Hai vinte anos, se cadra menos estiven na casa de Domaio de Antía Cal. Pareceume alucinante construída pegada a un falso acantilado que estes días descubrín que era unha vella canteira.
Fun co meu compañeiro de chollo Josiño e quedamos abraiados e pampos unha hora ou dúas escoitando as súas anécdotas, vendo a súa debandoira e gozando coas aquelas historias súas de Pestalozzi ,a daquela ministra de educación Pilar del Castillo que ela coñeceu no seu tempo case troskista.
Falounos da súa aldea de Muras, das dificultades que tivo para estudar porque a prioridade era que estudasen os seus irmáns varóns, algo que a enervaba, da súa paixón educativa, de cómo coñeceu a seu home.
De cómo percorreron xuntos moitos países estudando modelos educativos moi lonxe dos de aquela España gris.
Do importante que é a educación dos pequenos canto máis pequenos mellor. Do amor polas raíces, do cosmopolitismo educativo sen perder de vista o idioma de noso. Da pena que lle daban as liortas no que fora o seu colexio.
Aquela cinta se cadra betacam debe andar por algún lugar aínda que sexa dixital. Logo vin que repetía moitas anécdotas a todos. Fixéronlle un DVD é unha biografía, coido que se chamaba “ Camiño andado”
Hai outra anécdota que non volvín a escoitar. Estando Hixinio estudando en Gran Bretaña veu a Moaña de vacacións. Antía observouno cavilando sentado nun noray mirando ao horizonte e preguntando a cántas horas ou millas náuticas estaba da vila británica onde estudaba. Non sei se o fixo en inglés.
Foi entón cando Antía espertou e pensou que estaba educando ao rapaz moi ben pero que era un neno galego que se estaba criando fóra do seu país, que estaba criando a un estranxeiro e foi cando decidíu que tiña que volver para criarse aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario