Levamos anos agardando un cambio de ciclo: para uns foi o cambio de século, para outros o cambio de moneda, para outros o bipartito.
Pero haberá un antes ou despois da morte de Fraga. Eu non son fraguista, nunca o fun.Non me gustaba estar gobernada por un señor tan vello que inzaba Galicia toda de placas co seu nome.O Fragasauriux Rex. Aquel home que parecía estar en todas partes que chegaba quince minutos antes a tódolos sitios,con aquel furor espídico inaugurador que convertía catro sílabas en dúas. E que tanto mandou en todos nós.
Aínda lembro como aterrorizados os seus conselleiros non arriscaban resposta ningunha:
-"O que diga don Manuel"
E aquelas axendas tolas: no Porriño ás 13.15, en Mos ás 13.40, e en Vigo ás dúas menos cuarto que obrigaban a que cada medio desprazase catro ou cinco equipos cada día para atender aquela actividade febril. Porque para Fraga non había semáforos, nin sinais, nin sequera xabaríns que non respectan Feijóo; outra cousa era o patrón de Vilalba que ata os animais salvaxes se arredaban del.
Fraga facía o que lle petaba, e agora de vello máis; non aturaba nin que o pobre Cabaleiro lle axustase a garavata nin que o conselleiro de Sanidade lle recomendase descansar.
Fraga era aquel vello habaneiro e abaneante que parecía que nunca ía morrer.
Eu non sei como era Fraga na intimida´* grazas a Deus. Só unha vez me rifou por deixar a bolsa das baterías ciscada no medio do IFEVI nunha das súas inauguracións na feira do automóbil coido que foi.
Ese día entendín por que se asfaltaban dous días antes de que el pasase polos lugares os treitos que el ía percorrer, para telo un pouco enganado e que pensase que este o noso país era un pouco mellor.
Como sería Galicia se o don Manuel nunca estivese aquí? Iso nunca o saberemos.
Todos coñecímo-la súa última ilusión o contento que se puña cando viña a Vigo cando Corina Porro gobernaba a cidade. Lembro un día no Museo do Mar, el un cuarto de hora antes, Corina un cuarto de hora despois, estaba don Manuel estomballado na cadeira e aburrido de vez, case diría que botando a soneca nunha desas inauguracións, cando aparece a Corina Porro e sorprendo ó don Manuel estirando a garavata e espreguizando daquel seu sono que lle faltou atusarse aqueles catro pelos que tiña.
Hoxe descansa e eu non quero xa meterme máis con el. Porque o don Manu era un precursor. El xa se facía os liftings antes que ninguén, aqueles reestilings faciais, aqueles photoshops imposibles daquelas fotos electorais nas que aparentaba sempre ter vinte anos menos, sen hialurónico nin toxina ningunha; un precursor.
O Fraga tivo os seus momentos vitais, en Cuba co Fidel; a súa querencia pola queimada que a todo o mundo levou. Aínda que eu penso que no seu moble bar se cadra tamén había: Fundador, Soberano e sobre todo Cacique.
Hai anos alguén me dixo cando facía sen ganas unha noticia para un telexornal da noite do domingo, ese é o informativo favorito de Don Manuel; se cadra por iso morreu unha noite de domingo,seguramente aínda non rematara o telexornal...
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario