Vistas de página en total

lunes, 13 de febrero de 2012

O BNG esfarélase

Que pasa no BNG que se está indo todo mundo? Non saber asumi-la lonxanía do poder? Agora que parecía que volvían á esenza, á ética, á esquerda e que esquecían aquela viraxe á dereita que tantos votos lles fixo perder; agora e para moitos de fóra por sorpresa moitos deles abandonan o barco.
Era o BNG dos primeiros anos 90 un partido simpático, coherente, e que cultivaba en nós a fachenda de sermos galegos, o amor pola nosa paisaxe,idioma e tradición; sen atavismos, sen empanadas e sen dengues nin pandeiretas de máis.
Pero aquilo pasou o be-ene-ga apuntouse ó posibilismo político, fíxolle as beiras á dereita e mesmo cohabitou con ela en cidades como o Vigo de Corina Porro. Agora parece que tamén o vai facer en Cee.
Saben esta xente xa se son de esquerdas ou de dereitas? Ou despois de criticar quince anos a política do PPdeG en canto tocaron poder comezaron a face-lo mesmo. A estender aquelas redes caciquís que tanto criticaban. A mima-los seus e a afasta-lo resto, ós que non tiñan pureza de sangue benegalla. E aí erraban. Tamén na concepción urbanística de Vigo que en canto tocaron poder quixeron converte-la cidade nunha gran muralla, nunha Toralla continua que só e grazas a crise non progresou.
Hai outro episodio que aínda produce arcadas aquí no sur de Galicia. Lembrar como tiraron ó precipicio a Ventura Pérez Mariño cando aquí todos: os votantes e os votados sabían que calquera voto do BNG ía ser para sumar co PSOE; goberne quen goberne como adoitaba dicir daquela o Quintana.
Mil lendas negras houbo, a das portas da casa de Allariz, a do excuñado de Quintana e Caixanova e mil milongas máis que se cadra inventou Baltar e os blogs intereconómicos reproduciron ata a sociedade.
A verdade é que é unha pena. Porque mola ser galegos, e mola tamén que haxa unha forza nacionalista decente que nos defenda, cousa que ás veces non fixo: onde vai FENOSA, onde vai Caixanova e onde vai o vento?
Falta sobre todo agora nestes tempos e sen radicalismo ningún xente que crea na nosa cultura como o que é. Un gran fervedoiro cultural e o país onde agromou a mellor poesía e narrativa que nesta Galicia se deu: desde Rosalía, a Manolo Rivas, Cunqueiro ou Fernández Paz( que non teño ganas de pensar en todos, nin en ordenalos porque moitos son).
E agora nestas están: os Irmandiños, o PNG, o Movemento pola Base? a UPG e non sei cantos máis porque entre o escurantismo e o moito que me aburre a lea esta non controlo máis.
Só sei que os nosos amigos azuis están que se fregan as mans, contando con fuxidas da disciplina de partido e con novas alianzas sobre todo nos concellos onde os que non gañaron as eleccions poderían tocar poder deste xeito... non, a crise do BNG non é unha carallada máis...

martes, 7 de febrero de 2012

Baltaradas, humoradas, cacicadas

Hoxe foi o día. Cando me contaron sentín frío dunha folla de aceiro nas entrañas ... e pensei que non podía ser tal pero foi...
O Baltarato aúreo consolidouse cehgou por fin ó seu segundo chanzo. Contan os baltarólogos que esta segunda escena do segundo acto guionizada estaba xa hai tempo, e tamén escrita nas estrelas.
Este demite, os otros lle votan e o Little Baltar acada o Salón do Trono de Papá. Hai que ter collóns e logo falan de democracia. Pero isto non é unha democracia avanzada, nen sequera democracia. Todo muñido, manu militario por papá.
Nas mellores simulacións democráticas que coñezo as cousas fanse doutro xeito, hai familias políticas, grupos de poder, correntes de partido e tendencias que se apoian... pero nada tan burdo, grotesco e basto como que o pai enchufe ó fillo así pola cara:extorsionando, presionando o voto,intimidando, ofrecendo cartos, cargos ou amenazando...
Nas mellores empresas, non se cadra a deste pequeno país noso, os pais sabios encargan a bos xestores as empresas e non as deixan en mans de fillos que non teñen idea ou que só están alí por seren fillos de...
Ai que noxo, ai canta dor de estómago por conte-las arcadas, e canto nos queda por aturar. Porque ninguén foi quen de afastar a estes elementos do poder ó Pai, o Fillo e ó Espírito Santo do Partido que vaideguai pero permite que isto siga ocorrendo porque lle beneficia aínda que no fondo abominen destas accións.
Herdarán os netos de Baltar o Sultanato? O único bo de todo isto é que meus netos non o verán...