Vistas de página en total

domingo, 6 de junio de 2010

Gondomar II

Un promotor próximo á Esquerda Galega, man dereita do exconcelleiro de Urbanismo de Vigo, Suso Costas acude cun micro de garavata e cámara botón á cafetería do Hotel Galicia cun sobre cheo de billetes seriados.
É o primeiro pagamento para que saia adiante unha urbanización gondomareña chamada "A Pousa". É un suborno esixido con reiteración polo concelleiro de cultura, coa conformidade do de urbanismo e coa ignorancia? do alcalde do PP Carlos Silva.
Son as cousas que pasan en moitos concellos de Galicia. A investigación da fiscalía paralizou en Gondomar unha urbanización na que se ía instalar un Mercadona e un Lidl. Un parque comercial.
Por fin temos constancia sonora de cómo se moven os fíos.
-Álex me dixo que te pedira 60, que ti me ías dar 40, así que o deixamos en 35 para que eu non quede mal. 10 para aprobación inicial co PXOM, 10 coa provisional e 15 coa definitiva. ( Manda carallo!).
Así se moven as engranaxes na sombra, así esán os promotores fartos, aburridos e quebrados. Así tardan tantos anos e ir para adiante os proxectos que ata cambian de nome varias veces: Continente, Carrefour.
Así as empresas teñen que introducir nos seus plans de viabilidade os cartos para o concelleiro... Así nos vai, sen Ikea, cos proxectos retrasados mil anos mentres os chalets, os barcos, ou as propiedades dos exalcaldes medran e medran. Hai que tiña un aparamento en Patos e agora ten un chalet no alto de Baiona.
Son como a mafia ou a camorra que estrangulan a economía do sur de Italia, porque as empresas lles daría para fabricar e para pagar empregados, pero creban porque teñen que pagar tamén á camorra e eses son cartos improdutivos.
Eles debuxan o solo con secretismo, eles comunican ós seus amigos que leiras hai que mercar porque van ser recualificadas,eles obterán os cartos para que eses proxectos cheguen á súa fin. Eles mercarán ó do PSOE, ó independente, ó escindido ou á nai que os pariu. Aquí hai cartos para todos, "aquí todos mollan". Mesmo para mercar o voto estranxeiro que garanta o noso "status quo" que sigamos sendo nós os que controlemos o bisnes, os que xestionemos a pedra angular e tódalas pedras, tódolos ladrillos.
Sinto noxo, danme arcadas. O alcalde non sabía nada, o partido non sabía nada?

No hay comentarios:

Publicar un comentario