Vistas de página en total

jueves, 28 de marzo de 2019

Morreu Portela

Cando eu empecei a traballar de verdá* cruceime no meu camiño con Portela. Era un tipo especial. Queimado políticamente pola orientación da empresa, era un home peculiar. Era quen de botar unha soneca usando de almofadas as guías de teléfono, aínda que logo na casa tiña problemas para durmir. Nas noticias de cotío non se daba présa ningunha pero activábase con outras. Ou coas súas exclusivas: teño cadrado con el un sábado pola noite en Coia por un rapaz que morrera xogando á ruleta rusa coa pistola do avó. Nas vellas instalacións de Álvarez, ou nas movidas dos mariñeiros do Morrazo nos últimos noventa polos problemas no banco canario -sahariano.
Tiña unha gorxa profunda ou non que o avisaba das redadas nos puticlubs e manexaba información de primeira man.
Nas redaccións de hoxe tan asépticas que parecen quirófanos, en que ás veces se ve mal unha pegatina, un cartaz  ou unha cafeteira; nestas redaccións tan tristes onde xa non quedan bohemios senón técnicos da información " molaba" compartir espazo co Portela. Preocupábase senón chegaban cedo os xornais; testemuña indirecta da morte de Franco lembraba como aquel día non daban chegado os xornais, cando se retrasaban pensaba no óbito de Fraga, cousa que xa non vivíu na primeira liña informativa.
Sí que estivo en primeira liña cando a moción de censura : o Barreirazo, algo que nunca debeu pasar.
Nunha empresa na que salientaba o azul molaba ter algún roxo no cadro de persoal. Portela tiña o carnet político do mesmo lado que o corazón.
De ter sido máis rutinario e métodico o Portela chegaría as grandes redaccións de Madrid, porque era elocuente, rápido e brillante e cun discurso propio; algo batante difícil nestas datas de discurso único e xornalismo de gurú. Xa tivo o seu Ondas antes de entrar na Galega cando estaba en Radio Pontevedra.
Caótico ,Portela vivía a vida a grandes grolos; comer, vivir, beber; algo que ás veces non cadra cunha monótona vida familiar.
Xa se falou moito da súa noite máis top: un movemento sísmico que narrou en directo con ese fino olfato xornalístico e coas chamadas en directo dos ouvintes da RG eses que traballan de noite ou espertaron co tremor. A esas horas patrocinadas por Harina Reyes Hermanos.
Portela era do PSOE pero tiña amigos no PP. Foi un dos poucos xornalistas que foi ó enterro do pai de Rajoy por motivos personais, tamén veu a despedida de Xaime Escudeiro malia non estar de todo ben. E perdeuse a penúltima a última homenaxe a Chano Piñeiro grande amigo seu!
Tivo outro gran programa nas madrugadas da Galega nas fins de semana chamábase Quedamos na Galega, coido que deron en directo o incendio do Windsor en Madrid. Era un programa moi bo. Tamén con chamadas, lembro chegar de marcha ( oh aqueles marabillosos anos) e facer tempo ata as catro da mañá ou así por escoitar o programa que comezaba desas horas e mandarlles uns sms que logo ían lendo en antena ( qué vintage todo eh?)
Seguro que hoxe alí onde estea xa está facendo un novo programa , coa súa radionovela, sen escaleta e sen guión pero vivo, ardente, bulideiro tan vivo como a vida mesma como seguro que el está nesa outra dimensión.

1 comentario: