Vistas de página en total

sábado, 28 de noviembre de 2009

Puerro y Caballero: "Piratas da ría"

Hai anos que esta cidade vive unha batalla parecida á de Afganistán ou a do Índico; todo vale para a pillaxe.Xogo suxo, pancadelas, mentiras e mesmo obstruir o progreso de todos para que uns poucos se beneficien. Cambiar de idea con cada cadeira; o que eu fixen hai tres anos é malo que ti o fagas agora.
A tensión, a escalada pode durar case dous anos máis e quedar case en táboas como a última vez; algunhas semella que fuman ata o apelido, e outros parecen Quixotes andantes defendéndose ante mil quebrantos e xerando cinco mil "duelos" máis.
Nós aquí no anfiteatro da ría, abraiados ante o espectáculo; sen saber entre qué optar entre a mecha e a liposucción ou entre as alzas e o implante capilar. A soberbia contra a demagoxia; o cum laude fronte á ATS; a bela fronte á besta. Eles mírannos con ese sorriso falso desde as súas páxinas de pago, no faro. Mentres continúan as inundacións, seguimos sen albergue, sen sede de federación veciñal, sen depuradora,sen bombeiros, sen chiringuitos, sen zoo. Hai quen pensa que hai que cambiar a biblia: mellor Caín, que Abel.
Quedan aínda máis de 12 meses para que unha volva a ir a misa a tódalas parroquias do centro, mentres o outro visita tódolos mercados e o Rin-Ran, incluso a bocatería Tus. Pedirá o seu chofer que o deixe dous semáforos antes para que o vexan mercando o pan en Hernán Cortés.
Estará moi próximo entón o momento no que teremos que decidir entre Ferrol e Ponteareas. De verdade nos merecemos, isto?

jueves, 26 de noviembre de 2009

Mucha

Mucha habita baixo o escenario do Teatro do Centro Cultural Caixanova. Ás veces desprázase polo proscenio, polo hall, ou polos cameríns. Co seu ollo escrutador e o seu aquel rosmón domina este escenario da súa vida.
Mucha dirixe, Mucha prohíbe e organiza. Co tempo se lle colle cariño, non como ós bibliotecarios que habitan no 5º andar, rodeados de mármores; que malas caras sempre; qué falta de fibra por deus!!!!
Mucha vive alá abaixo a rentes de Policarpo Sanz, controlando quen entra, quen sae...facendo apostas a ver quen gaña Tesoira, vendo maquearse a Concha Velasco, a José Sacristán, ou a Lola Herrera ou a Nuria Espert.
Co seu xesto cálido pero enfurruñado controla mellor a porta que dous chiños de seguridade privada... e qué pasará con Mucha se hai fusión? Onde morará o seu espírito?Subirá ós cabalos de Oliveira ou as estatuas de Buciños? Deambulará como a alma que leva o diaño pola cuberta na que andan a rebolos as gaivotas?

domingo, 22 de noviembre de 2009

Neopaletos

O neopaleto inviste 7 horas indo a Ikea pra adquirir o que podería comprar en media hora en Pórtico, atura colas interminables, recintos masificados e queima gasolina en chegar ata alá. O neopaleto compra tamén unha Nesspreso e logo vese na obriga de face-los pedidos por internet en vez de baixar á tenda do lado. O neo vive enganchado ó mobil que colle sempre e que lle achega calquera problema por moi lonxe que estea. O novopaleto vai a un restaurante xaponés a comer peixe cru con anisakis en vez de tomar unhas xoubas. O neomarulo viaxa en lowcost inda que logo teña que pagar un potosí por un taxi desde unha aldea do Reino Unido ata London Town. Ai! O neopaleto é un snob é crese o rei! pero isto é unha república, a república independente da nosa casa....

sábado, 21 de noviembre de 2009

Un final feliz

Son dese tipo de parvas ás que lles gustan os finales felices. Non vou ser eu quen pregunte quen pagou o rescate ou se o houbo: se foi Kepa, Patxi ou De la Vega. Ou se saiu do fondo de reptís que tódolos estados teñen. Non siguen existindo os segredos de estado e os asuntos clasificados?
Malia os titubeos iniciais, son firme partidaria da xestión da Vicepresidenta do Goberno, unha adicta ó traballo de sorriso e trato fácil e tamén con man de ferro cando a situación política o require.
De la Vega é a presidenta na sombra, ata que ela non colleu o timón a crise non se amañou. Disque foi a Arxentina por diferencias con Chacón, unha inútil política na que algúns ven á sucesora.
Gústame cómo rematou este secuestro, aínda que todos nos puxeramos nerviosos neste tempo. Gústame ver os mariñeiros na casa e gustaríame tamén que tiveran protección internacional ou do goberno español pra preservar unha das fontes de riqueza que posuímos en Galicia: a pesca do atún e a industria conserveira. Coido que as críticas da oposición deberían ir desde xa só nese sentido.
O goberno galego e a oposición de Madrid fregáronse as mans durante esta crise na que os dous quixeron tirar proveito político. Feijóo fíxoo máis sibilinamente usando ó seu entorno para presionar e tentar participar nas xuntanzas que o goberno central mantivo coas familias, algo que non conseguiu. Expresando a súa perrencha por este motivo empregando os medios afíns, e reproducindo nos días seguintes unha reunión similar.
Houbo outra cousa que me estremeceu e arrepiou; as críticas dos seudointelectuais de esquerdas que nos primeiros días de secuestro cargaron a man contra o armador e o patrón; sen sensibilidade ningunha cun sector que é estratéxico pró noso país. Os opinadores de Madrid e algúns de aquí deberían deixa-la crítica de salón e ser máis sensibles cos máis febles da nosa cadea productiva. Porque as latas de atún non medran no Carrefour como pensan algúns.

domingo, 15 de noviembre de 2009

Clicks contra Geypermans

Estes días nos peiraos das Seychelles prepáranse os Geypermans para ir a polos Clicks en pleno Océano Índico. Parece unha broma pesada. Os Geypermans contratados polos armadores levan armamento do estado, son ex-soldados doutras armadas que ficharon pola privada.
O escenario,o teatro de operacións que nos describen parece terrorífico: soldados de pago,mercenarios, piratas e mariñeiros. Vaia marmitako ides facer! Quén é o responsable desta sinrazón?
É necesario manda-los nosos barcos a loitar contra os elementos? O exército vale sólo para facer simulacros, bautismos de mar, ou para rabuña-lo ceo de Vigo cada verán coa Patrulla Aguía?
Temos entón un exército de deseño, de atrezzo, para que Chacón os mande desfilar, un exército que non move un pé e que moitas veces secunda os pasos errados dunha cabra...
¿Qué lexitimidade teñen estes rambos ou robocops para protexe-la flota española en augas internacionais?

martes, 10 de noviembre de 2009

Gauche divine, sindicalismo liberao e socialismo de salón

Falan de ética, de coherencia ,de non corrupción; ven nídiamente os fallos alleos, e son solidarios coas vítimas da mala política de dereitas.
Encabezan manifestacións no primeiro de maio, levan pancartas con grandes lemas e logo declaran en xuizos en contra dos seus compañeiros de traballo.
O sindicalismo de salón parece máis preocupado por obter por convenio repousapés ou repousapulsos prós funcionarios que pola precarización do público ou o enchufismo e a falta de liberdade nas administracións locais.
Á gauche divine critica a voz en berro a privatización do público só cando é perpetrada por gobernos conservadore, senón a xustifica...
O sindicalismo de salón mira pra outro lado cando os seus gobernan e aquelas explotacións indignantes convírtense en situacións irreversibles ou moi difíciles de cambiar cando eles mandan.
O sindicalista de salón pode cobrar catro mil euros e vivir nun chalet en Sabarís e berrarlle ó da TVG que gaña mil euros e chamarlle fascista porque pensa que está revestido dunha autoridade moral que lle dan os anos de sindicalismo de clase....
O membro da gauche divine pode ter un audi de grandes dimensións ou un todoterreo último modelo e ir de pobre pola vida. O esquerdista de salón esixe nos outros, nos precarios, nos que non teñen carnets actitudes heróicas que eles nunca tiveron.
Coa súa chaqueta de pana o sindicalista de salón pode critican a un mariñeiro galego e a un armador vasco e defender a un pirata somalí. Dixen chaqueta de pana e falei mal: o neoesquerdismo móvese mellor entre os carolinaherreras de Ánxela Bugallo e os robertoverinismo salvaxe de María Xosé Caride.....

domingo, 8 de noviembre de 2009

Casco Belo? de Vigo

Corrían os últimos oitenta cando o Casco Vello era un lugar divertido. Un sitio ó que había que ir. Cheo de cousas novas e vellas e de contradiccións.
Unha rúa dos viños, na que non se tomaban viños; unha rúa Real que parecía irreal logo de catro copas. Un Tumba sen cemiterio, un Ovo sen galiña, un Pañuelo sen mocos e unha Bodega sen toneis, tamén había un Sanxenxo, aínda que non tiña turistas, senón paisanos.
Só as prazas como A Constitución non estaban demasiado ben. Ademais da parte alta: A Ferrería ou a Subida ó Castelo. Pasara o pesadelo da droga do final dos setenta e primeiros oitenta e tamén o esplendor comercial que viviran as nosas avoas na rúa do Triunfo, na Arca de Noé, na Cerería San José ou nos almacéns Ferro....
Ás portas mesmo había un puticlub de nivel: O Telmo´s que anunciaba "sexo en pista" en octavillas prendidas nos parabrisas dos vehículos e no que se non lembro mal estiveron algunha vez Julio Iglesias e Cicciolina.... próximo estaba un restaurante de sona:"La bella Napoli", e o Bar A Cepa e moitos máis. A rúa Palma acolleu tamén o xérmolo da vella reitoría da Universidade e a delegación da consellería de pesca contra ó ano 90.
E que foi de todo iso? Pasou alomenos un Urban a mediados dos 90 que ía salpicar millóns de pesetas neste lugar no que Vigo naceu. Pasaron catro gobernos que prometeron a rexeneración do barrio, pero ningún foi quen nin de sanealo, nin de mante-lo pouco que xa queda en pé.
Con Santiago Domínguez moitos tivemos a ilusión de que ía converte-lo noso pequeno Montmarte nun pequeno Allariz, pero tampouco foi.....
A estampa dos míticos soportais esfarélase diante dos nosos ollos sen que ninguén faga nada, a Pedra perdeu o seu encanto con esas pequenas tendas e coas teimosas redadas; quedan as ostras e o pavemento do plan E. Todo o demais se vén abaixo: teitos, columnas e trades mestras.
Os grandes investidores de Vigo adquiriron rúas, cuarteiróns e edificios enteiros, foi outro momento ilusionante do barrio. Pero ninguén move peza, todos agardan a que sexa outro o que rehabilite,venda e arrisque; os máis agardan como luras o tempo propicio de facer o negocio, de especular, de vender cando o barrio estea de moda, cando esteamos no novo Allariz ou no novo Chueca....
Mentres o barrio durme o seu peor pesadelo, nunca tan mal estivo, durme este horrible letargo do que só esperta contadas veces ó ano: o día do Cristo e o día da Reconquista. Durme como un zombie, rodeado de ionquis e de puntais que impiden a próxima caída....