martes, 12 de noviembre de 2013
Tralo ronsel do cadáver
Os programas matinais viven enganchados ás desgrazas alleas e convértense en "asusta-marujas". Estirando en capítulos interminables e nun serial episódico sucesos que se poderían resolver de vez.
Ocorreu por vez primeira a noite que desapareceron as rapazas de Alcasser, daquela unha sociedade menos castigada polo morbo contivo a duras penas o vómito e penalizou para sempre a Nieves Herrero.
Desque trunfaron os programas matinais o suceso e o morbo son unha constante ata a hora do vermú. O "revolto de fígado no seu sangue" é o menú do día sobre todo das privadas: Telecinco e Antena 3. O pago a testemuñas: xa sexan vítimas,agresores e familiares de ámbolos dous distorsionou hai tempo a paisaxe informativa dos grandes sucesos. A pelexa en directo polos entrevistados entre a Doutora Grissom e a Ana Rosca deixou nas videotecas capítulos xeniais.
A retención de entrevistados como a muller do suposto asasino de Mariluz foi arrepiante. Nada se pode esperar tampouco dunha señora que asinou un libro que outro escribiu copiando dun betseller.
E logo está a outra: a terceira en discordia, a do "cerebro blandito" que estaría ben para Miss Tudela pero non dá para máis.
O refocile constante na busca de Marta del Castillo esaxerando os capítulos máis morbosos,o despregue bestial no Caso Bretón con simulación de fogueira nalgunha conexión en directo para ver canto tardaban en arder uns ósos... son algunas das historias máis estomagantes e noxentas que puiden presenciar.
E agora todo este show macabro traladouse aquí, a carón: a Compostela. E aínda nos doe máis. Todos estes voitres macabros, entre os que ás veces nos atopamos aniñaron aquí como corvos.E alí están "novelizando" o asesinato de Asunta, entrevistando ó avó da nena, reproducindo a carta da nai e contando unha chea de cousas irrelevantes en tempo real.
E a gran catedrática catódica das mañás pontifica: "en Santiago teñen que convivir co drama de ser conveciños dun asasino"...
E isto xa cheira que "alcatrea" como diría a outra. Os equipos dos programas máis "cuprofáxicos" xa alugaron pisos aquí.
E como o de Asunta decae; van e teñen un rumor de quinta man de que aparece un corpo na Armenteira ( sería o paxaro de San Ero?), saído do twitter da gran Anarrous, e alá, alá imos todos como parviños, a ver onde está. Que un cadáver é un cadáver... E a verdade non sei por que non poñemos as cámaras fixas xa en EMORVISA e Vigomemorial, porque alí teríamos faena tódolos días.
Ninguén sabe de onde saíu o rumor, ó final vai ter razón Taín, que coas redes sociais, todo se receba sen confirmar, e un macabro bromista convértese en guionista do telexornal.
E a "copialibros" ten que recuar en directo e canda ela tódolos demais...
Menos mal que a filla da Pantoja vai ter un bebé !!!Que Deus nos libre da necrofilia e da tanatofilia que enche as nosas programacións...
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario