Vistas de página en total

viernes, 1 de abril de 2011

Retrinque II, ficción

O corpo de Retrinque permanecía no Hospital Nicolás Peña á espera da segunda fase dunha autopsia que se prevía complicada. Convidaran o decano dos forenses de Vigo Manuel Robles(pai do mítico Manolitorrobles), e a moitos outros expertos. Pero aquel corpo de malacalidá "cadaverizara" de xeito raro. Nunca tal se vira. Se estiveramos noutro tempo se cadra dirían que era un corpo incorrupto. Parecía un corpo dunha boneca inchable. Bo, unha boneca inchable digna de perversos con gustos revirichados.
Fixéranlle unha chea de probas, pero nada claro saía delas. Entre as substancias químicas que atoparan estaban os restos de laca de unllas do chinés do Calvario e resto de sulfato do de bota-las patacas e trata-las viñas adquirido nunha tenda-bar da Estrada.
Os da Garda Civil estaban tolos. O delegado do goberno Antón Louro deixou o cargo o 1 de abril, e non foi porque competise pola alcaldía de Pontevedra, nin polo de Sonia Iglesias, non. Antón Louro non quería deixa-la máxima xefatura das forzas e corpos de seguridade do estado sen resolve-lo caso da Retrinque.
No eido policial aquilo era un desastre,nin Leo Caldas, nin Nivardo Castro,nin Horacio Dopico,nin Alberte Cudeiro lograron resolve-lo caso. A piques estiveron de chamar a Dan Brown, pero estaba na Bretaña.
Aquel era un dos casos máis raros do último século. Finalmente a un mes escaso das eleccións locais. Os forenses e as forzas policiais conviñeron que Retrinque caera a rebolos polas escadas do portal. Axiña choutaran do bolso coma se foran saltóns media ducia de cortaúnllas de pilas e de corda que comezaron a magoa-lo corpo daquel fedello humano.
Non había volta atrás. Xa ninguén quixo saber máis. O caso quedou pechado. E por fin o corpo de Retrinque descansou en paz.
Tivo un funeral xeitoso no Tanatorio de Emorvisa. Un operario de Pompas Fúnebres chamado Torqui foi o encargado de leva-las coroas de flores. Entre elas había unha do despacho no que traballaba Retrinque. Na parte dianteira puña. "Os teus compañeiros non esqueceremos nunca..... no reverso,nesa cara onde non hai flores e que permanece oculta ós curiosos a cinta continuaba...as putadas que nos fixeches".
Seica a encargara a outra secretaria do despacho.
Ai, ogallá non nos precisaras nunca, pero conta connosco sempre...

1 comentario:

  1. Esquecíaseme dicir que Retrinque foi soterrada cun chandal do Decatlon, e nas mans a xeito de misal, un dicionario da súa autoría, e un raro rosario que parecía feito de cortaúnllas.

    ResponderEliminar