(O vídeo que nos interesa comeza contra o minuto 6 segundo 10.)
Eu non coñecín ó meu avó, morreu o seis de xuño de 1945 por mor dunha intoxicación alimentaria e eu nacín no 72. Pero durante case un mes vino dúas veces ó día nun intervalo de sete horas. Cando subía e cando baixaba do traballo por Alfonso XIII. Estaba silueteado no predio onde vivíu e onde morreu tamén, á altura da saída da autoestrada.Nunha foto reproducida pola creadora Antía Cea que ten xa máis de setenta anos.Miña nai está no seu colo, feliz. Sen saber que poucos anos despois quedará orfa.
Cada vez que o vía sentía esa estrana chamada do sangue dunha persoa que non coñecín pero que foi precisa para que eu existise. A foto da miña nai formaba parte dunha intervención artística de Antía Cea, estudante do Máster de Belas Artes da Facultade de Pontevedra que inzou boa parte da cidade de Vigo con fotos dos seus devanceiros, levándoos a aqueles sitios onde foron felices ou non. Non sei que impacto xerou nos demais, nos viandantes que pasean as nosas rúas a diario, pero na nosa familia puxo a todos do revés. A foto de Alfonso XIII desapareceu o vinte e dous de xuño, aínda quedan restos doutras nalgunhas rúas da cidade. Todas se poden ver no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra, cunha breve semblanza das persoas e tamén nun vídeo que captou as reaccións das persoas da rúa que pasaban por alí.
Canda a obra de Antía tamén se poden ver os outros proxectos fin de máster da Facultade.
Non busquede-lo vídeo que non está, non fun quen de colgalo.
ResponderEliminar