miércoles, 26 de diciembre de 2012
Caixanova, do esplendor ó ocaso...
Hai tres ou catro anos por estas datas Caixanova convocábanos no oitavo ou noveno andar da sede central en Vigo, un edificio que ten fachada a catro rúas principais da cidade: rúa Colón, Marqués de Valadares, Pontevedra, e García Barbón.
Outras veces era no Pazo de San Roque. Alí, case sempre Gayoso con micro de garavata ou Pego con micro de man cantaban as contas do ano, facían balanzo dos últimos doce meses.
Asulagaban os nosos cerebros de cifras: volume de negocio,beneficios, cash flow, beneficios antes de impostos, carteira industrial...aforro familiar, obra social, e mesmo o gran Julio falaba das súas adegas de Porto vintage das que tan orgulloso estaba.
A maioría de nós non entendía un carallo, e cinguía as súas informacións a volume de negocio e beneficios para non aturullarnos nós nin saturar ó personal.
Había algunhas preguntas, seguramente sobre a inflación, o IPC, e mil "perralladas" máis que preguntaban os dos xornais económicos. Todo parecía ir ben.
Había un que por toca-los collós a Gayoso sempre lle preguntaba por qué Caixanova non era accionista de Pescanova ou por qué esa factoría de Chapela tiña os cartos en Caixaga, era a pregunta máis dura e incómoda que o home renegrido ( con permiso de Javier Guerra) e enxoito tiña que escoitar.
Naquelas xuntanzas como na vida había dúas clases de persoas: os altos directivos de medios que tiñan cadeira reservada e quedaban a comer, e nós, a tropa de batalla do xornalismo que tiña que face-las informacións, pero que tiña que pedir permiso para se sentar e obviamente non era convidada a xantar...
E así decorrían os días plácidos e felices, ata que aquela Arcadia se converteu na cova de Alí Babá. E Gayoso xa non sabe que facer con tódalas medallas que tódalas institucións da cidade lle deron que xa non caben sobre o andel da cheminea de Canido.
E que pasou? Eles saberán. Onde estaba o gran burato? E onde están tódolos cartos desas persoas que dormen este nadal nos caixeiros,e nas casas dos concellos.
E canto vale aquela caixa? Un euro. E quen o vai pagar? O Santander!!! Fagan as súas apostas.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario