Bestas devólvenos unha imaxe de nós que non nos gusta, pero existe. Vellas lideiras, veciños que se pasan todo o día no bar. Desconfianza do de fóra; aposta por calquera cousa que dea cartos sen esforzo aínda que hipoteque o país: eucaliptos, eólicos ou minas.
Hostilidade e ambiente irrespirable, unha atmosfera abafante; é dúas Galicias contrapostas o aborixe paralizado agardando pagas e subvencións cunha intelixencia límite e o estranxeiro que vén buscando o último paraíso virxe e cando o atopa non atura que o queiran estragar.
Espléndida e estarrecedora a conversa entre Zahera e o francés con dous puntos de vista absolutamente contrapostos e comprensibles os dous.
Outra conversa memorable é a da francesa coa filla; verdades como puños e patadas no estómago, un diálogo paralizante e tamén moi coherente e moi entendible o punto de vida das dúas.
Dá a sensación de que Sorogoyen non xulga ou polo menos non o fai ás claras, eu coido que só puxo a cámara no lugar e observou honradamente aquilo que pasou.
A película paga moito a pena aínda que comeza lenta e pesada con varias escenas de bar.
O mellor: os diálogos e as escenas de terror psicolóxico. Non a deixen de ver, aínda que revele todo o peor de nós.