Vistas de página en total

miércoles, 25 de julio de 2012

Perdidas nas Cíes, o musical

A actividade frenética do verán fixo que o narrador omnisciente abandonase a crónica de Perdidas nas Cíes. As nosas protagonistas non dan feito con tanta actividade lúdica no verán.
Pija está que non mexa mareando a tododeus porque quere ir ó concerto de Julio Iglesias en Cambados e ós touros en Pontevedra, para o que xa está a punto de alugar unha mantilla española que sempre lle pode quedar para ir á procesión do Cristo.
Son eventos estes que farán a Pija renunciar a unha das súas máximas existenciais non saír de Baiona en verán, " que é de pobres".
Xa transgredira esta norma para ir con Maruja ve-lo musical de "Sorrisos e bágoas".
Choni quería ir a Portamérica para ver a Deluxe a a Julieta Venegas pero Pija e Maruja din que aquilo é unha "peste de pandilleros xuvenís" e unha porcallada de festival. Van encher Praia América de hippies e xitanos, que noxo! E logo haberá que aturalos toda a fin de semana na praia.
Maruja insiste sen éxito en ir ó concerto dos Panchos, pero ninguén lle fai caso ningún.
Eu esa finde voume para Sanxenxo ou non saio da piscina di Pija toda chea.Mentres Maruja e Choni teñen que ir a unha comuñón e a unha churrascada respectivamente.
Choni non sabe que roupa poñerse para ir a unha churrascada na casa de Louzán en Ribadumia.
-Ten que ser algo fino, pero "casual" sen saír do meu estilo di toda happy. Maruja dille e por que non levas un deses chandaliños tan finos que tes que non parecen chandais, si eses que pos moitos días baixo a minisaia....
- Ah! Refíreste ós leggins... ;)
- Hai que pedir que nos poñan un estilista ou un personal shopper di Maruja eu ás veces tampouco sei que me poñer temos que falar con produción do programa.
Pero os recurtes non dan tregua e o único que consiguen as nosas protagonistas e que o equipo de imaxe da canle lles envíe un manual sobre elegancia que se chama: "´Dress code´para horteiras irrecuperables"

lunes, 2 de julio de 2012

Arte e familia

(O vídeo que nos interesa comeza contra o minuto 6 segundo 10.)
Eu non coñecín ó meu avó, morreu o seis de xuño de 1945 por mor dunha intoxicación alimentaria e eu nacín no 72. Pero durante case un mes vino dúas veces ó día nun intervalo de sete horas. Cando subía e cando baixaba do traballo por Alfonso XIII. Estaba silueteado no predio onde vivíu e onde morreu tamén, á altura da saída da autoestrada.Nunha foto reproducida pola creadora Antía Cea que ten xa máis de setenta anos.Miña nai está no seu colo, feliz. Sen saber que poucos anos despois quedará orfa.
Cada vez que o vía sentía esa estrana chamada do sangue dunha persoa que non coñecín pero que foi precisa para que eu existise. A foto da miña nai formaba parte dunha intervención artística de Antía Cea, estudante do Máster de Belas Artes da Facultade de Pontevedra que inzou boa parte da cidade de Vigo con fotos dos seus devanceiros, levándoos a aqueles sitios onde foron felices ou non. Non sei que impacto xerou nos demais, nos viandantes que pasean as nosas rúas a diario, pero na nosa familia puxo a todos do revés. A foto de Alfonso XIII desapareceu o vinte e dous de xuño, aínda quedan restos doutras nalgunhas rúas da cidade. Todas se poden ver no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra, cunha breve semblanza das persoas e tamén nun vídeo que captou as reaccións das persoas da rúa que pasaban por alí.
Canda a obra de Antía tamén se poden ver os outros proxectos fin de máster da Facultade.