Vistas de página en total

miércoles, 15 de agosto de 2012

Mamadou Kane versus Rafa Estévez

Canto vale un fotógrafo ou un xornalista? Moi pouco, só cómpre ver moitas das nosas nóminas. Agora saberemos ademais que pensan os políticos e os xuíces de nós. Se meterlle unha "marimba" a un fotógrafo miúdo entre catro axentes armados pódelles saír de balde a eses policías.
Rafa Estévez sen querer dá un empurrón a un axente nunha cobertura tumultuosa. Ocorre mil veces. Algún de nós empurrou a un conselleiro sen querer, deulle cun trípode a un alcalde ou ámbalas e outras cousas á vez como o noso amigo Herbie. Houbo quen tamén sen querer case lle queima a calva ó Rei e malia o exército que ese señor leva non lle pasou nada...
Son gaxes do oficio, ás veces os golpes levámolos nós e son tamén sen querer e nunca pasa nada.
En 1996 tamén CATRO POLICÍAS ( parece que sempre van de 4 en catro cando van mallar,que heroicidade) desta volta locais sorprenderon ó senegalés Mamadou Kane sen documentación cun posto ambulante en Samil. Detivérono e subírono a un monte de Beade onde tamén lle meteron unha boa malleira e o insultaron segundo o seu testemuño.
Daquela montouse un rebumbio político, social e mediático que culminou cunha denuncia de Mamadou Kane ós axentes que o agrediron. Gañou nos xulgados, os policías aqueles quedaron estigmatizados e estiveron afastados das rúas durante algún tempo foran inhabilitados aínda que ó final foron indultados polo goberno español logo dalgúns anos.
No caso Mamadou non había testemuñas do que ocorreu no monte, non había fotos e vídeos reproducidos ata a saciedade na internet estes días; pero había vergoña, parece que máis que agora.
Ou é que vale máis un inmigrante senegalés que un xornalista ou un fotógrafo?

Como quen oe chover

Aínda ferve nas nosas retinas a imaxe de Rafa Estévez que todos vimos no Vigo al Minuto , no Diario de Pontevedra, no Mundo ou no País, tirado no chan esmagado por catro policías nacionais.
Todo porque deu un golpe sen querer ( hai presunción de inocencia oun non? ) a un axente da Policía Nacional nun acto tumultuoso deses nos que todos nos rozamos sen querer.
Os axentes da Policía Nacional están nerviosos ou non hai maior delicuente que unha persoa que intenta face-la mellor foto?
Debería haber respostas e que estas sexan áxiles. Por casualidades da vida coñecín a Rafa cando era un neno tímido e riquiño, e logo deveniu nun gran profesional cauto e responsable que non merece nada así, digno daquel neno que foi. Varias horas en comisaría, xuízo rápido aprazado e agora polo penal? Non podemos permitir algo así.
Alguén debería explicárnolo e pedir responsabilidades quen nos defende desta policía? Son inmunes? Poden face-lo que queiran sen ofrecer explicacións? Porque a un se lle pode i-la man, pero non a catro.
Tamén me gustaría que aqueles persoeiros que estaban en Peinador ben prestos a saír en imaxes como as que Rafa tentaba captar defenderan ó noso compañeiro, que é un de nós, un calquera, un inocente que pode cometer un erro pola présas e polo tumulto. Queremos que tamén eles falen. Estamos afeitos que nos insulten , a que nos berren a que digan que somos os culpables da crise ou da morte de Lady Di,que "tragiversades todo" pero ata agora en Vigo nunca nos sentiramos como terroristas ou asasinos... ( que a eles os tratan mellor).
Agardamos unha resposta porque onde hoxe está Rafa calquera día podemos estar nós...

domingo, 12 de agosto de 2012

La mala educación

Farto de cuchicheos, de lerchadas e de puñaladas trapeiras. Falaban no mesmo tono que as vellas na misa. Siseando. Cando non era así andaban pendurados do móbil cambiando de estado en cada paso de cebra e en cada semáforo, twitteando a media conversa, falando antes coa máquina que coa persoa. Tecnoestresados, usando o instagram como as famosas o photoshop.
Apaga e ímonos...

domingo, 5 de agosto de 2012

Enviado desde o meu I Pad


No baño do bungalow da Illa de Perdidas aparece un anel de Tous e Maruja decide gardalo na caixa forte, aínda que tamén dubida se metelo na caixa rexistradora nova, no botiquín ou na neveira, calquera sitio vale porque todos teñen chave.
Chega o aniversario de Pija e Choni e Maruja deciden facerlle un regalo e poñen un bote de cinco euros cada unha, polo que nos lles dá máis que para mercarlle unha pulseira de "Diecisiete cosas" das máis baratas, moi riquiña, iso si, pero moi asequible de prezo.
As cousas tampouco pintan ben en casa para Pija porque Papuchi lle regala unha tablet Samsung Galaxy e Pija non a quere. Quere unha I Pad para que cando pendure as fotos no feisbuc ou no twitter poña "enviado desde o meu I Pad". Por ese motivo pasa dous días sen lle falar.
- Só se lle ocorre a el: mercarme unha tablet coreana, que vergoña! Que cada vez que poña algo todo o mundo saiba: colgado desde Samsung mobáil, non isto é moi forte para min...
A chegada das Olimpíadas ten moi entretida a Choni que un dos primeiros días decide facer unha homenaxe ó gran evento do deporte mundial: levando un estismo ad hoc: minishort vermello de futbolista e camiseta de debuxos ópticos vermellos e marelos tipo cachemir que xa quixera para si David Cal...

miércoles, 25 de julio de 2012

Perdidas nas Cíes, o musical

A actividade frenética do verán fixo que o narrador omnisciente abandonase a crónica de Perdidas nas Cíes. As nosas protagonistas non dan feito con tanta actividade lúdica no verán.
Pija está que non mexa mareando a tododeus porque quere ir ó concerto de Julio Iglesias en Cambados e ós touros en Pontevedra, para o que xa está a punto de alugar unha mantilla española que sempre lle pode quedar para ir á procesión do Cristo.
Son eventos estes que farán a Pija renunciar a unha das súas máximas existenciais non saír de Baiona en verán, " que é de pobres".
Xa transgredira esta norma para ir con Maruja ve-lo musical de "Sorrisos e bágoas".
Choni quería ir a Portamérica para ver a Deluxe a a Julieta Venegas pero Pija e Maruja din que aquilo é unha "peste de pandilleros xuvenís" e unha porcallada de festival. Van encher Praia América de hippies e xitanos, que noxo! E logo haberá que aturalos toda a fin de semana na praia.
Maruja insiste sen éxito en ir ó concerto dos Panchos, pero ninguén lle fai caso ningún.
Eu esa finde voume para Sanxenxo ou non saio da piscina di Pija toda chea.Mentres Maruja e Choni teñen que ir a unha comuñón e a unha churrascada respectivamente.
Choni non sabe que roupa poñerse para ir a unha churrascada na casa de Louzán en Ribadumia.
-Ten que ser algo fino, pero "casual" sen saír do meu estilo di toda happy. Maruja dille e por que non levas un deses chandaliños tan finos que tes que non parecen chandais, si eses que pos moitos días baixo a minisaia....
- Ah! Refíreste ós leggins... ;)
- Hai que pedir que nos poñan un estilista ou un personal shopper di Maruja eu ás veces tampouco sei que me poñer temos que falar con produción do programa.
Pero os recurtes non dan tregua e o único que consiguen as nosas protagonistas e que o equipo de imaxe da canle lles envíe un manual sobre elegancia que se chama: "´Dress code´para horteiras irrecuperables"

lunes, 2 de julio de 2012

Arte e familia

(O vídeo que nos interesa comeza contra o minuto 6 segundo 10.)
Eu non coñecín ó meu avó, morreu o seis de xuño de 1945 por mor dunha intoxicación alimentaria e eu nacín no 72. Pero durante case un mes vino dúas veces ó día nun intervalo de sete horas. Cando subía e cando baixaba do traballo por Alfonso XIII. Estaba silueteado no predio onde vivíu e onde morreu tamén, á altura da saída da autoestrada.Nunha foto reproducida pola creadora Antía Cea que ten xa máis de setenta anos.Miña nai está no seu colo, feliz. Sen saber que poucos anos despois quedará orfa.
Cada vez que o vía sentía esa estrana chamada do sangue dunha persoa que non coñecín pero que foi precisa para que eu existise. A foto da miña nai formaba parte dunha intervención artística de Antía Cea, estudante do Máster de Belas Artes da Facultade de Pontevedra que inzou boa parte da cidade de Vigo con fotos dos seus devanceiros, levándoos a aqueles sitios onde foron felices ou non. Non sei que impacto xerou nos demais, nos viandantes que pasean as nosas rúas a diario, pero na nosa familia puxo a todos do revés. A foto de Alfonso XIII desapareceu o vinte e dous de xuño, aínda quedan restos doutras nalgunhas rúas da cidade. Todas se poden ver no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra, cunha breve semblanza das persoas e tamén nun vídeo que captou as reaccións das persoas da rúa que pasaban por alí.
Canda a obra de Antía tamén se poden ver os outros proxectos fin de máster da Facultade.

miércoles, 27 de junio de 2012

Arrivederci Pepa Bueno

Pepa foise, abandonou os frames, as cámaras, despinzou o seu micro de garavata a semana pasada sen previo aviso para non o pinzar máis.
O cambio político lévaa por diante.
Din que se foi á francesa, que non se despediu, tampouco o fixo Leti que fixo mutis polo foro sen explicar adeus, ciao que "me voy pá princesa".
A min dáme pena porque a Pepa me gustaba, o seu estilo, a súa garra informativa,a súa profesionalidade, o seu xeito e comunicar, no como Ana Blanco que parece saída dun spot dun iogourt con bífidus.
A Pepa pasa de volver a sucesos e antes de que a nova nomenclatura empece a tirar de listas negras, ou listas roxas a Pepa vaise. Non quere facer corazón, nin converterse en locutora de continuidade desa eterna teletenda na que a TVE se está a converter.
Compartirá micro con Gemma Nierga, a ver que sae de aí!
E hai quen pensa que todo isto vai ter algo bo, verémola máis veces por Vigo...;)