Páginas vistas en total

sábado, 26 de diciembre de 2009

Cambalaches e censuras.

Con ese apelido non podían ser boas: as mocións, de censura. Nunca boas foron.Nin a que botou da Xunta a Fernández Albor nin todas as seguintes.
En Redondela o edil que ía na lista do PSOE recibiu o compromiso de que o novo alcalde do PP íalle aprobar un edificio ilegal ó seu irmán; o tránsfuga de Mos ten unha dedicación exclusiva. E supoño que parecido en Ponteareas, Baiona e máis recente Gondomar. Aberrante foi tamén o caso de Vigo chamado "de confianza"no que o BNG coa súa abstención favoreceu a chegada da alcaldesa popular. Disque obrigaron ó PSOE a presentar unha moción de confianza pra outorgarlle a deputación da Coruña.
O BNG tamén pretendeu nese mesmo mandato volver a investir outro alcalde do PSOE que lles gustara máis. Pero o PSOE estaba farto xa de tanto mangoleteo alleo.

As máis das veces, por non dicir todas, enganan ós que votaron.Pero a Louzan lle gustan. Para completa-lo mapa do cambalache réstanlle Tomiño e O Porriño. E alá vai Louzán disque cunha unidade móbil e un extrano maletín. No Porriño parece que xa pecharon ó bisness.Unha alcaldía, polo nadal. O candidato popular Carrera non será alcalde pero recibirá como compensación un acta de deputado. O independente Nelson Santos será un alcalde cautivo de tódolos grupúsculos conservadores cos que pacte. E o alcalde do BNG, que sí, que neste caso goberna en minoría irá prá rúa.Hai quen fala tamén de condonación de créditos e de alcadías rotatorias.
Louzán está contento,a voracidade popular non dá feito. O guión (agora folla de ruta)sempre é o mesmo. Acádase o pacto, previo pago ou acordo co independente ou tránsfuga; fálase de desgoberno, teoría do caos ou circo político.Fálase da perda de confianza do alcalde ou alcaldesa e acto seguido chímpaselle do posto.
Hai ás veces un xornalista de cabeceira, que pon mesa e mantel,ás veces cama e asina a crónica da exclusiva. A imaxe pódese completar cun cadro de mercenarios ou de porteiros de discotecas no día do pleno.
Será legal, pero dá noxo, moito noxo!!!!

Fantoches

Eles nunca arriscan, nunca se sabe qué pensan ou cómo opinan. Agardan sobre as rochas que a marea arrase ós demais que loitan contra as ondas; eles non se mollan.Non se mollan ata que se demostre que os que estaban sobre a praia colleron peixe. Tranquilos e caladiños, eles non son incómodos, adáptanse a calquera hábitat e vailles ben.
Son dóciles, imbéciles? e escuros pero nunca perden. Están alí de extras,cómodos, agardando que alguén lles faga o traballo suxo, para logo eles tira-los réditos sen expoñer o seu propio capital...

domingo, 20 de diciembre de 2009

El silencio de los corderos

Cando Caixanova desapareza, moitos se tiraran dos pelos polo seu silencio. Ata agora só duas voces claras e nítidas escoito: Julio Fernández Gayoso e José García Costas, ademais doutros partidos/políticos que se suben ó carro de xeito bipolar como o PSOE: aquí non alá sí( Vigo e A Coruña).
É a procesión dos caladiños, a Confraría do Reproche de San Chema Figueroa, a do Derroche de Fadesa, a da Virxe do Puño, Confraría das Dores e dos Subvencionados....
Qué será deles cando queiran pedir financiamento para o primeiro pazo de congresos de Vigo? que no Orzán llo negarán pra darllo ó Sexto Auditorio da Coruña. Qué pasará cando un director xeral que xoga na Zapateira teñan que decidir entre Zara ou Citröen...
Caixanova foi no sur unha oportunidade, un apoio e un símbolo. Grazas a Caixanova naceu o Colexio Universitario de Vigo, o vello CUVI, xérmolo da U. de Vigo ( que moitos quererían que desaparecera, xa hai duas universidades na provincia da Coruña, que pechen a de Vigo...)
Caixanova ofreceu tamén financiación prás eternas e sempre adiadas obras do segundo cinto de circunvalamento de Vigo que o Ministerio de Fomento rexeitou hai preto de dez anos.
Grazas a Caixanova a cultura de Vigo non é un ermo,grazas á entidade do sur temos un único teatro con programación de calidade, lonxe do perezvarelismo que atenazou este país nos últimos lustros.
Moitos dos que agora calan,ou sorrín ou practican o falabaratismo máis rastreiro co linchamento de Gayoso e García Costas deberían pensar que sería de Vigo se tamén dependese da Coruña para as cuestións económicas.

sábado, 19 de diciembre de 2009

A dignidade de Aminetu Haidar

Aínda estou pampa e "ojiplática" coa fin da crise política provocada por Aminetu Haidar. Estaba plenamente convencida de que ía morrer de inanicción ou que ía ser levada pola forza a un hospital canario xa desvanecida.
Nun tempo como o noso, no que todos miden o que din: o que poden dicir, ou o que deben calar para ir progresando e avanzando, sorprendeunos esta muller de principios nun mundo onde a xente se vende a cada hora, por un feixe de cartos, por un posto de traballo, por un cargo ou sinxelamente por non ter problemas.
Penséi que o caso ía terminar en táboas, que Aminetu sería unha especie de Tom Hanks no aeroporto canario; pero non foi.
Ás veces a coherencia, a ética e o berro silencioso reciben estas gratificacións. Puxo nun brete, nunha situación enquistada de difícil retorno a alomenos dous estados que acabaron recuando, algo moi estrano en política internacional e nestes órdagos de pacifistas....
O resultado é bo, Aminetu poñendo a súa saúde en xogo conseguiu o que quería; levou ás portadas e ós titulares a situación dun país en tendas de campaña.

Noticias do pasado

Dun tempo a esta parte os xornais teiman por reeditar noticias do pasado nun eterno flash back ou un vello nodo.
Semella que o "revival" non se acaba nunca: as foxas do franquismo, as esquelas dos mortos na guerra ou a deriva errática do Prestige.
A mirada sobre o pasado fai que ás veces nos falten as novas do presente e as predicións sobre o futuro, moito máis interesantes para os que nos len.
Parece que a información e a acción política se rexen máis polo pasado que polo futuro.Son as liñas de fuga do mundo editorial para evita-lo presente e fuxir do qué virá.
As esquelas dos republicanos e dos franquistas que se atrincheraban nas páxinas do País e do ABC hai uns anos foi un dos aspectos máis surrealistas desa volta ó pasado, deste gusto polo vintage xornalístico.
Agora os grandes próceres do retrospectivismo acaban de levar un gran pau. Logo de anos especulando e peparando o rescate dos ósos de Lorca , contravindo os desexos da súa familia, o destino xógalles unha mala pasada. E alí onde buscaban a gran pedra angular da memoria: atoparon un inmenso baleiro....un futuro que non se pode escribir e que queda como quixo a familia nunha páxina en branco.

domingo, 13 de diciembre de 2009

A primeira gran crise de Feijóo

O presidente Feijóo vive os seus momentos máis baixos logo da súa chegada ó poder. Alén mar, comprobou que non é tan doado como parecía reunir milleiros de seareiros en Bos Aires, Montevideo ou Brasil. Quen foron a esta viaxe falan de fracaso estrepitoso, da falta de viño ou empanada, ou se cadra os emigrantes xa están fartos de cantos de sereas e non coñecen a este señor,como tampouco coñeceron a Touriño.
Cánto gasta o goberno galego? Tódolos gobernos galegos en viaxes á diáspora con a única clara fin de acadar adhesións para os seus partidos políticos? Pode a nosa Galicia facer unha política exterior como se fose un gran estado? Pode o Presidente da Xunta actuar coma se fose o Rei ou o presidente do goberno español. Galicia paga, unha bonita viaxe transoceánica en plena ponte, coido que só para captar votos partidistas.
Feijóo viaxa para esquecer, enfríar a polémica que queda atrás: o barullo das caixas. Feijóo enlamouse ata as cellas, nunha actitude sucida defendendo a bombo e platillo unha fusión caixeira galaica que só desexa o crebado contorno de Caixagalicia.
En Vigo Feijóo xa non atopa o sorriso amable do poder financeiro e empresarial. Axudaría a nova caixa coruñesa a financiar Rodman, Montaxes Cíes ou Alfageme ou a nova atovía de Vigo?Non, as súas prioridades serían o porto exterior da Coruña e un quinto pazo de congresos para a cidade herculina.
Feijóo vive a súa peor crise desque empezou, pero nos malos tempos se aprende e das crises tamén se pode saír reforzado...

martes, 8 de diciembre de 2009

Autoproclamados.

Son os presidentes, os voceiros, o secretarios xerais; pero ninguén os nomeou, ninguén os votou. Non representan a niguén, pero aí seguen. Apaláncanse ad eternum e teñen unha brutal resistencia a ser botados. Todos os coñecemos ben: son os sinaís,os regueras,os ramos etc. Hainos en tódolos eidos: na universidade, no xornalismo, no movemento xitano. Os membros das súas asociacións cóntanse cos dedos dunha man.Hai mesmo asociacións gremiais das que a xente fala dicindo a asociación de xornalistas de Pepiño ou de Xoán.
Considéranse interlocutores válidos e conseguen ás veces sustanciosas subvencións, aínda que a ninguén representen. Valen tamén de figuración: os políticos de turno pódense reunir con colectivos de xitanos, comerciantes, ou veciñais, sempre haberá alguén que se pregue ós seus encantos. Son arribistas e arrimistas. Son unha especie patética do Juan Cuesta televisivo; pero para eles no hai rúa do Desengano que valla....

Supergaioso do Fragoso.

Vigo, 2059


Medio século despois Vigo celebra a nova Reconquista. Gaioso como don Pelayo non permitiu que os bárbaros do norte colleran a caixa sagrada, a arca da alianza, a arca perdida. O noso Indiana Jones septuaxenario evitou que agora falasemos do "símbolo perdido".
Desde o seu castelo no cruce de Colón con Policarpo Sanz e García Barbón (benefactores do novo gran Vigo e conquistador universal). Gaioso séndolle fiel ó seu nome como outros grandes conquistadores rebelouse diante do Harry Potter coruñés.
Foi o sereo contra María Pita; Rande fronte ó Porto Exterior. Gaioso, "enjuto" convenceu ás masas desde o Berbés ata Lavadores franqueando as portas da Falperra e da Gammboa. As tropas do Gaioso convenceron para a causa ós de Mos, Pontevedra, Sanxenxo ou Ourense. Harry Potter cría que tiña do seu lado á Forza, pero a forza esluiuse en dous segundos.
A guerra foi longa pero doada, á última batalla acudiu a bordo dun dous cabalos de Citröen o espírito de Leri cos seus sempiternos escarpíns vermellos....

sábado, 5 de diciembre de 2009

A PROL DA FUSIÓN CELTA-DEPOR

É unha boa idea, os equipos galegos non van de todo ben, sobre todo un, tanto ten.O Celta quedaría co nome co novo estadio, cos xogadores e coa categoría en primeira e na Champions League, se se tercia, os do Depor, sentarían no banquillo.
É unha boa idea , Galicia tería un bo equipo, non hai que ser localista, hai que pensar en clave galega, hai que ser solidarios.
Por qué no? Porque Vigo xa está farta de ser arrasada polos bárbaros do norte, porque Vigo nunca gaña nada cando se fala de Galicia, sempre perde... Aquí aínda lembramos cando un goberno como este vendeu a bombo e platillo o Vigo da Volvo Ocean Race que acabou deixando tódolos réditos en Sanxenxo.
Non, non somos localistas deixamos sen dicir chío que tódolos organismos se fóran para o norte, banco de España, central de Estradas, Policía Nacional, TSXG,Gabinete de Crise do Prestige, Delegación do Goberno....
Pero isto xa é moito de qué Galicia falan, Galicia existe para eles que andan a labazadas pra non falar galego, de qué carallo de país estamos falando? Queredes preparar a caixa galega pra que sexa engolida en meses por Esperanza Aguirre que non sabe nin xestiona-lo seu exiguo soldo que disque non lle chega a fin de mes.....
Ai se Leri ergeuse a cabeza, infartaba!!!! E xa sabedes, derbi, nunca máis!!!! Fusión Celta-Depor, campo, Balaídos; hai que pensar en clave galega.

lunes, 30 de noviembre de 2009

Coruñés o que non bote!!!!

Aquí en Vigo estamos moi afeitos que cando din Galicia, queiran dicir A Coruña; cando din galego queren dicir coruñés. Cando se pensa en clave galega ídem. E iso é o que pasa coas caixas galegas ;as dous pero unha: a do norte máis galega no peor sentido da palabra, no explicado alá enriba.
Se imaximos un pai con dous fillos e un deles dilapida a herencia antes de tempo, o pai non vai desherdar ó segundo para favorecer ó primeiro. Iso só lle pasa ó fillo pródigo.
No asunto das caixas queremos un debate coas cartas boca arriba, se hai unha a piques de ser intervida polo Banco de España deberíamolo saber e non debería de ser premiada coa sede e coa dirección da entidade resultante.
Aquí en Vigo non entendemos os debates bizantinos que se dan alá enriba, 20 anos discutindo por un fonema que ninguén emprega o A ou o L; cando todos eles din Coruña.
A Cidade do Norte foi abondo beneficiada polo Gran Cacique e o seu Maestre ( agora embaixador no Vaticano). Son os trileiros da moqueta e do colo branco. Queren que nos fusionemos sen chistar, que pra iso estamos os de Vigo todo o día traballando que non damos pra debates bizantinos na Zapateira nin en Iñás.
Pode pasar que logo da fusión cando abramos unha das caixas, sexa a de pandora e os tronos e a lostregada arrasen con todos nós

sábado, 28 de noviembre de 2009

Puerro y Caballero: "Piratas da ría"

Hai anos que esta cidade vive unha batalla parecida á de Afganistán ou a do Índico; todo vale para a pillaxe.Xogo suxo, pancadelas, mentiras e mesmo obstruir o progreso de todos para que uns poucos se beneficien. Cambiar de idea con cada cadeira; o que eu fixen hai tres anos é malo que ti o fagas agora.
A tensión, a escalada pode durar case dous anos máis e quedar case en táboas como a última vez; algunhas semella que fuman ata o apelido, e outros parecen Quixotes andantes defendéndose ante mil quebrantos e xerando cinco mil "duelos" máis.
Nós aquí no anfiteatro da ría, abraiados ante o espectáculo; sen saber entre qué optar entre a mecha e a liposucción ou entre as alzas e o implante capilar. A soberbia contra a demagoxia; o cum laude fronte á ATS; a bela fronte á besta. Eles mírannos con ese sorriso falso desde as súas páxinas de pago, no faro. Mentres continúan as inundacións, seguimos sen albergue, sen sede de federación veciñal, sen depuradora,sen bombeiros, sen chiringuitos, sen zoo. Hai quen pensa que hai que cambiar a biblia: mellor Caín, que Abel.
Quedan aínda máis de 12 meses para que unha volva a ir a misa a tódalas parroquias do centro, mentres o outro visita tódolos mercados e o Rin-Ran, incluso a bocatería Tus. Pedirá o seu chofer que o deixe dous semáforos antes para que o vexan mercando o pan en Hernán Cortés.
Estará moi próximo entón o momento no que teremos que decidir entre Ferrol e Ponteareas. De verdade nos merecemos, isto?

jueves, 26 de noviembre de 2009

Mucha

Mucha habita baixo o escenario do Teatro do Centro Cultural Caixanova. Ás veces desprázase polo proscenio, polo hall, ou polos cameríns. Co seu ollo escrutador e o seu aquel rosmón domina este escenario da súa vida.
Mucha dirixe, Mucha prohíbe e organiza. Co tempo se lle colle cariño, non como ós bibliotecarios que habitan no 5º andar, rodeados de mármores; que malas caras sempre; qué falta de fibra por deus!!!!
Mucha vive alá abaixo a rentes de Policarpo Sanz, controlando quen entra, quen sae...facendo apostas a ver quen gaña Tesoira, vendo maquearse a Concha Velasco, a José Sacristán, ou a Lola Herrera ou a Nuria Espert.
Co seu xesto cálido pero enfurruñado controla mellor a porta que dous chiños de seguridade privada... e qué pasará con Mucha se hai fusión? Onde morará o seu espírito?Subirá ós cabalos de Oliveira ou as estatuas de Buciños? Deambulará como a alma que leva o diaño pola cuberta na que andan a rebolos as gaivotas?

domingo, 22 de noviembre de 2009

Neopaletos

O neopaleto inviste 7 horas indo a Ikea pra adquirir o que podería comprar en media hora en Pórtico, atura colas interminables, recintos masificados e queima gasolina en chegar ata alá. O neopaleto compra tamén unha Nesspreso e logo vese na obriga de face-los pedidos por internet en vez de baixar á tenda do lado. O neo vive enganchado ó mobil que colle sempre e que lle achega calquera problema por moi lonxe que estea. O novopaleto vai a un restaurante xaponés a comer peixe cru con anisakis en vez de tomar unhas xoubas. O neomarulo viaxa en lowcost inda que logo teña que pagar un potosí por un taxi desde unha aldea do Reino Unido ata London Town. Ai! O neopaleto é un snob é crese o rei! pero isto é unha república, a república independente da nosa casa....

sábado, 21 de noviembre de 2009

Un final feliz

Son dese tipo de parvas ás que lles gustan os finales felices. Non vou ser eu quen pregunte quen pagou o rescate ou se o houbo: se foi Kepa, Patxi ou De la Vega. Ou se saiu do fondo de reptís que tódolos estados teñen. Non siguen existindo os segredos de estado e os asuntos clasificados?
Malia os titubeos iniciais, son firme partidaria da xestión da Vicepresidenta do Goberno, unha adicta ó traballo de sorriso e trato fácil e tamén con man de ferro cando a situación política o require.
De la Vega é a presidenta na sombra, ata que ela non colleu o timón a crise non se amañou. Disque foi a Arxentina por diferencias con Chacón, unha inútil política na que algúns ven á sucesora.
Gústame cómo rematou este secuestro, aínda que todos nos puxeramos nerviosos neste tempo. Gústame ver os mariñeiros na casa e gustaríame tamén que tiveran protección internacional ou do goberno español pra preservar unha das fontes de riqueza que posuímos en Galicia: a pesca do atún e a industria conserveira. Coido que as críticas da oposición deberían ir desde xa só nese sentido.
O goberno galego e a oposición de Madrid fregáronse as mans durante esta crise na que os dous quixeron tirar proveito político. Feijóo fíxoo máis sibilinamente usando ó seu entorno para presionar e tentar participar nas xuntanzas que o goberno central mantivo coas familias, algo que non conseguiu. Expresando a súa perrencha por este motivo empregando os medios afíns, e reproducindo nos días seguintes unha reunión similar.
Houbo outra cousa que me estremeceu e arrepiou; as críticas dos seudointelectuais de esquerdas que nos primeiros días de secuestro cargaron a man contra o armador e o patrón; sen sensibilidade ningunha cun sector que é estratéxico pró noso país. Os opinadores de Madrid e algúns de aquí deberían deixa-la crítica de salón e ser máis sensibles cos máis febles da nosa cadea productiva. Porque as latas de atún non medran no Carrefour como pensan algúns.

domingo, 15 de noviembre de 2009

Clicks contra Geypermans

Estes días nos peiraos das Seychelles prepáranse os Geypermans para ir a polos Clicks en pleno Océano Índico. Parece unha broma pesada. Os Geypermans contratados polos armadores levan armamento do estado, son ex-soldados doutras armadas que ficharon pola privada.
O escenario,o teatro de operacións que nos describen parece terrorífico: soldados de pago,mercenarios, piratas e mariñeiros. Vaia marmitako ides facer! Quén é o responsable desta sinrazón?
É necesario manda-los nosos barcos a loitar contra os elementos? O exército vale sólo para facer simulacros, bautismos de mar, ou para rabuña-lo ceo de Vigo cada verán coa Patrulla Aguía?
Temos entón un exército de deseño, de atrezzo, para que Chacón os mande desfilar, un exército que non move un pé e que moitas veces secunda os pasos errados dunha cabra...
¿Qué lexitimidade teñen estes rambos ou robocops para protexe-la flota española en augas internacionais?

martes, 10 de noviembre de 2009

Gauche divine, sindicalismo liberao e socialismo de salón

Falan de ética, de coherencia ,de non corrupción; ven nídiamente os fallos alleos, e son solidarios coas vítimas da mala política de dereitas.
Encabezan manifestacións no primeiro de maio, levan pancartas con grandes lemas e logo declaran en xuizos en contra dos seus compañeiros de traballo.
O sindicalismo de salón parece máis preocupado por obter por convenio repousapés ou repousapulsos prós funcionarios que pola precarización do público ou o enchufismo e a falta de liberdade nas administracións locais.
Á gauche divine critica a voz en berro a privatización do público só cando é perpetrada por gobernos conservadore, senón a xustifica...
O sindicalismo de salón mira pra outro lado cando os seus gobernan e aquelas explotacións indignantes convírtense en situacións irreversibles ou moi difíciles de cambiar cando eles mandan.
O sindicalista de salón pode cobrar catro mil euros e vivir nun chalet en Sabarís e berrarlle ó da TVG que gaña mil euros e chamarlle fascista porque pensa que está revestido dunha autoridade moral que lle dan os anos de sindicalismo de clase....
O membro da gauche divine pode ter un audi de grandes dimensións ou un todoterreo último modelo e ir de pobre pola vida. O esquerdista de salón esixe nos outros, nos precarios, nos que non teñen carnets actitudes heróicas que eles nunca tiveron.
Coa súa chaqueta de pana o sindicalista de salón pode critican a un mariñeiro galego e a un armador vasco e defender a un pirata somalí. Dixen chaqueta de pana e falei mal: o neoesquerdismo móvese mellor entre os carolinaherreras de Ánxela Bugallo e os robertoverinismo salvaxe de María Xosé Caride.....

domingo, 8 de noviembre de 2009

Casco Belo? de Vigo

Corrían os últimos oitenta cando o Casco Vello era un lugar divertido. Un sitio ó que había que ir. Cheo de cousas novas e vellas e de contradiccións.
Unha rúa dos viños, na que non se tomaban viños; unha rúa Real que parecía irreal logo de catro copas. Un Tumba sen cemiterio, un Ovo sen galiña, un Pañuelo sen mocos e unha Bodega sen toneis, tamén había un Sanxenxo, aínda que non tiña turistas, senón paisanos.
Só as prazas como A Constitución non estaban demasiado ben. Ademais da parte alta: A Ferrería ou a Subida ó Castelo. Pasara o pesadelo da droga do final dos setenta e primeiros oitenta e tamén o esplendor comercial que viviran as nosas avoas na rúa do Triunfo, na Arca de Noé, na Cerería San José ou nos almacéns Ferro....
Ás portas mesmo había un puticlub de nivel: O Telmo´s que anunciaba "sexo en pista" en octavillas prendidas nos parabrisas dos vehículos e no que se non lembro mal estiveron algunha vez Julio Iglesias e Cicciolina.... próximo estaba un restaurante de sona:"La bella Napoli", e o Bar A Cepa e moitos máis. A rúa Palma acolleu tamén o xérmolo da vella reitoría da Universidade e a delegación da consellería de pesca contra ó ano 90.
E que foi de todo iso? Pasou alomenos un Urban a mediados dos 90 que ía salpicar millóns de pesetas neste lugar no que Vigo naceu. Pasaron catro gobernos que prometeron a rexeneración do barrio, pero ningún foi quen nin de sanealo, nin de mante-lo pouco que xa queda en pé.
Con Santiago Domínguez moitos tivemos a ilusión de que ía converte-lo noso pequeno Montmarte nun pequeno Allariz, pero tampouco foi.....
A estampa dos míticos soportais esfarélase diante dos nosos ollos sen que ninguén faga nada, a Pedra perdeu o seu encanto con esas pequenas tendas e coas teimosas redadas; quedan as ostras e o pavemento do plan E. Todo o demais se vén abaixo: teitos, columnas e trades mestras.
Os grandes investidores de Vigo adquiriron rúas, cuarteiróns e edificios enteiros, foi outro momento ilusionante do barrio. Pero ninguén move peza, todos agardan a que sexa outro o que rehabilite,venda e arrisque; os máis agardan como luras o tempo propicio de facer o negocio, de especular, de vender cando o barrio estea de moda, cando esteamos no novo Allariz ou no novo Chueca....
Mentres o barrio durme o seu peor pesadelo, nunca tan mal estivo, durme este horrible letargo do que só esperta contadas veces ó ano: o día do Cristo e o día da Reconquista. Durme como un zombie, rodeado de ionquis e de puntais que impiden a próxima caída....

sábado, 31 de octubre de 2009

Preparando Acción de Grazas

Primeiro foi o Papa Noel, logo foi o San Patric´s day, e o Haloween, e agora é o Oktoberfest. Quedaremos sen referencias, sen festas? Vou baixar á compra que agora chega ó Día de Acción de Grazas. (4º xoves de novembro), e se non ó tempo...

martes, 27 de octubre de 2009

Espe- cimen Aguirre

O que fai Esperanza Aguirre é demencial. No lugar no que eu vivo a unha tipa coma esta chámaselle: lurpia,lercha, prea,arpia,lerchiloba ou lerchiprea.
Qué pasa que ninguén a pode criticar? Que todo lle vale? A onde van os madrileños cunha muller que gaña preto de 6.000 euros ó mes e di que non é quen de chegar a fin de mes?
Mitos urbanos e musicais aparte, Sara-Mago, Sara Baras....O que todos sabemos é que esta muller só pensa en arrasar co que atopa ó seu paso:Gallardón, Cobo, Blesa, Mariano e ata España como di o outro....
Pero como chegou Esperanza Aguirre ó goberno de Madrid?pois como boa madrileña, subida nun ladrillo, no ladrillo da súa especulación e grazas á compra de vontades como as de Tamayo e Sáez. E así continúa bailando un eterno chotis con todos os que lle douran a pílilula, perseguindo ós que ousan criticala e poñéndolle espías ós que poden progresar no partido.
Espe vive ancorada nun pepé de golf e bandeira,de ideas resesas e caducas, de pancadelas; dun pepé que dá medo: pola súa ignorancia e polo seu atavismo; Deus nos salve de persoas como Espe que grazas ó destino están ben lonxe de Galicia...

O bungaló dos pobres

Viven en primeira liña de costa, nunha estrutura de alto deseño. Son os homeless de Vigo. Alí nunha das zonas máis caras da cidade, fronte o clube náutico. Contan con mobles de obra e o seu bungaló é unha estrutura aberta con alfombra vexetal. Semella a casa museo de César Manrique en Lanzarote.
É o único fogar que teñen e que non se enteren no concello, que igual llo tapian. Neste outoverán prolongado viven ben, que pasará con eles cando chegue o frío?
Tamén habita nunha arquitectura efímera tubular digna de Gehry ou de Chillida ,outro dos pobres de Vigo a carón do valo portuario, goza dunha concesión de parquing na que exerce de coidador e cobrador...coroa o espazo como nos grandes castelos unha fonte ferruxeira que deseñou o mesmo arquitecto que lle fixo o bungaló ós pobres.

domingo, 25 de octubre de 2009

Vigo, Pagafantas de Galicia

Onde está a dirección Xeral da Policía de Galicia? Onde a Xefatura da Garda Civil? Onde o centro de Control de Tráfico galego? Onde, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia? E por qué?
Por qué todos eses organismos institucións que dan servizo a tódolos galegos están nunha punta do país? Nunha cidade que é unha simple capital de provincias que non capital do país.
Por qué hai unha provincia con dous aeroportos e duas universidades e que quere ter ademais duas facultades de Medicina e aglutinar todo o poder financeiro galego?
Por qué calquera demanda lexítima dos de Vigo que damos servizo a todo o eixe sur de Galicia: Vigo-Pontevedra-Ourense con máis poboación que o da Coruña-Lugo é unha aposta localista?
Por qué non ubica-los servizos a carón da xente que goza deles? Aquí non se entende non.

sábado, 17 de octubre de 2009

Divertirse ata morrer

Como nunha serie de dibus, ou unha historieta por capítulos leo as historias do Bigotes, do Albondiguilla, e don Vito. É unha serie que dura xa desde antes do verán. Producións Aznar e Fraga xeraron este docu-soup xenial.
Como dous estilistas, como Victorio y Luccino, como Dolce y Gabbana no xornal "El País" córtanlle cada día un traxe a Camps: aquí a sisa, alá os baixos.... alá as puñetas.....
Tamén producido nos sotos das sedes do PP parece feita a foto das fillas do presidente. Góticas, gordas, horteras.... risos virais na internet....
Pero é políticamente importante? Pode xerar unha crise diplomática a estética das fillas de ZP? O importante é seguir escachando co riso e esquecer que estamos en recesión...

domingo, 11 de octubre de 2009

La noticia que nunca quiso dar Cristina Blach

Cristina, compañeira de profesión percorreu cunha chea de cámaras mil carreiros de Galicia e mil camiños en Asturias na procura de voces e testemuños da dor.
Cristina coma nós peta ás veces nas portas dos que choran pra retratar ese sufrimento en primeira persoa. Son as entrevistas que a nós os xornalistas máis nos doe facer e que máis gustan ós nosos xefes a a certa/toda a audiencia deste o noso país.
Cristina, redactora de TVE, saltou agora de eixe, abandonou a beira da cámara, alí ó carón dos búmetros, do trípode e dos códigos de tempo; ese sitio confortable onde nós os xornalistas temos en fronte a unha persoa á que lle podemos preguntar case todo o que nos pete...
Agora Cristina está do outro lado, fronte ó obxectivo e o piloto vermello, onde nunca quixo estar. Agora tamén nos doe máis a nós facer estas entrevistas, onde hai unha compañeira, onde recoñecemos como ós nosos compañeiros e eses ollos bonitos que cada día se tornan máis opacos e máis mates.
Por iso agradecemos tamén o seu esforzo e a súa comprensión.Galicia, España e o mundo queren saber cómo están os(nosos) mariñeiros do Alakrana, ata onde chega a trazabilidade pra que eu poda botar unha lata de atún na ensalada ou nun salpicón.
É preciso mandar ós nosos homes a loitar cos elementos? Con eses elementos que xa soio debían pertencen á literatura de aventuras e ás grandes producións de debuxos animados, ou de cinema... Non hai forzas internacionais que protexan a seguridade dos homes do mar?
Temos que mandar alá a porteiros de discotecas, a prosegures, ou Rambos? É iso o que di a nosa ministra? Cantos homes perdeu Galicia en Afaganistán ou Irak?
Grazas, Cristina!!!

miércoles, 2 de septiembre de 2009

Un novo anel

Atopou aquel vello anel de plástico nun restaurante vexetariano do barrio. Estaba alí ciscado nun recuncho como un talismán poderoso. Co seu plástico mate, co seu plateado xa enferruxado... pero era unha peza deliciosa; deulle sorte, parecía a esmeralda do Titanic, un anel da sorte e así foi. Dáballe pena desfacerse del, pero debía rular pra que a sorte, a fortuna circulase...

martes, 25 de agosto de 2009

Pasado de moda

Son cousas vellas e pasadas de moda.
Coherencia, ética, solidariedade.
Son cousas de agora e de sempre:
egoísmo, individualismo, posibilismo.

domingo, 23 de agosto de 2009

Os donos da ría de Vigo

¿De quen é a ría de Vigo? De todos nós os vigueses ou de Marina Dávila Sport, do Club de Mar de Canido, de Punta Lagoa (Pescanova) ou de Marina Atlántica en Cangas.
Non é noso o noso mar? ou é do Club Naútico, de Ubaldino de Caixanova ou de calquera que o tome pola forza .
Son os caquiques dunha ría que é de todos; comezaron invadindo o litoral e facéndose propietarios da auga de todos, así paseniño en silencio, sen que ninguén fixese nada, sen que ninguén llelo impedise....
Acabarán invadindo a ría e facendo un inmenso peirao que nos una coas Cíes vía asfalto.

martes, 14 de julio de 2009

MULLERES DE 50 ANOS

Muller, cincuenta anos: carne de ERE ou de prexubilación. Onde están as vellas operadoras amables e competentes de Telefónica ?( non están en Marrocos,non), onde están as recepcionistas do Faro de Vigo? onde está a responsable da taquilla do super do Corte Inglés de Vigo.
Están todas no limbo tralo ecuador da vida.Sustituidas por ETTS, por arxentinas uruguaias, marroquíes ou máquinas.
Ubi sunt? Onde está a vergonza dos que eran os seus xefes? Tamén no limbo. Ah, pero o limbo tamén foi deslocalizado polo Papa Ratzinger!

miércoles, 8 de julio de 2009

UN MONSTRUO DE PAPEL COUCHÉ

La baronesa no ordena nada más. Ni nada menos. Ha pedido material genético a su hijo para tener otro hijo; que podría ser a su vez su hijo-nieto.
Acostumbrada a tenerlo todo, la baronesa ha devenido en EGOÍSTA. ¿Quiere así poseer a su hijo?Tenerlo a su lado en exclusiva, y quizás obligarle luego a ejercer de padre con esas dos gemelas-capricho.Es necesario, es justo ser madre a los 60?
Es responsable es justo hacer que su hijo sea el padre.?
La baronesa es una arpía egoísta:celosa de su hijo, de su nuera y de su verdadero nieto a quien no quería reconocer.
Después de humillar a su hijo y a su nuera. Ahora quería destrozar su relación, diciendo ahora sí quién le cedió el semen para que tuviera esas hijas que ahora la naturaleza ya no le dio.
Da igual decirlo en el Hola que en el patio de vecinas, da igual ir de Gucci que de Zara. La baronesa es la peor arpía, aunque sea de un culebrón caro.

lunes, 6 de julio de 2009

ESTÁ QUEBRADA CAIXAGALICIA?

POR QUÉ ODIAS??

Se cadra é porque non sabes convivir coa diferencia. Ó mellor porque queres que todos aplaudan o teu discurso.Probablemente porque para ti os demais sexan meros espectros ou extras dunha produción allea na que ti cres se-lo director.
Abúrreme o pensamento único, abúrrenme os que cren que manexan unha verdade absoluta e que pensan que llela poden impoñer ós demais. Por qué a xente se odia tanto enn vez de ser un pouco máis feliz.Por qué non tentan limar asperezas e diferenzas, senón que queren facer de cada borde un alto muro insalvable. Eles saberán.Se cadra, subindo muros e alimentando a diferenza os que quedan no foxo son eles.

sábado, 4 de julio de 2009

domingo, 28 de junio de 2009

Sarmiento no es Bardem, aunque lo parezca

Sí, sí Sarmiento no es Bardem en los Lunes al Sol, ni romper una farola ( y pagarla) es lo mismo que quemar toda la ciudad de balde.
Ni esto es una peli ,ni estamos en reconversión. Tampoco es una guerra, y de momento nadie está en paro.
No querríamos que llegue el momento de poner un bar, cobrar la indemnización y tirar las cenizas a la ría

Unidos por Raias Brancas

Como nun taboleiro de tres en raia; como aqueles vellos xogos nos que había que uni-los puntos pra facer un debuxo, vexo algúns puntos unidos por raias brancas.
Á maioría deles viven pacíficamente agardando que a raia chegue ata eles; outros experimentan ataques de agresividade que unidos á súa prepotencia e chulería fanos de todo insoportables.
O último punto que chegou ata nós debeu nacer entre loureiros e iates, malcriado e prepotente, con complexo de ditador ou emperador.
O peor de todo e que o noso punto, non é máis que un punto sustituto que só pensa en raias.

domingo, 21 de junio de 2009

VUELTA AL PASADO

Vuelta al pasado.Fashback intenso.Los mismos líos, los mismos protagonistas de hace 15 años.¿No hay futuro? Dónde está?

jueves, 18 de junio de 2009

Mujer fatal

Pra esa xente que só sabe xerar problemas. Pra esa xente que magnifica os atrancos e reduce os logros; pra esa xente que por posicionarse lastra ós demais.
Pra todos os que os aturamos pacientemente. Moitas veces un bo silencio é mellor que mil palabras vacuas.

domingo, 14 de junio de 2009

TUS SUEÑOS

Quisiera que tus sueños se cumplieran. Quisiera que por una vez no te dejaras llevar, querría hacer una canción, una poesía como las tuyas...
Peajes y quilómetros nos separan en esta Galicia absurda con crisis de identidad...
Mientras tanto, han pasado los años y la falta de fe se cruza con la melancolía.
¿Dónde están tus sueños rotos? por qué non renuncias a lo que no te gusta?
Dónde están los tableros ajedrezados con que jugaste en tu infancia?
Quizá tus sueños son tan confusos como mis ideas.

CRUCES

Sempre cruces. A Coruña-Vigo. Vigo-Istambul-Iruña-Madrid. Só queda escoita-las voces,eses baixos continuos, esas melodías que nos acompañan. Hai unha música de fondo que nos acompaña durante toda a vida:un soño.
Pasarán anos, pasarán...

lunes, 8 de junio de 2009

ENTRE MEZQUITAS

Istambul. Cidade de conto. Paseo entre minaretes e mezquitas entre mulleres sen pano ou con el. Duas relixións, dous continentes, dous xeitos d concibi-la vida, que son quen de convivir. Por qué non aprendemos deles?

domingo, 17 de mayo de 2009

CRISIS DE PÁNICO

Llegan tiempos difíciles.De desazón. Hasta que todo se asiente.Despúes de unos años de calma, el terror se aproxima.

domingo, 10 de mayo de 2009

LA BURBUJA DEL P.P.de G

La victoria del PP de Galicia se debe en buena medida al efecto Alberto. Al efecto Feijóo. Quién se lo iba a decir a este ourensán que hace dos meses era casi un apestado e en el panorama social gallego, que de repente se iba a convertir en el hombre de moda.El más buscado por los flashes, los micrófonos y los operadores económicos y sociales de esta nueva Galicia.
Con el vuelco político se están viviendo situaciones grotescas en Galicia en apenas una semana los más acérrimos quintanistas se volvieron baltarianos; los más acendrados laicistas se volvieron devotísimos; y los colegas de Ricardo Varela giran ahora la cabeza hacia Corina Porro. De tantos giros y "reviravoltas" ya los hay con tortícolis y con sobrecarga muscular.
Es la burbuja de la nueva gaseosa de moda:Feijóo

sábado, 18 de abril de 2009

MAMADOU

Me cruzo en Cervantes con Mamadou, el "sin pa..." qu me vende los cds. Sonríe. Sin pa..., con una nueva ley que le acecha en un país extraño al suyo,que le ve distinto. Y Mamadou, sonríe. Realmente la felicidad nada tiene que ver con los recursos económicos; la felicidad es un estado interno y una actitud ante la vida..

viernes, 3 de abril de 2009

UN ERE NA XUNTA

Desde o 1 de marzo está confirmado un ERE na Xunta. Ou mellor como en Citröen vanse os eventuais e veñen os de sempre

sábado, 28 de marzo de 2009

PECHA RENAULT VALLADOLID

Coméntase sotto voce nos corredores do Ministerio de Industria que o futuro da automoción está no peche de plantas ,desaparición de marcas e fusión de logos.
Citröen podería fusionarse con Renault a medio prazo. A previsión sería o peche de Renault Valladolid. Pero o perigo existe e os vigueses estamos fartos xa de facer de primo parvo. Por iso é moi importante que PSA-Citröen Vigo acade tódolos apoios de tódolos poderes públicos que gobernan pra que no caso de pechar unha das plantas nunca sexa a de Vigo.

A PSGSAGA DOS ROSE

"Líos de familia", "A guerra dos Rose" son guións moi parecidos ós da vida orgánica do PSdG vigués desde alomenos tres lustros. Hai familias políticas estricto sensu, pero tamén familias.O sobriño do César, a irmá e o home de Cleopatra, e máis vinganzas e violencia que en Falcon Crest.
¿ Por que non os botan a todos? ¿Quen move os fíos entre bambalinas? Xa o chamaron no seu día o Príncipe de Maquiavelo.
Aquí a política resólvese como o fútbol: a patadas.Recoméndovos o a información do País Galicia de hoxe de Primitivo Carbajo

viernes, 13 de marzo de 2009

Outra Galicia

Galicia xa é outra. Despois da experiencia do bipartito queda certa melancolía e tristeza e unha expectativa xa con poucas ilusións.
Tantos SOÑOS rotos, tantos proxectos, sorte ó novo goberno, pero xa nos pilla con moitos anos pra volver ter ilusións....

lunes, 16 de febrero de 2009

Vigo, 2009 seguimos esperando....

Seguimos agardando polo AVE, pola depuradora, polo novo hospital, polo auditorio, pola Cidade do Mar, pola consellería de Pesca,polo xulgado do mercantil, polas garderías, polo albergue de transeúntes, polos centros de maiores.... seguimos ssperando polos políticos que só se asoman en campaña.
Empezamos a estar fartos e ó mellor o 1 de marzo xa non nos apetece ir votar ... a ninguén....

martes, 3 de febrero de 2009

sábado, 31 de enero de 2009

Valérie Tasso

A asociación Alecrín denunciou nos xulgados de Vigo á Vicepresidencia da Xunta por apoloxía subliminal da prostitución. Ten razón.Non é axeitado convidar como relatora nunhas xornadas sobre sexo a unha exprostituta de luxo que campa da súa condición de ninfómana. (Autora é entroutras obras de "Diario dunha ninfómana").
Unha insitución pública que tamén leva a área de Igualdade non debería facer tal. Considera Ana Míguez e ten razón que convidar a persoas como Valérie é dar "carta de normalidade" á prostitución como profesión ocasional.
¿É unha exprostituta a persoa axeitada pra falar dunha relación normal e natural co sexo? Hai xente que lle quitou importancia por tratarse dunha prostituta de luxo que segundo di a lenda popular se deita con quen quere polo prezo que lle parece, pero a prostitución non é un problema de tarifas, senón de sumisión e de venda de corpos... esa non é unha relación co sexo que se debería difundir e potenciar desde unha administración....

sábado, 10 de enero de 2009

O biobook do Quintana e o xornal

Busco a biografía de Quintana nas librerías e non atopo exemplar algún. O que sí reborda en andeis de quioscos e supermercados e o xornal, a ver canto dura?

¿Por qué non se xubila Gayoso?

Escribo o que moitos pensan. ¿ Por qué non se xubila Gayoso o de Caixanova? ¿Con máis de 75 anos debería traballar? ¿Por qué se aferra? ¿Por qué deixa nun segundo plano ó agora director xeral da Caixa?

As reviravoltas ideolóxicas do Superpequerrecho

Antes era do PP a morte como se non existira outra opción, pero o cambio de goberno fíxoo do bloque a morte, que curioso. Antes comía con delegadas de cultura como Rosana e agora non hai sarao benegallo que se lle resista.
Parece que coas rebaixas vén ben un cambio de chaqueta. Que vaia mercando outra porque agoran veñen as eleccións e se cadra gañan outros e entón ó mellor en vez de se-lo bardo das políticas de benestar tense que implicar na ordenación do territorio. Ai que dura é a vida!! Xa o dicía o outro, programa, programa, programa.

Era unha boa nova

A disolución dos Tonechos era unha boa nova. Era a desaparición dun humor cutre e patán que sacaba o peor de sí do rural galego.
Non o critico por rural.Hai un humor rural delicioso, enxebre e retranqueiro. Críticoo por básico e de barra de bar. Dese que só fai graza cunhas cuncas de máis considero que este humor cutre o chocalleiro fai moito dano ó noso país. Por poñer un exemplo:non teñen o mesmo nivel cantantes como Sabela ou María Montana (que desapareceron grazas a Deus) que fuxan os ventos. No meu modesto parecer unhas sacan o peor de nós, e outros pulan pola calidade da nosa música enxebre e polo mellor da nosa esencia galega.
Pero a noticia non é de todo boa. Disólvense sí, sepáranse, pero non se van;senón que actuarán por separado. É dicir, teremos o dobre de Tonechos que antes e eu non sei se o poderemos aturar.

viernes, 9 de enero de 2009

Cando as luces se apagan

Cando as luces se apagan outro Vigo se prende. E ocorren cousas como as que lle pasaron a Borja Alonso.Cando as luces se apagan saen á rúa os nixerianos.¿Sabe alguén cantos hai en Vigo? Érguense os nixerianos e déitanse os senegaleses, nas mesmas camas...
Pisos pateiras.
Préndense as luces do porto e da lonxa e chegan as furgonetas do portugués a descargar africanos sen papeis pra traballar no peixe. Sen papeis e sen contrato.A autoridade portuaria mira pra outro lado. Como todos.
Cando as luces se apagan outro Vigo se prende.

martes, 6 de enero de 2009

Fin do nadal

O nadal se acaba.Pero dá igual.Xa nada é cómo antes. Ata no anuncio do Almendro o protagonista xa non vén en tren senón que vén en todoterreo.O nadal acabará esmorecendo

viernes, 2 de enero de 2009

Moncho Iglesias

Entrevisto a Moncho Iglesias. Un galego universal agora en Palestina e antes en Israel.En apariencia ten o corazón esgazado, aínda que no fondo sabe o que quere.
Moncho escribe,traduce e mesmo aprende ás persoas destes países cómo se fai un magosto.

jueves, 1 de enero de 2009

Ano novo

Vigo 1 xaneiro 2009

Estamos no ano cero dun novo tempo. Da fuxida do país dos trapalleiros.