Vistas de página en total

Mostrando entradas con la etiqueta Vigo.. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Vigo.. Mostrar todas las entradas

viernes, 28 de diciembre de 2018

A fin da xeración Vitrasa

Abel Caballero anunciaba hoxe que non se prorrogará o contrato de Vitrasa, que como moito a finais de 2019 ou principios de 2020 haberá un novo concurso que podería non gañar Vitrasa.
Nós os dos 70 somos a xeración Vitrasa. Non vimos outra cousa. Iso sí. Vímolos vermellos, azuis e verdes, pero só Vitrasas. Nin os troles de Marín nin os tranvías que marcaron á xeración dos nosos pais.
En qué viaxarán os nosos fillos? Haberá outra xeración marcada por outro medio de transporte?Moitos pensamos que non, aínda que o goberno de Vigo quere renovar o novo bus, acorde con novos tempos.
Moitos de nós pensamos que o novo concurso vaino gañar Vitrasa. Claro que moitos de nós tamén quedamos ancorados nos oitenta.

viernes, 31 de marzo de 2017

Os días vigueses de Víctor Freixanes

Que sí, que sí, que Víctor Freixanes tamén vivíu en Vigo, coido que foi nos oitenta. Vivíu no que podería ser o noso barrio das letras, case no mesmo cuarteirón en que viviron logo Agustín Fernández Paz e Ramiro Fonte. Daquela traballaba en Xerais. E facía algo de vida de barrio. O seu fillo Denís estudou no García Barbón. A escasos metros da casa en que vivían en Rosalía de Castro entre o Gadis de agora e a Parroquia do Sagrado Corazón. Daquela xa existía a librería Gami,e Denís que aínda era un neno, refocilábase polos trinques limpando a merda toda,ata que a súa nai lle dicía: Denisiño, porcallón!Pero isto ocorreu xa hai ben de tempo.

domingo, 10 de noviembre de 2013

O Cable inglés de meu pai

O meu pai que ten hoxe oitenta e tres anos traballou no Cable Inglés de Vigo. Apenas seis anos entre o 49 e o 55 supoño. Porén foi unha experiencia que o marcou. Sempre fala diso: dos ingleses, do "revirados" que son. Da férrea disciplina, das broncas que lle metían. E de como o deixou para poder estudar. Acaba de saír un libro que puxo a nosa casa do revés. " O mundo vía Vigo". O Vigo do Cable Inglés, de José Ramón Cabanelas. Tiñamos que ter actuado antes, meu pai deixou aquilo o máis tardar nos 60, sen se decatar de que "aquilo" era un "niño" de espías e "vendettas". O ruxe-ruxe do libro era un segredo a voces: no faro saía día sí e día non que Cabanelas andaba tralo rastro do Cable Inglés: e alí atopou a Skinner, ós Merino ou a Serafín Otero... á viúva do mítico míster Mann adourado en moitas esferas sociais viguesas e a moitos máis. Quixen levalo a presentación do libro pero un ataque de melancolía nolo impediu. Que menos que mercarlle o libro e poñelo en contacto co autor. E alí, no libro, estaban todos: os seus compañeiros de "chollo" moitos deles vivos o Serafín Otero, o Staton e outros máis... Meu pai non se parece a min, é un home metódico e ordenado que garda aquela carta de admisión de 1949 cando lle pedían autorización ós seus pais porque con dezanove anos era menor para traballar alí a quendas. E está nervioso, pero está feliz, esculcando naqueles papeis vellos, naquelas mensaxes amarelecidas gardadas en carpetas vellas, e mesmo se mosquea se non atopa algo de hai 64 anos?????? Porque alí ten o seu carnet, a súa carta de admisión e se cadra alguna nómina. Naquel andel onde algún día me ensinou un vello billete da república, algún carnet da mili, e alguna cousa máis á que eu non lle prestei atención...