Vistas de página en total

viernes, 30 de septiembre de 2011

Perdidas nas Cíes Seguinte Capítulo ( 1?, 2?)

En capítulos anteriores coñecimos a Pija, a Maruja e a Choni.Volvemos agora á illa logo dunha semana de adaptación. Na proba de hoxe a tríada debe subir ó faro das Cíes e pescar luras no Lago dos Nenos. A pija esvara porque levaba todas refociladas as chanclas de autobronceador de IsDin, e a Choni case queda chantada á altura do cámping porque se lle cravaron os tacóns das botas brancas na pista forestal.
É entón cando Maruja empeza a repeti-la súa frase favorita, o seu mantra: "Cóllete unha baixa, cóllete unha baixa... etc" Dillo sobre todo á Pija que lle cae mellor.
Aínda está a remata-lo verán nas Cíes e Pija bota de menos Baiona, lembra aqueles anos nos que tiña pelexas cos seus amigos porque non quería que ninguén a vise en Vigo no verán. Eu paso de quedar en Vigo a comer, eu no verán non saio de Baiona. E agora alí estaba nunha illa deserta, sen Nespresso e sen "chica" de servizo.Maruja tamén se lembra do moito que se aburría en Coruxo, o que mola é Baiona.
Choni estaba algo arrepentida de aceptar aquel reto de supervivencia. Antes de empeza-lo programa xa se pelearan pola compra; Choni quería investi-los 120 euros da compra en barriñas enerxéticas e froita, Pija quería mercar nécoras e percebes( que manda carallo, na illa podíanos extraer) e Maruja quería comprar verdura para facer Vichyssoise.
Logo á Pija déralle un ataque de ansiedade porque o segundo día quedaran sen cobertura á altura da cadeira da raíña e non puido chamar á "chica" para elixi-lo pixama que lle tiña que poñer ó neno. Pasou toda a noite en vela pensando se lle poría o de Pocoyó ou o de Bob Esponja. E ademais non puido chamar a papá. Ademais doíalle a cabeza porque pasara media hora pensando se puña os peep toes de cor "nude" ou tods vermellos.
Todo foi culpa da organización do programa, non lles deixaran levar máis que unha mochila. Que noxo, como os de Ryanair!!! Que paciencia hai que ter!
Pija segue agobiada porque quedou sen argumentos, non se lle ocorre nada e quere chamar ó seu redactor, pero malia o I Phone 8 non consigue atopa-la cobertura.
A Maruja di que está farta de tanto traballar aínda que nunca ninguén a viu facelo. Ademais entre o Farmatint e a salitre o pelo quedoulle totalmente queimado como se lle botara lixivia. Séntese como se fose Karmele Marchante ou Rosa Benito, o único pracer que lle queda é sacar de cando en vez o cortaúnllas do neceser e escoitar aquel clic, clic rítmico que para ela é como música new age.
A Choni resultou, unha gobernicha, unha goberneira ou un gobernillo de Cangas que hai mil xeitos de chamar esa paranoia nesta lingua nosa. E non lle chega con mangoletear na Illa Sur que quere mangonear tamén na Illa do Medio e na de San Martiño e non ten permiso de Parques Nacionais... E aquí nas illas no hai cuarto de baño, nin sala de xuntas para desatasca-los conflitos que xera...
Continuará? Ou na Canle e na produtora acabarán fartos da xentiña esta...

domingo, 25 de septiembre de 2011

Capítulo Piloto

Dos produtores de "Matalobas", do equipo de "Mujeres ricas", dos guionistas de "Aquí no hay quien viva" e de "Betty la Fea" e "Tiburón 3" xorde "Perdidas nas Cíes" e un reality show, un programa de supervivencia en circunstancias adversas con tres protagonistas que traballan nunha empresa a piques de facer un ERE.
Son unha pija, unha maruja e unha choni e non é un chiste; a vida fai estraños compañeiros de cama e de illa.Son amigas daquela maneira, son amigas do feisbú.
A historia máis delirante da televisión universal, onde as reunións de empresa se fan no cuarto de baño, como en Ally McBeal.
A Maruja ten o bolso cheo de receitas de Dalsi e varias caixas de tranquimazín. A pija ten no bolso o catálogo de Tommy Hilfiger e o IPhone 8 co was app activado, e a choni ten catro camisetas engruñadas de Berska e un peite de cardar. Pasa o tempo axustándose as botas brancas de plástico coas que vai chegar ó peirao de Rodas.
Os problemas comezan xa no barco de Mar de Ons.A pija decide que non vai comezar a currar ata que tome café. A choni dille que ten que facelo porque lle manda ela e a Maruja sorri mentres bota man do bolso para coller unha pílula de tranquimazín. Bota de menos os cocidos que tomaba no Aqua Terrae, e pensa que axiña terá que volver ó 18 de xullo do Calvario a por máis pílulas. A Maruja chámalle 18 de xullo a tódolos ambulatorios de Vigo.
Ó chegar a Cíes a pija decátase de que non ten maquillaxe e que produción adquiriuno no Mercadona.Vaia merda! Eu non sei por que non o compran de Estée Lauder?
Ademais o café é de pota e o seu estómago só atura o Nespresso, inda por riba cortáronlle o pelo de máis, porque os de estilismo pensaron que así daría unha imaxe máis casual... puff, que vida máis dura!!
A Maruja e a Pija deciden contratar unha persoa para que pesque e recolla as algas da praia, pero acordan que xa non hai empregadas do fogar que traballan de tarde.

Continuará... ou non?

lunes, 12 de septiembre de 2011

O gran bisnes dos colexios privados "concertados". Un exemplo en Vigo.

Hai un colexio en Vigo, seguro que hai máis,que duns anos acó obriga ós pais a adquirir o uniforme mo centro.É un cole privado concertado dun barrio do centro; que se converteu daquela nun cole de nenos lambidiños co seu ecudo na peteira, nas lapelas do polo, no pantalón e case case no chándal.
Pero é que ademais desde ese ano ese uniforme copiado dos cativos do Internado ( hai canto dano fai a televisión) só se pode adquirir no colexio. Viva a liberdade! En vez de pasa-lo modelo a varios establecementos téxtiles o centro OBRIGA ós pais a mercalo no colexio polo dobre de cartos que vale na rúa.
Mentres arrecende nas casas a forro transparente a libro novo ( pagados polos pais des que chegou Feijóo)moitos pais botan contas. E tíranse dos pelos en silencio. O polo valíame a terceira parte n Decathlón, o pantalón podíao comprar no Alcampo ou na feira pola metade. O xerséi haino en Zara pola cuarta parte ou podía herda-lo dun curmán...
Pero non hai alguén que seica ten un só fillo, ou moitos cartos ou moi pouca vergoña, para que en plena crise nun colexio de barrio de clase media, alguén decida onde debemos merca-los uniformes dos nosos fillos e canto debemos pagar por eles. Eu non sei se a esta xente lle sobran cartos, pero non vergoña. E que fai a Asociación de Pais? Cala e outorga.Se cadra nas ANPAS hai tamén un caldo de cultivo de carallo de lambecús da dirección do centro que nada fixeron por defende-los intereses dos pais, dos cativos e se cadra tamén nos establecementos téxtiles ós que esta xentalla lles fai competencia desleal.