Vistas de página en total

jueves, 30 de mayo de 2013

Karina Fálagan, a cara B de Vigo

Morta A Collona, quedábanos a Fálagan, e agora nin iso. Se cadra a Elena, pero xa non é o mesmo. Vigo venera e mitifica as súas personaxes, as de arriba e as de abaixo. Non din as malas pécoras que dunha puta e dun portugués naceu o primeiro vigués...? Non é Vigo a cidade de Galicia con máis puticlubs per cápita, hai outras que teñen maior ratio, ben preto de nós. Pero aquí non agochámo-las nosas zonas de sombra. A alcaldesa do Atlántico era intensa de vez, grande, verborreica, esaxerada, franca e puta profesional. De agora en diante técnica sexual. Nesta cidade aberta, ninguén ou poucos lle torcían a cara a Caridad Fálagan. Eu quixen ir ó seu enterro, gustaríame ter escrito a súa biografía e ve-lo rostro lívido de todos aqueles que podían saír nas súas páxinas pero non puido ser. A Fálagan era única, saberemos toda a nosa historia, cando saibamos das nosas paixóns, cando saibamos do noso lumpen e como en cidades como esta os altos e os baixos fondos se mesturan sen que ninguén se asuste. Mediática como poucas, a Fálagan mereceu moitas horas de televisión, pero as nosas canles prefiren a Pacomivida, ou a Cañita Brava. A Fálagan rompía o share. Recompoñe-la historia desta muller sería como xunta-las areas das praias de tódalas illas galegas das Cíes a Sálvora. Todos teñen recordos aillados e historias que parecen lendas xa. De cando tarifou ou alomenos coincidiron no hall dun hotel de Santiago unha Carina e unha Corina e case chegan as mans. Nun coñecido salón de peiteado vigués aínda se botan as mans á cabeza porque un día apareceu esixindo un tinguido capilar pero non era na cabeza, nin nos pelos do píloro e ninguén llo quixo facer. Historias hai para todos. Pena de novelón! De folletín de sobremesa ou de realismo máxico galego,de personaxe de Cunqueiro...

No hay comentarios:

Publicar un comentario