Vistas de página en total

martes, 10 de noviembre de 2009

Gauche divine, sindicalismo liberao e socialismo de salón

Falan de ética, de coherencia ,de non corrupción; ven nídiamente os fallos alleos, e son solidarios coas vítimas da mala política de dereitas.
Encabezan manifestacións no primeiro de maio, levan pancartas con grandes lemas e logo declaran en xuizos en contra dos seus compañeiros de traballo.
O sindicalismo de salón parece máis preocupado por obter por convenio repousapés ou repousapulsos prós funcionarios que pola precarización do público ou o enchufismo e a falta de liberdade nas administracións locais.
Á gauche divine critica a voz en berro a privatización do público só cando é perpetrada por gobernos conservadore, senón a xustifica...
O sindicalismo de salón mira pra outro lado cando os seus gobernan e aquelas explotacións indignantes convírtense en situacións irreversibles ou moi difíciles de cambiar cando eles mandan.
O sindicalista de salón pode cobrar catro mil euros e vivir nun chalet en Sabarís e berrarlle ó da TVG que gaña mil euros e chamarlle fascista porque pensa que está revestido dunha autoridade moral que lle dan os anos de sindicalismo de clase....
O membro da gauche divine pode ter un audi de grandes dimensións ou un todoterreo último modelo e ir de pobre pola vida. O esquerdista de salón esixe nos outros, nos precarios, nos que non teñen carnets actitudes heróicas que eles nunca tiveron.
Coa súa chaqueta de pana o sindicalista de salón pode critican a un mariñeiro galego e a un armador vasco e defender a un pirata somalí. Dixen chaqueta de pana e falei mal: o neoesquerdismo móvese mellor entre os carolinaherreras de Ánxela Bugallo e os robertoverinismo salvaxe de María Xosé Caride.....

domingo, 8 de noviembre de 2009

Casco Belo? de Vigo

Corrían os últimos oitenta cando o Casco Vello era un lugar divertido. Un sitio ó que había que ir. Cheo de cousas novas e vellas e de contradiccións.
Unha rúa dos viños, na que non se tomaban viños; unha rúa Real que parecía irreal logo de catro copas. Un Tumba sen cemiterio, un Ovo sen galiña, un Pañuelo sen mocos e unha Bodega sen toneis, tamén había un Sanxenxo, aínda que non tiña turistas, senón paisanos.
Só as prazas como A Constitución non estaban demasiado ben. Ademais da parte alta: A Ferrería ou a Subida ó Castelo. Pasara o pesadelo da droga do final dos setenta e primeiros oitenta e tamén o esplendor comercial que viviran as nosas avoas na rúa do Triunfo, na Arca de Noé, na Cerería San José ou nos almacéns Ferro....
Ás portas mesmo había un puticlub de nivel: O Telmo´s que anunciaba "sexo en pista" en octavillas prendidas nos parabrisas dos vehículos e no que se non lembro mal estiveron algunha vez Julio Iglesias e Cicciolina.... próximo estaba un restaurante de sona:"La bella Napoli", e o Bar A Cepa e moitos máis. A rúa Palma acolleu tamén o xérmolo da vella reitoría da Universidade e a delegación da consellería de pesca contra ó ano 90.
E que foi de todo iso? Pasou alomenos un Urban a mediados dos 90 que ía salpicar millóns de pesetas neste lugar no que Vigo naceu. Pasaron catro gobernos que prometeron a rexeneración do barrio, pero ningún foi quen nin de sanealo, nin de mante-lo pouco que xa queda en pé.
Con Santiago Domínguez moitos tivemos a ilusión de que ía converte-lo noso pequeno Montmarte nun pequeno Allariz, pero tampouco foi.....
A estampa dos míticos soportais esfarélase diante dos nosos ollos sen que ninguén faga nada, a Pedra perdeu o seu encanto con esas pequenas tendas e coas teimosas redadas; quedan as ostras e o pavemento do plan E. Todo o demais se vén abaixo: teitos, columnas e trades mestras.
Os grandes investidores de Vigo adquiriron rúas, cuarteiróns e edificios enteiros, foi outro momento ilusionante do barrio. Pero ninguén move peza, todos agardan a que sexa outro o que rehabilite,venda e arrisque; os máis agardan como luras o tempo propicio de facer o negocio, de especular, de vender cando o barrio estea de moda, cando esteamos no novo Allariz ou no novo Chueca....
Mentres o barrio durme o seu peor pesadelo, nunca tan mal estivo, durme este horrible letargo do que só esperta contadas veces ó ano: o día do Cristo e o día da Reconquista. Durme como un zombie, rodeado de ionquis e de puntais que impiden a próxima caída....

sábado, 31 de octubre de 2009

Preparando Acción de Grazas

Primeiro foi o Papa Noel, logo foi o San Patric´s day, e o Haloween, e agora é o Oktoberfest. Quedaremos sen referencias, sen festas? Vou baixar á compra que agora chega ó Día de Acción de Grazas. (4º xoves de novembro), e se non ó tempo...

martes, 27 de octubre de 2009

Espe- cimen Aguirre

O que fai Esperanza Aguirre é demencial. No lugar no que eu vivo a unha tipa coma esta chámaselle: lurpia,lercha, prea,arpia,lerchiloba ou lerchiprea.
Qué pasa que ninguén a pode criticar? Que todo lle vale? A onde van os madrileños cunha muller que gaña preto de 6.000 euros ó mes e di que non é quen de chegar a fin de mes?
Mitos urbanos e musicais aparte, Sara-Mago, Sara Baras....O que todos sabemos é que esta muller só pensa en arrasar co que atopa ó seu paso:Gallardón, Cobo, Blesa, Mariano e ata España como di o outro....
Pero como chegou Esperanza Aguirre ó goberno de Madrid?pois como boa madrileña, subida nun ladrillo, no ladrillo da súa especulación e grazas á compra de vontades como as de Tamayo e Sáez. E así continúa bailando un eterno chotis con todos os que lle douran a pílilula, perseguindo ós que ousan criticala e poñéndolle espías ós que poden progresar no partido.
Espe vive ancorada nun pepé de golf e bandeira,de ideas resesas e caducas, de pancadelas; dun pepé que dá medo: pola súa ignorancia e polo seu atavismo; Deus nos salve de persoas como Espe que grazas ó destino están ben lonxe de Galicia...

O bungaló dos pobres

Viven en primeira liña de costa, nunha estrutura de alto deseño. Son os homeless de Vigo. Alí nunha das zonas máis caras da cidade, fronte o clube náutico. Contan con mobles de obra e o seu bungaló é unha estrutura aberta con alfombra vexetal. Semella a casa museo de César Manrique en Lanzarote.
É o único fogar que teñen e que non se enteren no concello, que igual llo tapian. Neste outoverán prolongado viven ben, que pasará con eles cando chegue o frío?
Tamén habita nunha arquitectura efímera tubular digna de Gehry ou de Chillida ,outro dos pobres de Vigo a carón do valo portuario, goza dunha concesión de parquing na que exerce de coidador e cobrador...coroa o espazo como nos grandes castelos unha fonte ferruxeira que deseñou o mesmo arquitecto que lle fixo o bungaló ós pobres.

domingo, 25 de octubre de 2009

Vigo, Pagafantas de Galicia

Onde está a dirección Xeral da Policía de Galicia? Onde a Xefatura da Garda Civil? Onde o centro de Control de Tráfico galego? Onde, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia? E por qué?
Por qué todos eses organismos institucións que dan servizo a tódolos galegos están nunha punta do país? Nunha cidade que é unha simple capital de provincias que non capital do país.
Por qué hai unha provincia con dous aeroportos e duas universidades e que quere ter ademais duas facultades de Medicina e aglutinar todo o poder financeiro galego?
Por qué calquera demanda lexítima dos de Vigo que damos servizo a todo o eixe sur de Galicia: Vigo-Pontevedra-Ourense con máis poboación que o da Coruña-Lugo é unha aposta localista?
Por qué non ubica-los servizos a carón da xente que goza deles? Aquí non se entende non.

sábado, 17 de octubre de 2009

Divertirse ata morrer

Como nunha serie de dibus, ou unha historieta por capítulos leo as historias do Bigotes, do Albondiguilla, e don Vito. É unha serie que dura xa desde antes do verán. Producións Aznar e Fraga xeraron este docu-soup xenial.
Como dous estilistas, como Victorio y Luccino, como Dolce y Gabbana no xornal "El País" córtanlle cada día un traxe a Camps: aquí a sisa, alá os baixos.... alá as puñetas.....
Tamén producido nos sotos das sedes do PP parece feita a foto das fillas do presidente. Góticas, gordas, horteras.... risos virais na internet....
Pero é políticamente importante? Pode xerar unha crise diplomática a estética das fillas de ZP? O importante é seguir escachando co riso e esquecer que estamos en recesión...