Vistas de página en total

domingo, 8 de noviembre de 2009

Casco Belo? de Vigo

Corrían os últimos oitenta cando o Casco Vello era un lugar divertido. Un sitio ó que había que ir. Cheo de cousas novas e vellas e de contradiccións.
Unha rúa dos viños, na que non se tomaban viños; unha rúa Real que parecía irreal logo de catro copas. Un Tumba sen cemiterio, un Ovo sen galiña, un Pañuelo sen mocos e unha Bodega sen toneis, tamén había un Sanxenxo, aínda que non tiña turistas, senón paisanos.
Só as prazas como A Constitución non estaban demasiado ben. Ademais da parte alta: A Ferrería ou a Subida ó Castelo. Pasara o pesadelo da droga do final dos setenta e primeiros oitenta e tamén o esplendor comercial que viviran as nosas avoas na rúa do Triunfo, na Arca de Noé, na Cerería San José ou nos almacéns Ferro....
Ás portas mesmo había un puticlub de nivel: O Telmo´s que anunciaba "sexo en pista" en octavillas prendidas nos parabrisas dos vehículos e no que se non lembro mal estiveron algunha vez Julio Iglesias e Cicciolina.... próximo estaba un restaurante de sona:"La bella Napoli", e o Bar A Cepa e moitos máis. A rúa Palma acolleu tamén o xérmolo da vella reitoría da Universidade e a delegación da consellería de pesca contra ó ano 90.
E que foi de todo iso? Pasou alomenos un Urban a mediados dos 90 que ía salpicar millóns de pesetas neste lugar no que Vigo naceu. Pasaron catro gobernos que prometeron a rexeneración do barrio, pero ningún foi quen nin de sanealo, nin de mante-lo pouco que xa queda en pé.
Con Santiago Domínguez moitos tivemos a ilusión de que ía converte-lo noso pequeno Montmarte nun pequeno Allariz, pero tampouco foi.....
A estampa dos míticos soportais esfarélase diante dos nosos ollos sen que ninguén faga nada, a Pedra perdeu o seu encanto con esas pequenas tendas e coas teimosas redadas; quedan as ostras e o pavemento do plan E. Todo o demais se vén abaixo: teitos, columnas e trades mestras.
Os grandes investidores de Vigo adquiriron rúas, cuarteiróns e edificios enteiros, foi outro momento ilusionante do barrio. Pero ninguén move peza, todos agardan a que sexa outro o que rehabilite,venda e arrisque; os máis agardan como luras o tempo propicio de facer o negocio, de especular, de vender cando o barrio estea de moda, cando esteamos no novo Allariz ou no novo Chueca....
Mentres o barrio durme o seu peor pesadelo, nunca tan mal estivo, durme este horrible letargo do que só esperta contadas veces ó ano: o día do Cristo e o día da Reconquista. Durme como un zombie, rodeado de ionquis e de puntais que impiden a próxima caída....

No hay comentarios:

Publicar un comentario