás veces se escoita un bolero: o último bolero, ou era o último cuplé?
Ninguén atina a dicir cal é?
"Ojos negros, piel canela", "Para decir adiós", "No puedo estar sin ti" "Falsa moneda" ou "Ansiedad".
Din que ás veces o vento das Cíes fai que o son chegue ata Nigrán onde vive Pego e lle retruca:"Contigo aprendí" e "Caballo viejo".Aínda que José Luís está farto de escoita-la súa canción xa de inverno primavera e verán: Ai se eu che Pego...
Pero aquí quen canta é Gayoso, canta a aqueles tempos que foron e que xa non han volver.
Malia que haxa voces como ese amigo plasta que nunca queira toma-la última, e sempre falan da penúltima; son os mesmos que non saben dicir adeus porque adeus se lles di só ós mortos. Malia eses a Nosa Caixa está xa nas últimas.
A pesar deses, o curricho de trevos que todos tivemos na casa está a piques de escachar, xa hai ben tempo que a Nosa Caixa xa non nos vale nin para ir ó Ronsel de clo-clo os sábados pola mañá...
E agora que? U-la quinta caixa de España? Aquela que non debía ser bancarizada? Aquela que se podía frustrar polo egoísmo dos vigueses?
U-la? Oh là là! Personne sait rien!
E canto vale a Gran Caixa Galega? Un euro!!! Se descontamos claro o gran furado tapado polo FROB digno de estudo pola Escola de Minas de Vigo,se descontamos tamén os cartos cautivos dos 100.000 galegos que teñen alí os seus cartos secuestrados a través de preferentes ou subordinadas.
Seica a van manter con respiración asistida ata setembro porque vai haber eleccións.
Pasado setembro, quen pagará ese euro que NCG vale?
O BBVA ou lla regalarán ó Santander porque a Botín todo se lle perdoa. Ou acabará nas mans dos chineses que son os únicos do planeta que aínda teñen cash!
Xa saben, agora ademais de ir ó chinés a por pilas e a por gomas do pelo ou sobres acabaremos indo a "pedil un clédito ou a ablil unha caltilla a Nova Kun Fu Bank"

viernes, 4 de mayo de 2012

Jrábame, jrábame

Ocorre con moita frecuencia en cada carreiro desta a nosa Galicia, queren saír na tele, e teñen dereito, se cadra mesmo teñen algo que dicir.
Queren pasar á posteridade, ter os seus minutos de gloria. Soen ser xente común, que gustan de verse no bar, que os vacilen os amigos e sentirse importantes.
Tamén os hai que chaman ós despachos e logo intimidan dicindo, xa falei con Mengano, coñezo a Zutano ou coincido con Perengano en San Vicente ou Baiona.
Hai outros, os máis interesantes ós que lles tes que insistir, nunca queren saír, son xente interesante, intelixente e ocorrente que non queren compartir pantalla con Belén Esteban ou Land Rober. Hainos que convencer porque paga a pena que todos escoiten o que pensan e o que din.
E logo hai outros que se meten a micro cando ninguén os convida: o peor de todos un exalcalde de Vigo dos anos oitenta e un catedrático de Vigo este ano de plena actualidade porque coordena o ano das Letras de Valentín Paz Andrade. Non saben respectar que ninguén os quere entrevistar...
Parece que non, son como os outros, os que atopamos nas esquinas dos carreiros de Galicia que primeiro che din: jrábame, jrábame e logo: cando sale isto?

jueves, 3 de mayo de 2012

Perdidos en Pontevedra again

Hai cidades que parece que as carga o diaño,semellan tranquilas, onde nada ocorre. Sinxelas de percorrer e controlar.Pero no fondo son sinistras e agochan un segredo en cada recuncho.
É o caso de Pontevedra, coas súas pontes en eterna construción,coas súas prazas pétreas e as rúas peonais, moi parecidas...un labirinto para almas obreiras coma nós.
Parece que nunca pasa nada e sí. Alí pérdense músicos e persoas,a mafia chinesa asesina dúas mulleres e sigue parecendo que nunca pasa nada.
Se cadra os efluvios da celulosa fannos ver todo dobre ou non ver. Por iso cada vez que vou pérdome en Pontevedra. Si por ir de guai, por pensar que son catro rúas, por imaxinar que todo está ó lado. Por ir falando con calquera, por ir pensando noutra cousa e porque depende con quen somos capaces de nos perder na nosa propia rúa.

lunes, 30 de abril de 2012

A Illa das Penosas, Whisteria Island

Choni e Maruja deciden poñer un cadeado no botiquín e na neveira, provocando que Pija case morra por mor dunha deshidratación e pola picadura dunha faneca brava que non pode atallar ata que aparecen as outras dúas coas chaves do botiquín.
Esta semana permitíranlles leva-lo ordenador portátil, algo que Pija agradece porque así se pode conectar ó feisbuk e colga-las fotos.
Maruja tamén quere te-las fotos de recordo e pídelle a Pija que llas grave nun PIN.
-Como nun pin? espétalle Pija! Diante do silencio de Choni.
Si muller nun PIN DRON, ese trebello que usades vós para garda-las fotos e os documentos do ordenador.
A semana foi complexa nas Illas. Era necesario facer unha reunión, quedar para amañar pequenos conflitos como o das chaves do botiquín. Maruja non quería queda-los mércores porque quería ve-lo último capítulo da biopic de Carmiña Ordóñez en Telecinco.
Pija non quería quedar o sábado porque quería ir ó concerto de Manuel Carrasco.
Ámbalas dúas se enfadaron con Choni porque esquece merca-las entradas para o concerto da Pantoja...

lunes, 23 de abril de 2012

A moda dos almorzos informativos

O fórum Europa e similares organizan almorzos informativos pagados por empresas como autoestradas no caso de hoxe. Supónse que serven de espazo de debate e de información, pero a na realidade, na práctica só serven de autobombo para o relator, para perder cartos ó patrocinador( que case sempre financia actos de clientes políticos), para aburrir soberanamente ós asistentes (que en moitos casos se ven na obriga de ir). Non poden debater nos salóns de plenos das casas dos concellos?nos auditorios da xunta, o do club financeiro? Quen patrocina e por que? Como quen e por que pagou a cacería do rei? Gustaríanos saber

sábado, 14 de abril de 2012

La escopeta nacional

14 abril, exterior día;Voando desde Bostwana. Podería estar guionizado e dirixido por Berlanga ou se cadra mellor por Santiago Segura, pero non. Casarreal de España convídalles esta semana ó mellor vodevil,ó mellor spaguetti western.
Os neocaciques son así. A cazar elefantes na senectú, cando debería estar botando a soneca nunha residencia de Geriatros e botando a partida.
O neto hospitalizado dun tiro nun pé, a nai do rapaz paseando por Sanxenxo, a avoa en Grecia e o gigoló este da terceira idade de cacería( como tódolos prohomes deste país cando as cousas se torcen).
Do xenro xa nin falar...
E logo dirán que son xente sinxela coma nós, que no fondo andan todo o día de vacacións e nos tratan como subnormais. Pensan que con que a Letizia poña catro traxes de Zara xa zafan.
Probablemente a Monarquía non é unha mala opción e este señor tan puteiro e tan simpático foi un bo embaixador, pero por que ninguén nos di que fan? Canto gastan? E Como se paga?

lunes, 9 de abril de 2012

A illa das Preferentes

Capítulo especial da Illa de Perdidas. Logo das vacacións de Semana Santa, a dirección do programa quere cancelalo aínda que non vai mal. As constantes baixas de Pija e Maruja e os delirios de grandeza de Choni fan que o proxecto sexa cada vez menos máis rendible.A dirección da cadea quere optar por un novo formato: tipo " talent" o último do último na produción de programas como "Tú si que vales" ou "Número 1". Mesmo pensan recontratar a Risto Mejuto de colaborador. Ademais no consello de administración do ente pensan que o formato é demasiado vulgar e que deberían poñelo na Gue-dúas ou na Gue-tres de habela. A audiencia baixa moito na semana da folga e na semana santa e na posterior. Pero o culmen do despropósito chega cando por mor das treboadas dos últimos días, ancora a escasos metros da praia de Rodas "o Preferentes of the seas" un cruceiro de baixo custe da naviera P & O. A bordo do megacruceiro consignado a NCG un grupo dun milleiro de pasaxeiros e tripulantes mortos de fame tras un ataque de disentería por tomar unhas ostras da Pedra na cidade de Vigo. Os afectados, a réxime de dieta branda e en corentena xa non aturan máis sen comer e deciden baixar á Illa de Perdidas para comer algo. A súa desesperación fai que mesmo queiran invadi-lo plató onde se gravan as presentacións de Perdidas. E case o consiguen. O cruceiro queda á valga, case case parece un Prestige ou un Costa Allegra da vida. Maruja está agobiada e non dá feito. -Jo, hai tempo que lle tiñamos que ter visto as "ojeras" ó lobo. O capitán do barco:míster Manicho é o primeiro en abandona-lo barco agochado nunha barca salvavidas na popa. Escóndese nun furancho de Arealonga. Ata que a conselleira do mar o chama polo Canal 12. -My day, may day: Volva dunha puta vez ó barco... Manicho alí no seu propio Costa Concordia sentiuse un Francesco Schettino da vida fronte a Illa de Giglio e fuxíu. Logo alguén quixo saber que pasara ese día e abriron un expediente informativo. Buscaríanse responsabilidades entre os viaxeiros, a tripulación do barcoe por vez primeira entre as tres concursantes de "Perdidas".

sábado, 7 de abril de 2012

Week in fire

Lume que mata en Oímbra unha persoa; que poucas páxinas e minutos se lle adicaron a este señor.
Lume que invade as rúas de Vigo o vinte e nove.E lume que chega ás Fragas do Eume na fin de semana. Que pasa neste país?

lunes, 26 de marzo de 2012

Arrivederci Tabucchi

Souben que existías escoitando unha conversa "a hurtadillas" a dúas persoas que eu daquela admiraba. Falaban como non, daquela a nosa eterna revolución pendente; era un tempo gris, no que todo se daba por feito. Ninguén ousaba ergue-la voz, o depor era o mellor equipo de Galicia, o equipo do réxime, o PP tamén era case* o único partido de Galicia e don Manuel parecía un prócer intocable, ó que só lle faltaba viaxar baixo palio.
Todo parecía guionizado: os investimentos, as autovías en execución, as autoestradas e un país que se escribía,si; que se narraba na radio e se vía na tele, pero que non existía.
E velaí, apareceu Tabucchi. Falaban sen se decatar daquel libro delicioso, de como burla-la censura, daquela historia de liberdade e amor que o libro dedicado a Pereira fotografaba de vez.
Falaban de como redimirnos da información "pret a porter","precociñada" ou "prefabricada". Falaban e parecían vellos heroes da resistencia, da trincheira pero non tal.
Agora din que Tabucchi manexaba o "tempo" narrativo, o ritmo como ninguén, eu daquela non me decatei.
Só sei que falaba de utopías fermosas, da verdade, da loita e da ilusión por un mundo mellor.
Só sei que aquel "duetto"ó que eu escoitei con admiración e con sixilio falar do libro, que eu logo lin ás agachadas, "deveniron" en se-la peor caricatura de si mesmos e daquela profesión que todos exerciamos.
Só sei que a nova verdade só foi aquela que beneficiou ós intereses de cada un, dos seus partidos, que ninguén loitou porque non houbese trincheiras na información. E que Tabucchi morreu e nos deixou sós.
Se cadra máis sós e con maior desazón da que tiñamos naqueles primeiros noventa, porque como el dicía: "O tempo envellece de présa" e "Estáse facendo sempre demasiado tarde", cheo de "Pequenos equívocos sen importancia".
Grazas Tabucchi por deixarnos le-la liberdade da que case nunca puidemos gozar...

lunes, 19 de marzo de 2012

Con f de folga, na illa de Perdidas

Faltan dez días para a folga xeral e para a implementación da nova lei laboral. As nosas tres protagonistas debátense entre pedi-lo día 30 de marzo como moscoso para facer ponte aproveitando que o 28 é festivo en Vigo ou o día 29 para que non lles desconten o día.
Nos últimos días tamén pelexan porque todas queren colle-la última baixa antes de que a nova normativa as penalice. Pija tamén está enervada porque alguén do goberno dixo que querían subirlle-los impostos ós que máis ingresos tiñan.
- Jo ó final sempre pagamos os mesmos di Pija toda chea; non hai dereito...
Gozan do bo tempo desta preprimavera na illa. Habería que instalar un "yacuchi" di Choni con auga quente aquí onde o Lago dos Nenos; pero Maruja non está por traballar e di que alí de instalar nada de nada.
O novo anuncio de Loewe visto no Iphone 4 fascina a Pija que ten aqueloutrado a Papuchi, por ver se a enchufa na seguinte versión.
E así transcorren os días: lentos e pesados con conversas de pouco calado. Entre parrilladas de muxos e polbo á grella que cociña Maruja. Manda carallo que estou cociñando máis aquí que na casa dise para si Maruja.
Malia a calma chicha as ínclitas ven sobrevoa-la Illa ó Pesca 1.
- Que carallo pasaría di Choni? Hai que chamar ó 112, corean ó unísono Maruja e Choni!
Podemos escoita-la canle de Salvamento, di Pija; e resultou unha boa idea.
Parece que houbo un naufraxio en Ons di, que noxo! Non te preocupes muller chegarán axiña; di Maruja, agora coa ponte estás alí nun pincho...

domingo, 4 de marzo de 2012

Perdidas nas Cíes 12+1

A Illa das Penosas

Continúan os problemas de financiación para o retorno á grella de Perdidas nas Cíes.Pija, Maruja e Choni queren achegarse a Baiona para a Arribada e a Dirección do Programa pon atrancos. Xa están fartos das tres. A última vez Pija gastara a asignación semanal e mercarlle un regalo de Reis e en ir cortarlle o pelo ó seu can.
Maruja emperrechouse en apuntarse a un cursiño de "Pilotes" como di ela e Choni chivouse á dirección da canle de que non había sinerxias e de que había concursantes que gastaban moito e traballaban pouco...
Ademais na Produtora reciben un apercibimento de Parques Nacionais pola presenza de tantos ambientadores nas Illas Cíes, o SEPRONA quere poñer á Produtora unha multa de 3.000 euros.
A mala sorte cébase no programa porque un equipo de biólogos do Campus do Mar e do Oceanográfico detectan nos congros e nas quenllas xigantes aparecidas os últimos días na ría de Vigo presenza de benzodiacepinas. Sobre todo na Illa Sur polo efecto dos ventos. Están convencidos de que unha das participantes (agora en inverno non hai xente na illa) ouriña no mar e estáse mazando a Prozac e a Tranquimazín.
Todo é unha hipótese ata que atopan un alixo no bolso de Maruja.

sábado, 3 de marzo de 2012

Antes de que la tele se apague

Antes de que todo se encha de mamachichos e de concursos, antes de que Carlos Dávila volva facer entrevistas. Antes de que os nenos teñan que ve-los debuxos no ordenador e outros os deportes no bar...
Antes de que todo iso ocorra, gocémo-lo pouco que nos queda, gocemos con Bob Esponja, Dora Exploradora, Los oficios de la Cultura ou Página 2, ou Tiempos Revueltos e La señora, ou Águila Roja. Aproveitemos antes de que José Luís Moreno empece a programar en TVE.
Aproveitémo-lo que aínda nos queda, a canle dos deportes, as entrevistas da mañá e os debates.
Antes de que todo se acabe, antes de que a tele de todos funda a negro ou a azul...

domingo, 12 de febrero de 2012

O BNG esfarélase

Que pasa no BNG que se está indo todo mundo? Non saber asumi-la lonxanía do poder? Agora que parecía que volvían á esenza, á ética, á esquerda e que esquecían aquela viraxe á dereita que tantos votos lles fixo perder; agora e para moitos de fóra por sorpresa moitos deles abandonan o barco.
Era o BNG dos primeiros anos 90 un partido simpático, coherente, e que cultivaba en nós a fachenda de sermos galegos, o amor pola nosa paisaxe,idioma e tradición; sen atavismos, sen empanadas e sen dengues nin pandeiretas de máis.
Pero aquilo pasou o be-ene-ga apuntouse ó posibilismo político, fíxolle as beiras á dereita e mesmo cohabitou con ela en cidades como o Vigo de Corina Porro. Agora parece que tamén o vai facer en Cee.
Saben esta xente xa se son de esquerdas ou de dereitas? Ou despois de criticar quince anos a política do PPdeG en canto tocaron poder comezaron a face-lo mesmo. A estender aquelas redes caciquís que tanto criticaban. A mima-los seus e a afasta-lo resto, ós que non tiñan pureza de sangue benegalla. E aí erraban. Tamén na concepción urbanística de Vigo que en canto tocaron poder quixeron converte-la cidade nunha gran muralla, nunha Toralla continua que só e grazas a crise non progresou.
Hai outro episodio que aínda produce arcadas aquí no sur de Galicia. Lembrar como tiraron ó precipicio a Ventura Pérez Mariño cando aquí todos: os votantes e os votados sabían que calquera voto do BNG ía ser para sumar co PSOE; goberne quen goberne como adoitaba dicir daquela o Quintana.
Mil lendas negras houbo, a das portas da casa de Allariz, a do excuñado de Quintana e Caixanova e mil milongas máis que se cadra inventou Baltar e os blogs intereconómicos reproduciron ata a sociedade.
A verdade é que é unha pena. Porque mola ser galegos, e mola tamén que haxa unha forza nacionalista decente que nos defenda, cousa que ás veces non fixo: onde vai FENOSA, onde vai Caixanova e onde vai o vento?
Falta sobre todo agora nestes tempos e sen radicalismo ningún xente que crea na nosa cultura como o que é. Un gran fervedoiro cultural e o país onde agromou a mellor poesía e narrativa que nesta Galicia se deu: desde Rosalía, a Manolo Rivas, Cunqueiro ou Fernández Paz( que non teño ganas de pensar en todos, nin en ordenalos porque moitos son).
E agora nestas están: os Irmandiños, o PNG, o Movemento pola Base? a UPG e non sei cantos máis porque entre o escurantismo e o moito que me aburre a lea esta non controlo máis.
Só sei que os nosos amigos azuis están que se fregan as mans, contando con fuxidas da disciplina de partido e con novas alianzas sobre todo nos concellos onde os que non gañaron as eleccions poderían tocar poder deste xeito... non, a crise do BNG non é unha carallada máis...

lunes, 6 de febrero de 2012

Baltaradas, humoradas, cacicadas

Hoxe foi o día. Cando me contaron sentín frío dunha folla de aceiro nas entrañas ... e pensei que non podía ser tal pero foi...
O Baltarato aúreo consolidouse cehgou por fin ó seu segundo chanzo. Contan os baltarólogos que esta segunda escena do segundo acto guionizada estaba xa hai tempo, e tamén escrita nas estrelas.
Este demite, os otros lle votan e o Little Baltar acada o Salón do Trono de Papá. Hai que ter collóns e logo falan de democracia. Pero isto non é unha democracia avanzada, nen sequera democracia. Todo muñido, manu militario por papá.
Nas mellores simulacións democráticas que coñezo as cousas fanse doutro xeito, hai familias políticas, grupos de poder, correntes de partido e tendencias que se apoian... pero nada tan burdo, grotesco e basto como que o pai enchufe ó fillo así pola cara:extorsionando, presionando o voto,intimidando, ofrecendo cartos, cargos ou amenazando...
Nas mellores empresas, non se cadra a deste pequeno país noso, os pais sabios encargan a bos xestores as empresas e non as deixan en mans de fillos que non teñen idea ou que só están alí por seren fillos de...
Ai que noxo, ai canta dor de estómago por conte-las arcadas, e canto nos queda por aturar. Porque ninguén foi quen de afastar a estes elementos do poder ó Pai, o Fillo e ó Espírito Santo do Partido que vaideguai pero permite que isto siga ocorrendo porque lle beneficia aínda que no fondo abominen destas accións.
Herdarán os netos de Baltar o Sultanato? O único bo de todo isto é que meus netos non o verán...

lunes, 16 de enero de 2012

O que diga don Manuel

Levamos anos agardando un cambio de ciclo: para uns foi o cambio de século, para outros o cambio de moneda, para outros o bipartito.
Pero haberá un antes ou despois da morte de Fraga. Eu non son fraguista, nunca o fun.Non me gustaba estar gobernada por un señor tan vello que inzaba Galicia toda de placas co seu nome.O Fragasauriux Rex. Aquel home que parecía estar en todas partes que chegaba quince minutos antes a tódolos sitios,con aquel furor espídico inaugurador que convertía catro sílabas en dúas. E que tanto mandou en todos nós.
Aínda lembro como aterrorizados os seus conselleiros non arriscaban resposta ningunha:
-"O que diga don Manuel"
E aquelas axendas tolas: no Porriño ás 13.15, en Mos ás 13.40, e en Vigo ás dúas menos cuarto que obrigaban a que cada medio desprazase catro ou cinco equipos cada día para atender aquela actividade febril. Porque para Fraga non había semáforos, nin sinais, nin sequera xabaríns que non respectan Feijóo; outra cousa era o patrón de Vilalba que ata os animais salvaxes se arredaban del.
Fraga facía o que lle petaba, e agora de vello máis; non aturaba nin que o pobre Cabaleiro lle axustase a garavata nin que o conselleiro de Sanidade lle recomendase descansar.
Fraga era aquel vello habaneiro e abaneante que parecía que nunca ía morrer.
Eu non sei como era Fraga na intimida´* grazas a Deus. Só unha vez me rifou por deixar a bolsa das baterías ciscada no medio do IFEVI nunha das súas inauguracións na feira do automóbil coido que foi.
Ese día entendín por que se asfaltaban dous días antes de que el pasase polos lugares os treitos que el ía percorrer, para telo un pouco enganado e que pensase que este o noso país era un pouco mellor.
Como sería Galicia se o don Manuel nunca estivese aquí? Iso nunca o saberemos.
Todos coñecímo-la súa última ilusión o contento que se puña cando viña a Vigo cando Corina Porro gobernaba a cidade. Lembro un día no Museo do Mar, el un cuarto de hora antes, Corina un cuarto de hora despois, estaba don Manuel estomballado na cadeira e aburrido de vez, case diría que botando a soneca nunha desas inauguracións, cando aparece a Corina Porro e sorprendo ó don Manuel estirando a garavata e espreguizando daquel seu sono que lle faltou atusarse aqueles catro pelos que tiña.
Hoxe descansa e eu non quero xa meterme máis con el. Porque o don Manu era un precursor. El xa se facía os liftings antes que ninguén, aqueles reestilings faciais, aqueles photoshops imposibles daquelas fotos electorais nas que aparentaba sempre ter vinte anos menos, sen hialurónico nin toxina ningunha; un precursor.
O Fraga tivo os seus momentos vitais, en Cuba co Fidel; a súa querencia pola queimada que a todo o mundo levou. Aínda que eu penso que no seu moble bar se cadra tamén había: Fundador, Soberano e sobre todo Cacique.
Hai anos alguén me dixo cando facía sen ganas unha noticia para un telexornal da noite do domingo, ese é o informativo favorito de Don Manuel; se cadra por iso morreu unha noite de domingo,seguramente aínda non rematara o telexornal...

miércoles, 11 de enero de 2012

Isaac Díaz Pardo

Coñecín a Isaac Díaz Pardo se non me saen mal as contas un vinte e tres de febreiro de 1996,nunha celebración de aniversario de Laxeiro. Aqueles míticos xantares que organizaba Agustina (agora esquecida) no desaparecido Posto Piloto de Alcabre. Coido que Díaz Pardo estaba dunha beira de Laxeiro, mentres que da outra supoño que da dereita :) estaba aquela espídica concelleira que en Vigo foi Maite Fernández Piñeiro, alias "estamosenello".
Eu levaba un lustro fóra de Galicia era tantos anos máis nova ca hoxe como indica a data que mencionei e aínda que sexa unha vergoña NON COÑECÍA a Díaz Pardo.
Pero "héte aquí" que como os apóstolos Pedro e Paulo, el estaba alí á beira (sinistra) do que eu cría que era o gran mestre da pintura e do outro a Supermaite e pensei ó meu modesto entender e prós* meus adentros, este ghicho debe ser importante e abofé que o era. Este home ten unha entrevista. Son eses "microflashes da vida" que un ten cando a súa igmorancia ou o seu descoñecemento do territorio se suplen con intuición.
E metínlle ó micro, alá caeron logo do cafe unha minientrevista, canutazo dicimos nós do Laxeiro da " Maiteestamos en ello" que parecía que tiña un microespazo na nosa canle e outro daquel tipo miúdo e enxoito que "flanqueaba" pola esquerda a Otero Abeledo.
Non sei se lle cheguei a dicir unha grosería moi común entre nós, por favor dígame o seu nome e o seu cargo para que quede gravado... Coido que me respostou cun sorriso nos beizos aquela boutade que tanto se repite estes días :eu son facedor de gaitas e non sei que máis, por un momento pensei que era un colega de Laxeiro sen máis. Ata que axiña, non sei se aquel mesmo día me decatei de quen era.
Tempo máis tarde coñecín un pouco máis a súa traxectoria, e aínda a vergoña daquel intre no Posto Piloto me sorprende.
Souben de que era un dos ideólogos principais de Sargadelos, esa cerámica que nos enche de orgullo polo mundo e que igual atopas nun pazo perdido do Valadouro que nunha película de Almodóvar; souben da súa proxección editorial e empresarial. Nunca o tratei persoalmente e penso que non o volvín entrevistar. Tamén vin arrepiada nalgún documental de televisión a esas horas da madrugada que só catro tolos están espertos, que a sorte nunca acompañou a Isaac, as ditaduras das que fuxía foron perseguíndoo por varios países e facendo cada vez máis difíciles os seus negocios culturais.
El nunca perdeu a ilusión por encetar de novo un proxecto empresarial vencellado ó mellor de nós, de eses galegos orgullosos de selo que saben que poden facer cousas que gusten a todos e sexan vangardistas, xeitosas e económicamente rendibles.
Díaz Pardo é o Castelao que os que nacimos nos setenta non puidemos coñecer.
Coido que tiña motivos para chorar ata case os seus últimos días. Afastárono de Sargadelos, quixérono afastar do IGI, e tamén os seus fillos ou algún deles quíxolle impoñer ás súas últimas vontades no desexo de lega-la súa obra a quen quixese. Son as bromas macabras do destino Díaz Pardo non puido case deixa-lo seu legado a quen lle petou.
Mil diazpardo máis para Galicia!

domingo, 1 de enero de 2012

Aninovo entre autopsias

Non se erguera cedo; non, só con tempo xusto de facer aquelas catro autopsias pendentes.Os individuos estaban laranxas da calor e da fervedura. Non foi difícil abrilos en canle e ver que dentro todo estaba en orde: a masa gris, as antenas, as patas.
O caparazón era feble de vez. Logo quedaba simplemente facerlle un prebe, ou unha mahonesa que lles dera sabor. E tamén foi fácil.
Descansen en paz os catro lumbrigantes cos que empecei o ano...