Vistas de página en total

lunes, 29 de marzo de 2010

Cómo falan os fachas?

Os fachas trátanse de Don entre eles aínda que sexan amigos da infancia. Ola Don Pepe, Ola Don Ramón. Así expresan o importantes que son e a caste que teñen. Os fachas chaman gañán a calquera que se teña que gañar a vida dun xeito, manual, a alguén que non teña estudos, ou cartos, ou simplemente pedigree.
Os fachas din que os outros son os progres, porque os fachas están moi, moi desfasados. Pensan que vivimos aínda en maio do 68, que horror, non? Os fachas levan pantalón granate ou verde rechamante e gomina.
Os fachas dun tempo a esta parte teiman en chamarse liberais, que non o son abofé, son carcas, rancios e dictadores. Liberal na fala cotiá desde os anos oitenta usábase para todo o contrario que a ideoloxía troglo que aniña no cerebro dos fachas.
os fachas están felices coa TDT: zapean da Popular a Intereconomía, e a Veo TV, e a COPE, atopan o corpus ideolóxico para raiar todo o día no bar, no taxi e na rúa...
Ai, que linda sería a vida sen fachas....

domingo, 14 de marzo de 2010

Un goberno travesti

Todo comezou cando Feijóo foi ó entroido de Verín e vestiuse de: "guayabo", de "guajiro", de "chamaco", eu que sei; el abriu a espita, prendeu a mecha, marcou o camiño, a folla de ruta que din agora os horteras....
E a gran festa da camuflaxe comenzou, no día da muller Javier Guerra vístese como para ir na caravana do orgullo e a compañeira de Feijóo disfrázase de beata para ir ve-lo Papa, mágoa que non lle pedira a peineta a Aznar...
Se facemos un flash back perderon varias ocasións: vestirse de peliqueiros en Laza ou de Cigarróns en Verín,Pantallas en Xinzo, Madamas en Aldán, de Colón na Arribada, e de Pastorciños en Nadal. Que non se preocupen aínda quedan oportunidades de travestirse: a Reconquista de Vigo, os capirotes da Semana Santa ou de Pantasmas na próxima secuela de Ghost...
O caso é que hai quen di que os disfraces só serven para despistarnos do guión que segue este goberno que non acaba de coller o timón.

sábado, 13 de marzo de 2010

A maldición de FITUR

Non sei qué pasa en FITUR, qué estrano poder devastador exerce sobre os políticos galegos que perden o siso alá.
Primeiro foi don Manuel que case cae redondo no IFEMA, logo de percorrer stands coa súa velocidade febril. E agora é Roberto Varela, a gran fichaxe, o home de mundo, o diplomático que le unha aberración e non se decata, e mesmo o nega ata que aparece a cinta.
É incrible,pero se cadra certo que alguén redacta un discurso,outro pásalle o corrector ou tradutor e outro imprime, todos sin mirar; ninguén le o discurso ata que o fai o conselleiro, xa a micro aberto e cunha cámara indiscreta enfronte.
A anécdota incrible ocorre mentres o goberno galego pula por darlle ó idioma o perfil máis baixo que se poida, seguindo a ideoloxía de Gloria Lago,e agora xa o sabemos de Rosa Díez.
Dáme mágoa que a nosa xeración sexa a que mate ó galego, a que ó suba ó "Desván de los monjes".
Pero qué pasa en FITUR? Toman un "mojito" na de Cuba, un "margarita" no de México, e un vodka no Russian´s bar?
Porque nin Fraga, nin Varela viaxan no vóo de Louzanair, cero euros, fly by the face!con todos os alcaldes da bisbarra, que ese tamén sería un bo motivo para perde-lo sentido nada máis chegar a Baraxas.

domingo, 7 de marzo de 2010

Máis sobre Rosa Díez

Sempre respectei e defendín a Rosa Díez. Só porque admiro, respecto e podo comprender as derivas ideolóxicas das persoas que logo de almorzar baixan á rúa e antes de prende-lo coche agáchanse discretamente para ver se hai unha bomba nos baixos.
O medo produce evolucións políticas insospeitadas: heroísmos inútiles, ou abandonos comprensibles. Moitas veces pensei cántos galegos serían do PP se a súa vida estivese en perigo como ocorre no País Vasco. Sempre penséi que Rosa Díez estaba errada, segundo o meu criterio, pero que merecía respecto. Sempre, ata que nolo perdeu a nós.
Dixéranme hai tempo que a súa saída do PSOE fóra indecente que seguía sendo eurodeputada no partido de Pablo Iglesias ( un galego, no único sentido da palabra)mentres comezaba a liderar UPyD.Que sentaba nun queixo mentres trababa outro e que non abandonou o PSOE ata que conseguiu vivir do seu outro proxecto político; unha ética política(se isto existe na realidade, claro) máis que reprobable.
Agora utiliza o noso país, a nosa identidade para insultar, usando un vello tópico que xa ninguén manexa.
Non sei se no pobo onde naceu: Sodupe con catro mil habitantes, había tamén un barrio obreiro con casas de pobres que habitaran os galegos; non sei qué absurdos criterios de caste manexa, e se hai gradación de galegos: nefastos, pésimos, pobres e regulares. E se pode permitirse o luxo de cando quere dicir nefasto pode empregar galego como sinónimo.
Só sei que nos insultou e que ten que pedirnos perdón. Aquí está morta. A Galicia non terá a ousadía de volver.
Hai preto de dous anos tivo o morro de vir aquí a darnos leccións de cómo relacionarnos co noso idioma, un dos máis cultos de España e nos que máis produción literaria e máis elevada se fixo. Veu aquí sen coñecer a realidade lingüística nosa, moi distinta á de Euskadi, ou a de Catalunya, a azuzar un problema que para moitos de nós non existía. Naquela manifa foi do braceiro de destacados políticos do PP locais. Eu daquela tamén a defendín. Vivimos nun país libre e cadaquén que
exprese o que queira aínda que daba por feito que ela non coñecía a fondo a nosa realidade lingüística, de non ser pola peneira deformante do Mundo e da Cope.
Agora xa sabemos que pensa de nós, que somos o peor, o máis deningrante de España, que merecemos a desaparición como país que con políticos coma nós todo se vai ó carallo. O mellor para exterminarnos como país é deixarnos sen idioma.Eu non sei se os que foron de manifa con ela teñen as súas mesmas intencións porque para eles son máis galegos os cartos que as palabras.

sábado, 6 de febrero de 2010

Pousa, paisa, non me toques aquela caixa.

-E ti Caixanova ves aquí, libre, consciente e queres casar con Caixaga?
-Non quero dixo Caixanova.

Pero o cura era xordo.

-Hai alguén que queira expresar algo que evite este matrimonio: e falaron Gayoso, Abel, García Costas, Fernández Alvariño, Borrás, Otero Novas, ás veces Rajoy e soto voce o Banco de España e moitas xentes do común que son opinión pública tamén, inda que non se publiquen.

Pero o crego era xordo.


E o crego só miraba que as terras estaban próximas que ía ter máis tractores, máis vacas e máis cartos.... e o crego tirou para adiante....

Ata que alguén dixo que aquilo era un matrimonio nulo; e o crego que xa non era tan xordo se alporizou.

domingo, 24 de enero de 2010

O bluff do Xacobeo

Vai ser o Xacobeo a pedra angular que nos saque da crise? Coido que o Xacobeo non é máis que un evento para adentro. Ogallá que non; pero a publicidade é sobre todo en Galicia.
O investimento e gasto para acubillar DE BALDE a milleiros de peregrinos con escaso poder adquisitivo vai ser brutal.
Dáme a sensación que o turismo Xacobeo é sobre todo de pensionistas de Toledo, senderistas, estudantes, mochileiros, monxas e cregos. Paréceme que non vai ser a panacea que o presidente galego cree. Ogallá que non.
Tamén porán a producir eventos a xente que non ten nin idea que estragará o mercado e que perdera moitos cartos de Deus, e de tódolos galegos. Non, penso que non que o Xacobeo non nos compensa, igual son unha herexe....

Busco banco e aldea.

Nós os vilegos temos certa teima de rirnos da xente da aldea: os marulos, os paletos,oa pailáns....
Vémoos con certo aquel de superioridade, e cada día que pasa dámonos conta de canta razón teñen. Coas súas cautelas: respectando o ritmo do tempo: a choivas, a sementeira, as matanzas. Amoldándose e gozan do sol cando o hai,e comendo castañas cando hai frío. Aproveitando os residuos para abonar,aproveitando o somier para o peche; gardando os cartos baixo o colchón que non te pide explicacións cando os sacas de ahí, nin te cobra comisións.Desconfiando sempre, porque a nosa gran duda metódica librounos de moitos erros. Por iso e por todo o que está pasando no mundo financeiro galego cada vez entendo máis ós nosos labregos: os que votan ó cacique para telo de man, para que te arranxe a pista ( porque igual o outro non fai nada ou tira para el). Por iso e polo gran respecto que xa sinto por eles busco aldea e busco banco, pero mentres tanto vou plantar na miña ciberleira ó xeito deles: sobre todo patacas e viño...