Vistas de página en total

sábado, 14 de abril de 2012

La escopeta nacional

14 abril, exterior día;Voando desde Bostwana. Podería estar guionizado e dirixido por Berlanga ou se cadra mellor por Santiago Segura, pero non. Casarreal de España convídalles esta semana ó mellor vodevil,ó mellor spaguetti western.
Os neocaciques son así. A cazar elefantes na senectú, cando debería estar botando a soneca nunha residencia de Geriatros e botando a partida.
O neto hospitalizado dun tiro nun pé, a nai do rapaz paseando por Sanxenxo, a avoa en Grecia e o gigoló este da terceira idade de cacería( como tódolos prohomes deste país cando as cousas se torcen).
Do xenro xa nin falar...
E logo dirán que son xente sinxela coma nós, que no fondo andan todo o día de vacacións e nos tratan como subnormais. Pensan que con que a Letizia poña catro traxes de Zara xa zafan.
Probablemente a Monarquía non é unha mala opción e este señor tan puteiro e tan simpático foi un bo embaixador, pero por que ninguén nos di que fan? Canto gastan? E Como se paga?

martes, 10 de abril de 2012

A illa das Preferentes

Capítulo especial da Illa de Perdidas. Logo das vacacións de Semana Santa, a dirección do programa quere cancelalo aínda que non vai mal. As constantes baixas de Pija e Maruja e os delirios de grandeza de Choni fan que o proxecto sexa cada vez menos máis rendible.A dirección da cadea quere optar por un novo formato: tipo " talent" o último do último na produción de programas como "Tú si que vales" ou "Número 1". Mesmo pensan recontratar a Risto Mejuto de colaborador. Ademais no consello de administración do ente pensan que o formato é demasiado vulgar e que deberían poñelo na Gue-dúas ou na Gue-tres de habela. A audiencia baixa moito na semana da folga e na semana santa e na posterior. Pero o culmen do despropósito chega cando por mor das treboadas dos últimos días, ancora a escasos metros da praia de Rodas "o Preferentes of the seas" un cruceiro de baixo custe da naviera P & O. A bordo do megacruceiro consignado a NCG un grupo dun milleiro de pasaxeiros e tripulantes mortos de fame tras un ataque de disentería por tomar unhas ostras da Pedra na cidade de Vigo. Os afectados, a réxime de dieta branda e en corentena xa non aturan máis sen comer e deciden baixar á Illa de Perdidas para comer algo. A súa desesperación fai que mesmo queiran invadi-lo plató onde se gravan as presentacións de Perdidas. E case o consiguen. O cruceiro queda á valga, case case parece un Prestige ou un Costa Allegra da vida. Maruja está agobiada e non dá feito. -Jo, hai tempo que lle tiñamos que ter visto as "ojeras" ó lobo. O capitán do barco:míster Manicho é o primeiro en abandona-lo barco agochado nunha barca salvavidas na popa. Escóndese nun furancho de Arealonga. Ata que a conselleira do mar o chama polo Canal 12. -My day, may day: Volva dunha puta vez ó barco... Manicho alí no seu propio Costa Concordia sentiuse un Francesco Schettino da vida fronte a Illa de Giglio e fuxíu. Logo alguén quixo saber que pasara ese día e abriron un expediente informativo. Buscaríanse responsabilidades entre os viaxeiros, a tripulación do barcoe por vez primeira entre as tres concursantes de "Perdidas".

sábado, 7 de abril de 2012

Week in fire

Lume que mata en Oímbra unha persoa; que poucas páxinas e minutos se lle adicaron a este señor.
Lume que invade as rúas de Vigo o vinte e nove.E lume que chega ás Fragas do Eume na fin de semana. Que pasa neste país?

martes, 27 de marzo de 2012

Arrivederci Tabucchi

Souben que existías escoitando unha conversa "a hurtadillas" a dúas persoas que eu daquela admiraba. Falaban como non, daquela a nosa eterna revolución pendente; era un tempo gris, no que todo se daba por feito. Ninguén ousaba ergue-la voz, o depor era o mellor equipo de Galicia, o equipo do réxime, o PP tamén era case* o único partido de Galicia e don Manuel parecía un prócer intocable, ó que só lle faltaba viaxar baixo palio.
Todo parecía guionizado: os investimentos, as autovías en execución, as autoestradas e un país que se escribía,si; que se narraba na radio e se vía na tele, pero que non existía.
E velaí, apareceu Tabucchi. Falaban sen se decatar daquel libro delicioso, de como burla-la censura, daquela historia de liberdade e amor que o libro dedicado a Pereira fotografaba de vez.
Falaban de como redimirnos da información "pret a porter","precociñada" ou "prefabricada". Falaban e parecían vellos heroes da resistencia, da trincheira pero non tal.
Agora din que Tabucchi manexaba o "tempo" narrativo, o ritmo como ninguén, eu daquela non me decatei.
Só sei que falaba de utopías fermosas, da verdade, da loita e da ilusión por un mundo mellor.
Só sei que aquel "duetto"ó que eu escoitei con admiración e con sixilio falar do libro, que eu logo lin ás agachadas, "deveniron" en se-la peor caricatura de si mesmos e daquela profesión que todos exerciamos.
Só sei que a nova verdade só foi aquela que beneficiou ós intereses de cada un, dos seus partidos, que ninguén loitou porque non houbese trincheiras na información. E que Tabucchi morreu e nos deixou sós.
Se cadra máis sós e con maior desazón da que tiñamos naqueles primeiros noventa, porque como el dicía: "O tempo envellece de présa" e "Estáse facendo sempre demasiado tarde", cheo de "Pequenos equívocos sen importancia".
Grazas Tabucchi por deixarnos le-la liberdade da que case nunca puidemos gozar...

martes, 20 de marzo de 2012

Con f de folga, na illa de Perdidas

Faltan dez días para a folga xeral e para a implementación da nova lei laboral. As nosas tres protagonistas debátense entre pedi-lo día 30 de marzo como moscoso para facer ponte aproveitando que o 28 é festivo en Vigo ou o día 29 para que non lles desconten o día.
Nos últimos días tamén pelexan porque todas queren colle-la última baixa antes de que a nova normativa as penalice. Pija tamén está enervada porque alguén do goberno dixo que querían subirlle-los impostos ós que máis ingresos tiñan.
- Jo ó final sempre pagamos os mesmos di Pija toda chea; non hai dereito...
Gozan do bo tempo desta preprimavera na illa. Habería que instalar un "yacuchi" di Choni con auga quente aquí onde o Lago dos Nenos; pero Maruja non está por traballar e di que alí de instalar nada de nada.
O novo anuncio de Loewe visto no Iphone 4 fascina a Pija que ten aqueloutrado a Papuchi, por ver se a enchufa na seguinte versión.
E así transcorren os días: lentos e pesados con conversas de pouco calado. Entre parrilladas de muxos e polbo á grella que cociña Maruja. Manda carallo que estou cociñando máis aquí que na casa dise para si Maruja.
Malia a calma chicha as ínclitas ven sobrevoa-la Illa ó Pesca 1.
- Que carallo pasaría di Choni? Hai que chamar ó 112, corean ó unísono Maruja e Choni!
Podemos escoita-la canle de Salvamento, di Pija; e resultou unha boa idea.
Parece que houbo un naufraxio en Ons di, que noxo! Non te preocupes muller chegarán axiña; di Maruja, agora coa ponte estás alí nun pincho...

domingo, 4 de marzo de 2012

Perdidas nas Cíes 12+1

A Illa das Penosas

Continúan os problemas de financiación para o retorno á grella de Perdidas nas Cíes.Pija, Maruja e Choni queren achegarse a Baiona para a Arribada e a Dirección do Programa pon atrancos. Xa están fartos das tres. A última vez Pija gastara a asignación semanal e mercarlle un regalo de Reis e en ir cortarlle o pelo ó seu can.
Maruja emperrechouse en apuntarse a un cursiño de "Pilotes" como di ela e Choni chivouse á dirección da canle de que non había sinerxias e de que había concursantes que gastaban moito e traballaban pouco...
Ademais na Produtora reciben un apercibimento de Parques Nacionais pola presenza de tantos ambientadores nas Illas Cíes, o SEPRONA quere poñer á Produtora unha multa de 3.000 euros.
A mala sorte cébase no programa porque un equipo de biólogos do Campus do Mar e do Oceanográfico detectan nos congros e nas quenllas xigantes aparecidas os últimos días na ría de Vigo presenza de benzodiacepinas. Sobre todo na Illa Sur polo efecto dos ventos. Están convencidos de que unha das participantes (agora en inverno non hai xente na illa) ouriña no mar e estáse mazando a Prozac e a Tranquimazín.
Todo é unha hipótese ata que atopan un alixo no bolso de Maruja.

sábado, 3 de marzo de 2012

Antes de que la tele se apague

Antes de que todo se encha de mamachichos e de concursos, antes de que Carlos Dávila volva facer entrevistas. Antes de que os nenos teñan que ve-los debuxos no ordenador e outros os deportes no bar...
Antes de que todo iso ocorra, gocémo-lo pouco que nos queda, gocemos con Bob Esponja, Dora Exploradora, Los oficios de la Cultura ou Página 2, ou Tiempos Revueltos e La señora, ou Águila Roja. Aproveitemos antes de que José Luís Moreno empece a programar en TVE.
Aproveitémo-lo que aínda nos queda, a canle dos deportes, as entrevistas da mañá e os debates.
Antes de que todo se acabe, antes de que a tele de todos funda a negro ou a azul...