Vistas de página en total

561,045
Mostrando entradas con la etiqueta Cable Inglés. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cable Inglés. Mostrar todas las entradas

domingo, 10 de noviembre de 2013

O Cable inglés de meu pai

O meu pai que ten hoxe oitenta e tres anos traballou no Cable Inglés de Vigo. Apenas seis anos entre o 49 e o 55 supoño. Porén foi unha experiencia que o marcou. Sempre fala diso: dos ingleses, do "revirados" que son. Da férrea disciplina, das broncas que lle metían. E de como o deixou para poder estudar. Acaba de saír un libro que puxo a nosa casa do revés. " O mundo vía Vigo". O Vigo do Cable Inglés, de José Ramón Cabanelas. Tiñamos que ter actuado antes, meu pai deixou aquilo o máis tardar nos 60, sen se decatar de que "aquilo" era un "niño" de espías e "vendettas". O ruxe-ruxe do libro era un segredo a voces: no faro saía día sí e día non que Cabanelas andaba tralo rastro do Cable Inglés: e alí atopou a Skinner, ós Merino ou a Serafín Otero... á viúva do mítico míster Mann adourado en moitas esferas sociais viguesas e a moitos máis. Quixen levalo a presentación do libro pero un ataque de melancolía nolo impediu. Que menos que mercarlle o libro e poñelo en contacto co autor. E alí, no libro, estaban todos: os seus compañeiros de "chollo" moitos deles vivos o Serafín Otero, o Staton e outros máis... Meu pai non se parece a min, é un home metódico e ordenado que garda aquela carta de admisión de 1949 cando lle pedían autorización ós seus pais porque con dezanove anos era menor para traballar alí a quendas. E está nervioso, pero está feliz, esculcando naqueles papeis vellos, naquelas mensaxes amarelecidas gardadas en carpetas vellas, e mesmo se mosquea se non atopa algo de hai 64 anos?????? Porque alí ten o seu carnet, a súa carta de admisión e se cadra alguna nómina. Naquel andel onde algún día me ensinou un vello billete da república, algún carnet da mili, e alguna cousa máis á que eu non lle prestei atención...