Vistas de página en total

miércoles, 6 de marzo de 2019

O neno do descampado

Hai corenta anos eramos todos nenos e Vigo xa vivía na avangarda pero aquí no centro había moitos solares, moitos marabillosos descampados onde podiamos xogar. En Rosalía non había tráfico, estaba taponada polo vello caseto da Barxa. De Canceleiro a Serafín Avendaño había predios e restos de obra; ata se facía fogueira polo San Xoán.
Xogabamos ó fútbol na calzada, e á mariola na beirarrúa. Agachochabamos os “ pellos“ entre as silvas dos solares abandonados; os mellores  eran os anacos de azulexo, daban moi bo pisar.
A rúa era un inmenso parque infantil para nós. Xogabamos sós a carón da casa sen perigo ningún. Con María e cos nenos xogamos moito ó fútbol aínda que non sei cómo me deixaban porque mira que xogaba mal.
E alí estaba Fran que tamén xogaba con nós. E como todos seguimos sendo moi previsibles e moi de barrio aquí seguimos estando os dous , corenta anos despois case case na mesma casa de onde saiamos a xogar hai corenta anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario