Que pasa no BNG que se está indo todo mundo? Non saber asumi-la lonxanía do poder? Agora que parecía que volvían á esenza, á ética, á esquerda e que esquecían aquela viraxe á dereita que tantos votos lles fixo perder; agora e para moitos de fóra por sorpresa moitos deles abandonan o barco.
Era o BNG dos primeiros anos 90 un partido simpático, coherente, e que cultivaba en nós a fachenda de sermos galegos, o amor pola nosa paisaxe,idioma e tradición; sen atavismos, sen empanadas e sen dengues nin pandeiretas de máis.
Pero aquilo pasou o be-ene-ga apuntouse ó posibilismo político, fíxolle as beiras á dereita e mesmo cohabitou con ela en cidades como o Vigo de Corina Porro. Agora parece que tamén o vai facer en Cee.
Saben esta xente xa se son de esquerdas ou de dereitas? Ou despois de criticar quince anos a política do PPdeG en canto tocaron poder comezaron a face-lo mesmo. A estender aquelas redes caciquís que tanto criticaban. A mima-los seus e a afasta-lo resto, ós que non tiñan pureza de sangue benegalla. E aí erraban. Tamén na concepción urbanística de Vigo que en canto tocaron poder quixeron converte-la cidade nunha gran muralla, nunha Toralla continua que só e grazas a crise non progresou.
Hai outro episodio que aínda produce arcadas aquí no sur de Galicia. Lembrar como tiraron ó precipicio a Ventura Pérez Mariño cando aquí todos: os votantes e os votados sabían que calquera voto do BNG ía ser para sumar co PSOE; goberne quen goberne como adoitaba dicir daquela o Quintana.
Mil lendas negras houbo, a das portas da casa de Allariz, a do excuñado de Quintana e Caixanova e mil milongas máis que se cadra inventou Baltar e os blogs intereconómicos reproduciron ata a sociedade.
A verdade é que é unha pena. Porque mola ser galegos, e mola tamén que haxa unha forza nacionalista decente que nos defenda, cousa que ás veces non fixo: onde vai FENOSA, onde vai Caixanova e onde vai o vento?
Falta sobre todo agora nestes tempos e sen radicalismo ningún xente que crea na nosa cultura como o que é. Un gran fervedoiro cultural e o país onde agromou a mellor poesía e narrativa que nesta Galicia se deu: desde Rosalía, a Manolo Rivas, Cunqueiro ou Fernández Paz( que non teño ganas de pensar en todos, nin en ordenalos porque moitos son).
E agora nestas están: os Irmandiños, o PNG, o Movemento pola Base? a UPG e non sei cantos máis porque entre o escurantismo e o moito que me aburre a lea esta non controlo máis.
Só sei que os nosos amigos azuis están que se fregan as mans, contando con fuxidas da disciplina de partido e con novas alianzas sobre todo nos concellos onde os que non gañaron as eleccions poderían tocar poder deste xeito... non, a crise do BNG non é unha carallada máis...
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario