Vistas de página en total

sábado, 27 de octubre de 2012

Delirios postelectorais

O PP recunca con apenas  vinte mil ou trinta mil votos máis que toda a esquerda esgazada en mil pedazos cambiando de nome cada tres meses e a coitelada limpia no PSOE ata case o mesmo día da convocatoria das eleccións.
 A esquerda coas súas leas internas deixouse gañar. Malia crise, malia o medo atávico dos parados, dos interinos, dos funcionarios e de tódolos demais que pensan que mañá pode se-lo día en que poden quedar sen chollo a esquerda nada fixo; durmir nos loureiros e pelexar entre eles.
 A manipulación mediática, e unha axenda política, social e xudicial controlada desde o poder favoreceron o segundo goberno de Núñez Feijóo.
 Coñezo medios nos que nos últimos meses non se publicou noticia ningunha que puidese prexudicar ó goberno do PP e nos que se  magnificaron convenientemente as disputas e trasacordos dos demais. Coñezo medios nos que non saíu Mario Conde, e moi pouco o fillo de Cuíña, nin que dicir das pequenas formacións, non teñen dereito a nada. Os electores deberiamos coñecelos a todos para saber a quen votar.
 O primeiro escano non debería valer tantos votos, nin debería valer máis o voto dun ourensán có dun vigués.
 A xuíza de Lugo, cuxo home é dirixente do PP podería agardar logo das eleccións para desenvolve-la redada Pokemon.
 O boneco nipón arrasou con boa parte das expectativas dos socialistas e agravou as súas diferencias.Desde a cidade das burgas non sei se non abraiarán con que alí se detecten e denuncien tódalas supostas corrupcións menos as que afectan as proximidades de Baltar.

 Sorprende que coa clase política en crise total de credibilidade cada vez foran máis as papeletas entre as que puidemos elixir. Sorprende que Mario Conde se presente e o queira facer por Pontevedra. Se cadra porque llo pediu Baltar que quere seguir tendo cautivo dos seus votos e deputados ó PP de Núñez Feijóo.
  Chama a atención a desaparición da axenda informativa dos últimos días da falta de tax lease, das convocatorias contra a pobreza e a prohibición de facer manifestacións ós case cen mil afectados polas preferentes.
 Chocan tamén as dúbidas máis que razonables, (oxalá  teña razón o goberno recuncante)  sobre os
contratos de PEMEX, que obrigaron ó goberno galego a forzar declaracións de responsables mexicanos ou de García Costas (tan cuestionado polo goberno galego durante a fusión das caixas). Alucina ver agora como García Costas gran deudor das dúas caixas e case a única persoa que en campaña e precampaña confirmase que existen uns contratos que ninguén víu, e desboca a nosa imaxinación que José García Costas hai dous días fora recompensado? coa copresidencia da vella Novacaixagalicia á que tantos cartos lle debe.
  Son estas cousas que pasan nesta Galicia nosa, nesta campaña marcada por PEMEX e VENDEX.
 Pero non vou quita-la razón ós votantes, son sabios, cos elementos de xuízo que se lles deron decidiron ben e vendo ademais como a esquerda se desangraba en estériles pelexas convenientemente televisadas, radiadas e narradas polos mesmos medios que ocultan as do PP.
 E xa vedes Núñez Feijóo tan só ten cincuenta anos e xa está feito todo un Fraga da vida, unha máquina de gañar eleccións....

No hay comentarios:

Publicar un comentario