Vistas de página en total

martes, 9 de abril de 2013

O presidente karaoke

Mariano é un presidente karaoke. Non dá a cara, fala a través dunha pantalla.Cando gobernaba Aznar moito se criticaban as rodas de prensa sen preguntas. Agora xa chegamos ó paroxismo.O máis do máis, como os vídeos de "Lo que necesitas es amor". Mariano fala desde a pantalla. Que nos sorprende? Tamén o facemos nós. Teño estado con xente a menos dun metro que en vez de falarme me manda un whatsApp, teño recibido ofertas para tomar café que me terían prestado máis nun locutorio ou nun take away, xa que unha vez pedido o café a outra persoa veña que fedellar no ipad, non sei se estaría respostándolles ós seus followers, cambiando o seu estado no feisbuk , mandando whatsApps ou poñendo "greguerías" no twitter; tanto me ten. O caso é que a piques estiven de erguerme sen lle dicir nada. Bo, gañas tiña de mandarlle un whatsApp deses cun zurullo, ou etiquetalo nun estado do fesibuk no que a mandaba ó carallo, ou dicirlle que fose a rañala polo twitter, pero non fun quen. E os dispositivos chámanse táctiles, cando de tacto de voz e de son, cada vez menos...Non critiquemos a Mariano, é tan só un de nós. " Enviado desde mi Ipad"( ;)

lunes, 8 de abril de 2013

Xente que non debería morrer

Dáme igual o da Montiel e o da Thatcher que tiveron o mal gusto de morrer nos mesmos días que o fixo Pepe Cameselle, o imprescindible para nós. José Cameselle foise antes de tempo, o líder de Comisións home afable gran líder do naval, metal vigués, tranquilo, amable, humilde e servicial déixanos a todos un pouco orfos. Nun mundo cheo de mala hostia, nunca sobra un home coma el.

domingo, 7 de abril de 2013

Marcas demasiado caras: España, Galicia, Pescanova

Desde adolescentes moitos de nós decatámonos de que ás veces as marcas non valen para nada, venden fume, soños e misterios, pero máis nada. Os Levi´s , as Amarras, as Hunter. Son só palabras que a golpe de publicidade e snobismos se fan famosas. Pagámo-las marcas, non os produtos, nin a calidade ás veces. Coa depresión económica o mundo encheuse de marcas brancas e de low cost: Hacendados, Leader prices, moita xente sabe xa que o elevado prezo e a marca non garanten a boa calidade. As marcas valen só para baleira-los petos de máis, e iso o que nos queren facer coa marca España, o que xa nos fixeron coa marca Galicia, cando para conservar unha caixa galega foderon dúas. Tamén agora unha marca: Pescanova enarbora a bandeira de Rodolfo Lagostino para que todo continúe igual que os bancos e os galegos sigan enterrando os cartos en tódolos mares do mundo. E quen vixía que a marca Pescanova continúe? A consultora que garantíu que a fusión das caixas sería un éxito: KPMG e un fillo de José Luis Méndez Pascual excaixagalicia o gran piloto do desastre económico das caixas galegas. Vade retro!!!! As marcas para quen as queira pagar, nós a Vilanova de Cerveira...

miércoles, 3 de abril de 2013

Feijóo, rubio de batea?

Seica non se pode chegar á Moncloa en planadoira, nen sequera seguindo os ronseis dos barcos e as ondas do mar de Vigo, se vistes meu amigo? E parece que hai que non perde a Esperanza de monclovita ser. E así se atopa Feijóo entre "la chini y la rayi". Hai tempo que non me parecen nin medio normais as cousas que ocorren no norte da miña provincia,nin que o capo do partido fose man dereita dun coñecido contrabandista e alcalde que no cárcere está. Non é normal andar de francachela e de viaxe con xente que vive facendo funimbulismo enriba da raia. Aquí nada é normal. Había neve, equivoqueime non volverá ocorrer,xa parece unha absurda cantilena. E que antigos son; que nós temos agora esas fotos e chimpámolas begining now no feisbuck ou no twitter ou no myspace; pero non está xente da vella escola garda as fotos no caixón. En xornalismo dicimos facer neveira cando falamos de deixar noticias enlatadas para eses días de ponte nos que pode non ocorrer nada, pero isto non é neveira, isto é conxelación, que as fotos teñen dezaoito anos, son maiores de idade e case case poderían votar. E esas viaxes ós Chutes de Europa ou a Andorra e esa cazadora de leñador do amigo Feijóo? "Marcial eres el más grande". E pensamos todos, nós non temos fotos con narcos ou si? Se cadra quedaron na barra do Pingus...

jueves, 28 de marzo de 2013

A curta escapada do mono Nano

Nano quixo ser tan famoso como o mono Paco, rei dos macacos nos noventa.Primate famoso e verdadeiro arty monkey! Quixo fuxir na semana santa, coñecer mundo, saír da Madroa onde naceu; pero tardou poucas horas en volver. Nano saíu da Illa dos monos, do seu paraíso artificial, superou o cristal que delimita a illa, chimpou sobre unha árbore e entrou no foxo dos leóns. Logo coñeceu o mundo exterior. Non chegou lonxe. Vería a estrada e o monumento ó zoo e a canceira municipal. Alí si que viven mal os cans e os gatos, que aquilo parece un campo de concentración. Ai Nano, Nano, se hai xente que vive peor ca ti. Con ese chan de calefacción radiante, con eses deuvedés que proxectan esceas da vida salvaxe... mellor estás no zoo que na triste vida real.

lunes, 25 de marzo de 2013

Cliente preferente?

Hai dúas palabras que xa nunca significarán igual en Galicia: unha é preferente e outra é prestige. Aquí xa ninguén quere ser cliente preferente nin consumir xeados ou tartas prestige, porque as palabras non son inocentes ou si?