Vistas de página en total

domingo, 12 de junio de 2011

To be able o to be Abel, that is the question

Abel conseguiu a estraña fazaña política de recuncar na alcaldía de Vigo,un feito inédito desde os tempos de Manuel Soto.
Malia os seus delirios de grandeza, malia o seu afán de deixar pegada en todo; desde os bancos ata os maceteiros ou as pulseiras dos nenos na praia.
Usou estratexias indecentes e dictatoriais nestes últimos catro anos, como opaca-la xestión do seu socio nacionalista, nega-la entrada nos plenos ós disidentes, mentres colaba ós seus pola porta do garaxe diante do silencio cómplice e consentidor do BNG.
To be Abel tampouco deixou que medrara unha herba ou unha flor nos dominios da súa maior contrincante política, Corina Porro. Parándolle as obras do porto ata a paranoia e a extenuación, nunha obsesión absoluta.
Antipático e soberbio Abel mesmo ninguneou os seus e descabezou á Federación de Veciños creando unha á súa medida: acrítica e complaciente coa súa xestión; tamén diante do silencio colaborador do seu socio do BNG.
Abel afastouse como ninguén dos fracasos do seu goberno e arrimouse como el só sabe facer para capitaliza-los logros do seu tenente que permaneceu calado demasiado tempo.
O bloque, tocado tamén polos excesos do bipartito, o do hotel Glasgow, a Universiada, os pasodobres de Quintana, non foi capaz de remontar malia ter feito unha boa xestión en moitos casos rendabilizada polo rexedor. Ademais aínda queda na memoria colectiva dos votantes de esquerda de Vigo o shock que produciu a traizón ó goberno de progreso o equipo de Lois Castrillo que botou da alcaldía dun xeito indecente ó alcalde Ventura Pérez Mariño. Unha ferida que para moitos aínda non cicatrizou.Centos de votantes do BNG non esquecerán iso nunca, nin tampouco a política desarrollista do BNG cando estivo no goberno de Vigo e no PXOM desorbitado que os arquitectos e sociólogos do BNG redactaron para estragar Vigo e poñe-lo ó servizo dos especuladores e dos promotores. Un plan que só a crise logrou frear.
Isto é o que pasou en Vigo o 22 m e o 11 x.
Pero ademais Corina Porro nun posto de saída como favorita para alcaldesa tivo o inimigo dentro da casa. Núñez Feijóo protexeu os intereses financeiros de Caixagalicia,unha aposta política na que foi secundado polo desnortado BNG(eles saberán por que?) e isto foi a clave do cambio de tendencia.
Hai tambén que ve como a Xunta implementa unha sanidade low cost externalizada e privada para Vigo mentres duplica as Unidades de Transplantes na provincia da Coruña. Houbo quen tamén viu como a Xunta teimou en pecha-la tele de Vigo, Televigo, deixando na rúa medio cento de profesionais e calando un medio que dá unha cobertura única ós asuntos da cidade,só por quitarlle a voz ó alcalde no seu programa semanal.
Ós vigueses pedíasenos, sobre todo no asunto da caixa ser unha vez máis calados e xenerosos e perder nós polo ben de Galicia ou da Coruña e aquilo non nos gustou.
Núñez Feijóo chamou vellos e xubilables ós tres grandes piares socioeconómicos de Vigo: Gayoso, García Costas e Guillermo Alonso Jáudenes e egoísta e localista ó noso alcalde.
Agora o pobo de Vigo falou. Haberá xente que quira botar outras contas, pero os números están ben clariños e a interpretación é moi fácil.
Un presidente volcado na provincia da Coruña arrasa naqulas tres cidades mentres que no eixe sur, territorio social de Caixanova e do AVE sur campan os bipartitos de esquerdas.
Tamén hai quen busca os votos perdidos do BNG onde non están, en Esquerda Unida e na abstención, porque non aturan o que pode ser verdá ( porque ninguén ten unha webcam nas cabinas electorais). O PSOE sobe dous escanos, mentres que o BNG perde duas actas...
Igual,se cadra a rosa converteuse nunha estrela esta vez.

No hay comentarios:

Publicar un comentario