Vistas de página en total

jueves, 27 de diciembre de 2012

Perdidas nas Rebaixas

Chega xaneiro e Maruja está moi deprimida,entroutras cousas porque xa non lle quedan días libres despois de pulilos todos no nadal, Choni decátase e nunha iniciativa inusitada decide organizar unha xornada de rebaixas, as tres xuntas. Pija non quere, qué vai mercar ela con aquelas dúas palurdas que non teñen xeito nin estilo, pero non é capaz de dicirlle que non a Choni. Empezan nun comercio do Calvario que coñece Choni. Pija entra aterrorizada, mentres que Maruja nada máis entrar se fixa nunha prenda de abrigo. -Qué é iso? pregunta Pija, non ten marca.Maruja entra toda decidida no probador e decátase de que a prenda que é un talle corenta non lle cabe, e comeza a chorar. Non te preocupes muller, oíches iso de que os xoves son os novos venres, pois a corenta é agora a nova trinta e oito. Maruja estaba moi ofuscada desque deixou o tranquimazín por prescripción facultativa. Como na tenda non hai talle corenta e dous, saen do establecemnto e continúan o seu periplo por Urzáiz. Paran un ratiño en Bimba & Lola pero Maruja e Choni abúrrense tanto que saen axiña. Pija queda seducida por unhas katiuskas tipo Hunter que custan 350 euros pero prefere agardar ás segundas rebaixas. Pasan un bo anaco en Berska, a tenda favorita de Choni, os andeis cheos de chaquetóns de veludo, botas e camisetas con debuxos de cadelos e caveiras parécenlle ideais. Sae de alí con dúas bolsas grandes que Maruja se ofrece a lle levar toda solícita. Pija non disimula o amolada que está e anda a fedellar todo o tempo no Aifon 5, cambiando o seu estado no twitter. Á altura de Stradivarius Pija entra en shock. - Isto xa é moito para min, non podo aturar este fedor, maréome - Vou tomar un xeado no Mac Donnals, mentres chequeo o Aifon. (Algo que por outra parte levaba toda a tarde facendo). En Stradivarius Maruja compra un blusón e Choni insístelle para que se leve uns leggings, pero non consigue convencela. Pija pasa rosmando toda a xornada, non lle gustan as rebaixas, desque alguén lle dixo que era unha "it girl" estaba que non lle cabía un piñón polo cu e non quería que a visen en escearios inaxeitados. Cando rematan Urzáiz Pija quere ir a Purificación García e a Adolfo Domínguez, pero Maruja e Choni xa están derreadas e non teñen cartos e pasan de ir. Pija colle unha rabecha de aquí a Club de Campo, pero xa non lle fai caso ninguén. O seu único consolo é chegar á casa e atopar todo en orde: o seu home co "aipad" e o neno coa "tablet", por fin un pouco de paz, "aquilo si que era vida".

miércoles, 26 de diciembre de 2012

Caixanova, do esplendor ó ocaso...

Hai tres ou catro anos por estas datas Caixanova convocábanos no oitavo ou noveno andar da sede central en Vigo, un edificio que ten fachada a catro rúas principais da cidade: rúa Colón, Marqués de Valadares, Pontevedra, e García Barbón. Outras veces era no Pazo de San Roque. Alí, case sempre Gayoso con micro de garavata ou Pego con micro de man cantaban as contas do ano, facían balanzo dos últimos doce meses. Asulagaban os nosos cerebros de cifras: volume de negocio,beneficios, cash flow, beneficios antes de impostos, carteira industrial...aforro familiar, obra social, e mesmo o gran Julio falaba das súas adegas de Porto vintage das que tan orgulloso estaba. A maioría de nós non entendía un carallo, e cinguía as súas informacións a volume de negocio e beneficios para non aturullarnos nós nin saturar ó personal. Había algunhas preguntas, seguramente sobre a inflación, o IPC, e mil "perralladas" máis que preguntaban os dos xornais económicos. Todo parecía ir ben. Había un que por toca-los collós a Gayoso sempre lle preguntaba por qué Caixanova non era accionista de Pescanova ou por qué esa factoría de Chapela tiña os cartos en Caixaga, era a pregunta máis dura e incómoda que o home renegrido ( con permiso de Javier Guerra) e enxoito tiña que escoitar. Naquelas xuntanzas como na vida había dúas clases de persoas: os altos directivos de medios que tiñan cadeira reservada e quedaban a comer, e nós, a tropa de batalla do xornalismo que tiña que face-las informacións, pero que tiña que pedir permiso para se sentar e obviamente non era convidada a xantar... E así decorrían os días plácidos e felices, ata que aquela Arcadia se converteu na cova de Alí Babá. E Gayoso xa non sabe que facer con tódalas medallas que tódalas institucións da cidade lle deron que xa non caben sobre o andel da cheminea de Canido. E que pasou? Eles saberán. Onde estaba o gran burato? E onde están tódolos cartos desas persoas que dormen este nadal nos caixeiros,e nas casas dos concellos. E canto vale aquela caixa? Un euro. E quen o vai pagar? O Santander!!! Fagan as súas apostas.

lunes, 24 de diciembre de 2012

Anticonto de Nadal

Sí, hoxe é o día axeitado, xa están todos alá. Pode ser que haxa algún despistado que aínda vaia por Ponteareas ou O Confurco, pero a maioría deles xa están alá, no sitio onde naceron máis alá dos túneles da Cañiza. Chegou o momento de petarlle-lo túnel e que non podan volver máis. E ti Mariano a que andas? Estás poñendo peaxes ós teus conveciños pontevedreses e non se che ocorre grava-lo paso polas autovías como fixeron con moi bo tino os nosos irmaos portugueses, eses si que están avanzaos* Peaxes máis caras se usas pontes, túneles e estruturas singulares nas vías de alta capacidade; aprende Mariano, aprende que tanto puro tenche as neuronas ó ralentí. E que bonita sería a vida sen eles, eh? Pero este é un conto de nadal, nin sequera conto, anticonto de nadal.

viernes, 21 de diciembre de 2012

O primeiro gran fracaso do último cacique

Rafa Louzán muñiu manu militari grandes acordos políticos na provincia entre sabas e manteis.Nalgúns concellos aínda trousan co seu recordo.Convenceu a Nava Castro para que volvese ó PP, conseguiu para Nidia a cadeira de Mos, rodeada de gardacostas; o trono do Porriño para Nelson,Moaña tamén se volveu azul, malia o vermello que ditaban as urnas e se cadra manexou tamén no norte da provincia e houbo máis casos no sur. Pasou de bedel do concello de Ribadumia, a gran cancerbeiro popular; pasou de colaborador de Nené Barral a compañeiro de Feijóo; de bolseiro de Baltar a rei dos caciques todos. Pero hai dúas numancias que se lle resisten, a cidade do Lérez e e do Lagares.Aquí non pinta nada, ou moi pouco, tan pouco que ata de Pontevedra se lle van tres edís, aínda que llo quere prohibir a un. Ai, Louci, Louci que non sempre funciona a Samsonite ou é que desta vez non houbo Samsonite?

jueves, 20 de diciembre de 2012

A milagre dos peixes e dos bolos de leite

Só se lle ocorre a ela, a esa muller que se peitea unha permanente das antigas con mechas das de antes. Cristina de Andrés a "non broker" que non pasou de BUP e nin falar sabe castelán dá clases de altas finanzas e de estilo. A súa irmá dá clases das de verdade, suponse e é experta en fracaso escolar, segundo di o seu slogan. As dúas divas da educación e dos bisnes dominan ámbalas marxes da rúa Urzáiz desde a Farola ata os Mariñeiros de Ramón Conde. Saíndo de Príncipe Rive Droite domina Cristina Andrés, Rive Gauche a súa irmá Ángeles e a súa NON ACADEMIA. As súas humoradas, performances e alfombras vermellas de veludo enchen a rúa toda. O novo microteatro ten dúas autoras máis, creadoras de astracanadas,e esperpentos variados. Esta xente ten madeira, xa desde cativiñas dicían que falaban con Julio Iglesias e con Frank Sinatra e que se "codeaban" con xeques árabes... O delirio chega ós extremos máis insospeitados. Agora a "furabolos", A "maribollera dos precarios" esta pretendía facer unha choiva de bolos desde o balcón.Que protocolo, que bo facer, que raíña do management. Desde a irrupción de Nati Abascal e de Lomana non se vira nada igual.

martes, 18 de diciembre de 2012

Perdidas no Nadal

O Nadal chega á Illa de Perdidas. E todo se enche de grilandas e luces, ademais dos brillos habituais da roupa de Choni. Maruja non para de mandar power points polo whatsapp e ten xa a tódalas súas amigas cheas e fartas, todas co móbil en modo-avión. Pero o delirio chega cando as nosas tres protagonistas descobren os vídeos de "electroduendes" e trasgos de nadal que se poden encher coas caras de cada unha. Veña que probar novos modelos, veña panxoliña vén, veña panxoliña vai, os peixes do río están fartos, a burra de Belén ponse a nadar e hai quen di que o Papa se viu na obriga de elimina-la mula e o boi porque estaban en risco de acabar como vacas tolas. Toda a semana con pitufos, trasgos, e campaniñas de nadal fan que Robinson empece a colvulsionar do shock musical e Maruja vése na obriga* de chamar ó 112, que tarda un tempo en chegar. Pija ponse a gravar co IPhone 5 ata que a Policía Nacional a manda parar, pero Maruja teima catro ou cinco veces en que aquilo é terreo público e pode gravar canto queira. Os axentes están fartos da prepotencia de Maruja e de Pija, pero só poden deter a esta última e obsequiala cunha tarxeta regalo do Spa Resort A Lama Residencial dunha semana.

jueves, 6 de diciembre de 2012

Lucky Luciano, o americano, o rei dos "huevos fritos"

Non é unha nova franquía de comida rápida españolizada, non é o Kentucky Fried Chicken español,nin o Peggy Sue´s galaico nin o Tommy Mel´s cañí. É a nova receita típica arousá. Ata agora ós narcos facíanlles como ós polbos:mallar neles, cortarlles un dedo o facer un rolo de carne rechea de queixo:meténdolle na boca os seus escarpíns. Agora a receita é outra, herdeira das novas franquías e da comida rápida: "ovos fritidos", os do narco vilanovés José Luciano Núñes, alias Lucky Luciano.