Vistas de página en total

domingo, 24 de enero de 2010

O bluff do Xacobeo

Vai ser o Xacobeo a pedra angular que nos saque da crise? Coido que o Xacobeo non é máis que un evento para adentro. Ogallá que non; pero a publicidade é sobre todo en Galicia.
O investimento e gasto para acubillar DE BALDE a milleiros de peregrinos con escaso poder adquisitivo vai ser brutal.
Dáme a sensación que o turismo Xacobeo é sobre todo de pensionistas de Toledo, senderistas, estudantes, mochileiros, monxas e cregos. Paréceme que non vai ser a panacea que o presidente galego cree. Ogallá que non.
Tamén porán a producir eventos a xente que non ten nin idea que estragará o mercado e que perdera moitos cartos de Deus, e de tódolos galegos. Non, penso que non que o Xacobeo non nos compensa, igual son unha herexe....

Busco banco e aldea.

Nós os vilegos temos certa teima de rirnos da xente da aldea: os marulos, os paletos,oa pailáns....
Vémoos con certo aquel de superioridade, e cada día que pasa dámonos conta de canta razón teñen. Coas súas cautelas: respectando o ritmo do tempo: a choivas, a sementeira, as matanzas. Amoldándose e gozan do sol cando o hai,e comendo castañas cando hai frío. Aproveitando os residuos para abonar,aproveitando o somier para o peche; gardando os cartos baixo o colchón que non te pide explicacións cando os sacas de ahí, nin te cobra comisións.Desconfiando sempre, porque a nosa gran duda metódica librounos de moitos erros. Por iso e por todo o que está pasando no mundo financeiro galego cada vez entendo máis ós nosos labregos: os que votan ó cacique para telo de man, para que te arranxe a pista ( porque igual o outro non fai nada ou tira para el). Por iso e polo gran respecto que xa sinto por eles busco aldea e busco banco, pero mentres tanto vou plantar na miña ciberleira ó xeito deles: sobre todo patacas e viño...

domingo, 17 de enero de 2010

Vigo, teoría do caos.

Oh Vigo! Esa cidade sen historia, gris, dura e difícil; pero é a cidade de Galicia na que máis galegos, españois e estranxeiros deciden vivir.
Mal mirada, con óptica cutre, Vigo é a mellor cidade de Galicia, a que todos elixen, a máis aberta e cosmopolita.Na que case todo se pode facer sen que ninguén te mire mal.
Vigo a cidade co mellor clima, menos provinciana e máis aberta. Vigo que se ve no Atlántico cada mañá, que se ergue ás cinco e é quen de deitarse a esa hora tamén.
Vigo, deliciosa Nova Iorque galega na que todo nace. Co noso propio arquipélago p, co xornal veterano de España. Vigo, o lugar onde todo pode pasar.
Só os miopes, xordos, e autistas ven aquí o caos necesario para medraren eles.

sábado, 9 de enero de 2010

Tu quoque Brute fili mi

Antía Cal fundou a Escola Rosalía Castro, infundiulle o seu espírito e investiu alí os seus cartos cando tiña ben poucos. Isaac Díaz Pardo rescatou do esquecemento e recuperou a vella Sargadelos e deulle pulo ó IGI. Quén son Santiago Sineiro ou Segismundo García? Ninguén os coñece. Non lles dá vergoña quererse facer con empresas e institucións saídas do corazón e de certas personalidades irrepetibles.
Pasou o mesmo co BNG de Beiras, ós que el criou, educou ou mimou, afastárono da dirección do partido.
Non se decatan de que botan ó lixo a persoas que forman parte da esencia das empresas que fundaron. Son pobres mediocres que tentan facerse co control das obras inxentes que o xenio creador de outros soubo dar á luz....
Conspiran e traizoan ás persoas que lles deron acubillo e que apostaron por eles, ós seus pais culturais ou empresariais ou políticos.
Ante o abraio de quen os tivo no berce: "tu quoque Brute fili mi"

Sabichóns.

Sábeno todo. Eles teñen a resposta. Eles estiveron alí naquel momento preciso. Rexeitan e menosprezan a opinión dos demais, eles manexan a verdade absoluta, crense os gurús.
Hainos en tódolos campos: na universidade, no super ou no salón de peiteados. Dominan tendencias, fan predicións, e erran tantas veces como falan. Pontifican e nós abraiados non nos atrevemos a levarlle-la contraria por non aturalos. Deixámolos falar, difundir o seu saber, e facémonos os parvos, porque eles necesian o seu público, o seu auditorio, e pra iso estamos nós: os extras, a figuración dese soño delirante de grandeza no que viven eles.

domingo, 3 de enero de 2010

Vigo precisa un lobby

Ata agora nunca nos preocupou. Vigo carece dun lobby, dun establihsment forte e potente. Hai pequenos grupos de poder empresariais, sociais, xornalísticos e veciñais pero non son quen de actuar conxuntamente ou previr catástrofes, frear agresións ou evitar que os políticos ousen sequera verbaliza-la desaparición dos poucos servizos e institucións que Vigo ten.
Vigo moderna e cosmopolita carece de Casino e case case de Club de Golf no que conspirar; dicía Karina Fálagan que nos 70 e 80 os grandes acordos políticos callaban no seu local: O Lady Hamilton, e se cadra era verdade.
Á marxe de Clubes Financeiros almorzos empresariais organizados por empresas de pago, a maior gloria de quen patrocina económicamente os eventos, o diálogo social das forzas vivas de Vigo non existe ou é cada vez máis un diálogo de xordos.Unha situación que se agravou desde a chegada á alcadía do home máis egocéntrico, personalista, antidemocrático e soberbio que por alí pasou.
Nestas estamos érguendonos coa primeira luz, traballando e permanecendo alleos as leas de salón que cada 3 anos organizan en Pontevedra para pedir que non se nos conceda unha sala da audiencia, un xulgado do mercantil, ou unha mísera delegación da xunta que ó final conseguiron desvirtuar.
Na Galicia dos baltares e os louzáns, a nosa postura existencial está errada, nesta nosa vella Galicia cómpre que nós teñamos un lobby, inda que só sexa pra defendernos. Vigo sempre pensou que o goberno galego primaría ós mellores xestores, os que máis emprego, máis nacementos, máis cartos ou máis poboación atraen e non seguiría tendo en conta os vellos poderes fácticos herculinos ou composteláns.
Vigo necesita pedir de máis pra que nos dean o xusto, pra que non nos furten unha vez máis o que é noso e nos corresponde. Vigo precisa unha masa social que obrigue ó goberno galego a respectarnos e a non ter agallas sequera de verbalizar unha nova agresión.
Varios exemplos: Vigo quere unha catedral, unha escola de arquitectura e varias salas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Ou é que non as merece?