Vistas de página en total

jueves, 24 de enero de 2013

Un día no Celta, a contracrónica

Hai xente que non sabe de fútbol, NADA. Eu son unha desas persoas. O problema é que por cambios estruturais na miña empresa de cando en vez teño que ir cubrir cousas de deportes, son momentos nos que me pregunto por que o Celta A xoga co Castellón B e cousas así que poñen en evidencia a miña ignorancia. Hoxe cubrín un adestramento do Celta en Balaídos. Para os que non estamos afeitos é un espectáculo tan absurdo, "troglo" diría eu como abraiante. Os xogadores saen ó campo de un en un. O último soe se-lo que máis interese esperta, hoxe era Iago Aspas. Primeiro corren, logo fan como que nadan en seco e logo espernexan como aqueles pasos de muiñeira nos que había que cruza-los pés. Despois de quecer empezan a toca-las pelotas, isto último xa teño advertido que pasa noutros eidos da vida. O mellor das coberturas, como esta a porta pechada son os momentos para o café, mentres os tipos adestran. É un momento para se relaxar, tomar unha cocacola e medio bocata de xamón. Tanto se relaxa un que preguntei a voz en grito entón Iago Aspas é dianteiro? Case me botan do Don Balón

viernes, 11 de enero de 2013

Rebaixas II en Perdidas

Chega o venres na Illa de Perdidas e todo o equipo técnico ten cita para o médico, o SERGAS xa anda saturado coas consultas e as baixas en luns e venres, e pensa establecer un copago para que a xente vaia eses días menos ós centros médicos. Logo da paréntese de nadal na Illa pérdense as chaves do estudio principal e a dirección xeral encarga un cambio de pechadura e unhas chaves novas a unha ferretería moi moi moi barata. As chaves son moi moi baratas, pero non funcionan. O mítico vento das Cíes trae de cando en vez un cheiro estrano que vai e vén .Choni e Pija andan alporizadas buscando de onde provén e alucinan cando atopan un ambientador achantado que Maruja colocou debaixo da fotocopiadora das de produción. A costa de xaneiro faise moi dura e empinada nas Cíes, case tanto como a Subida ó faro. Choni quere volver ás Rebaixas e Maruja como sempre decide acompañala, a morte de Manuel Mota,o deseñador de PRONOVIAS ten conmovidas a ámbalas dúas, sí, sí é o máis famoso deseñador de traxes de noiva, a súa morte foi TROMPIC TEPIC. Por iso Choni en homenaxe decide mercar unha saia vaqueira que remata nun volante de tul. Pija e Choni apúntanse a un curso de escritura creativa no MARCO en parte por poder vir a terra cada semana e porque xa están fartas de seren personaxes en busca de autor e queren aprender a face-los seus propios guións (neste reality show denominado "Perdidas nas Cíes"). Pija e Choni están gozando co curso e mesmo se animan a participar no proxecto un café un libro da cafeta de "Detrás do Marco", o que lles permite facerse cun libro tras tomar un café. Maruja pregúntase para qué, qué interese ten aquilo que tan enganchadas as ten. Ela prefire un disco, ou un calendario ou un vídeo do gangam style.

domingo, 6 de enero de 2013

Botaremos de menos a Santi Domínguez

O primeiro recordo que teño de Santiago Domínguez é o dun home en chándal cos seus alumnos do Colexio da Guía, visitando a aula etnográfica do pan ou do mar que había en Coruxo; xa era concelleiro da oposición aínda que non estaba liberado, sería polo 95 ou 96. Sempre foi un tipo próximo, cercano e simpático, que sorría con naturalidade e que tiña ilusión por moitas cousas. Fartos da soberbia e da incompetencia que na política local houbo, Santi Domínguez tiña un discurso próximo e facía unha política creativa: "seareiros",locais de música, deportes... erros tamén tivo e clamorosos como a Universiada ou a aposta polo bus eléctrico do barrio vello que nunca funcionou. Pero penso que tivo máis acertos: oficina dos voluntarios cando o Prestige, Programa Camiña e coñece que o PSOE copiou e seguro que esquezo mil cousas máis. Vigués de verdade, porque naceu en Vigo Santiago Domínguez segue botando a partida cos amigos onde sempre. Tamén ten como todos unha lenda negra, que se cadra o humaniza máis. A proximidade e o espírito dialogante de Domínguez fixeron del o mellor candidato que o BNG tivo, pero xa estaba no peor partido, nun partido en declive que xa perdera o timón. Un partido que tivo a sorte de gobernar Vigo e que o fixo ben, pero que quixo sumarse ó carro "desarrollista" do PP, escourar á dereita, gañar cartos co urbanismo; e un partido que non puido soportar que Ventura Pérez Mariño gañase a alcaldía. Tanto lles fodeu que o venderon pactando por detrás para soster a Corina Porro e gobernar desde fóra. Ese foi o gran erro do BNG de Vigo. Supoño que Santi se puido opoñer a aquela política errática, pero case ninguén nos partidos o fai. Outros menos brillantes como Castrillo ou Porro gobernaron Vigo; outros menos simpáticos gobernan agora. Botaremos de menos a Santi, o problema do BNG non é Santi, que é se cadra o seu mellor valor. Agora é preciso que os nacionalistas de Vigo elixan moi ben o seu próximo candidato porque probablemente será o único concelleiro que conserven en Vigo

viernes, 4 de enero de 2013

E se demite Lendoiro?

Non é que a min me preocupe o futuro do Depor, nin do fútbol sequera. Pero se o Depor, ese equipo que tantos cartos nos custou está en creba e hipotecado que o embarguen, que o desafiucen. O que ocorre non será pola culpa do adestrador, nin da afección, nin de nós, os de Vigo... Para evitar que o embarguen deberían reparti-la débeda entre os socios ou entre os fans. Nós non temos nada que ver. Como tampoco tivemos nada que ver coa creba de Caixgalicia e a estamos pagando. - E a ti César Augusto, falso galán dunha telenovela mal traducida; por que non te vas? E por fin remata o culebrón. - Mira, ruliño, o Fraga xa vai alá, o Gayoso tamén, se queres seguir currando sempre podes poñer copas no "Playa Club". A maioría de nós os galegos que xa pagámo-la fusión de Méndez e Feijóo non queremos pagar xa máis pratos rotos. Que o vendan, que o pechen, que o liquiden, que se tiren pola fiestra ou que se queimen ó espeto, pero que nós deixen en paz nin un puto peso máis para o p. Depor!

jueves, 27 de diciembre de 2012

Perdidas nas Rebaixas

Chega xaneiro e Maruja está moi deprimida,entroutras cousas porque xa non lle quedan días libres despois de pulilos todos no nadal, Choni decátase e nunha iniciativa inusitada decide organizar unha xornada de rebaixas, as tres xuntas. Pija non quere, qué vai mercar ela con aquelas dúas palurdas que non teñen xeito nin estilo, pero non é capaz de dicirlle que non a Choni. Empezan nun comercio do Calvario que coñece Choni. Pija entra aterrorizada, mentres que Maruja nada máis entrar se fixa nunha prenda de abrigo. -Qué é iso? pregunta Pija, non ten marca.Maruja entra toda decidida no probador e decátase de que a prenda que é un talle corenta non lle cabe, e comeza a chorar. Non te preocupes muller, oíches iso de que os xoves son os novos venres, pois a corenta é agora a nova trinta e oito. Maruja estaba moi ofuscada desque deixou o tranquimazín por prescripción facultativa. Como na tenda non hai talle corenta e dous, saen do establecemnto e continúan o seu periplo por Urzáiz. Paran un ratiño en Bimba & Lola pero Maruja e Choni abúrrense tanto que saen axiña. Pija queda seducida por unhas katiuskas tipo Hunter que custan 350 euros pero prefere agardar ás segundas rebaixas. Pasan un bo anaco en Berska, a tenda favorita de Choni, os andeis cheos de chaquetóns de veludo, botas e camisetas con debuxos de cadelos e caveiras parécenlle ideais. Sae de alí con dúas bolsas grandes que Maruja se ofrece a lle levar toda solícita. Pija non disimula o amolada que está e anda a fedellar todo o tempo no Aifon 5, cambiando o seu estado no twitter. Á altura de Stradivarius Pija entra en shock. - Isto xa é moito para min, non podo aturar este fedor, maréome - Vou tomar un xeado no Mac Donnals, mentres chequeo o Aifon. (Algo que por outra parte levaba toda a tarde facendo). En Stradivarius Maruja compra un blusón e Choni insístelle para que se leve uns leggings, pero non consigue convencela. Pija pasa rosmando toda a xornada, non lle gustan as rebaixas, desque alguén lle dixo que era unha "it girl" estaba que non lle cabía un piñón polo cu e non quería que a visen en escearios inaxeitados. Cando rematan Urzáiz Pija quere ir a Purificación García e a Adolfo Domínguez, pero Maruja e Choni xa están derreadas e non teñen cartos e pasan de ir. Pija colle unha rabecha de aquí a Club de Campo, pero xa non lle fai caso ninguén. O seu único consolo é chegar á casa e atopar todo en orde: o seu home co "aipad" e o neno coa "tablet", por fin un pouco de paz, "aquilo si que era vida".

miércoles, 26 de diciembre de 2012

Caixanova, do esplendor ó ocaso...

Hai tres ou catro anos por estas datas Caixanova convocábanos no oitavo ou noveno andar da sede central en Vigo, un edificio que ten fachada a catro rúas principais da cidade: rúa Colón, Marqués de Valadares, Pontevedra, e García Barbón. Outras veces era no Pazo de San Roque. Alí, case sempre Gayoso con micro de garavata ou Pego con micro de man cantaban as contas do ano, facían balanzo dos últimos doce meses. Asulagaban os nosos cerebros de cifras: volume de negocio,beneficios, cash flow, beneficios antes de impostos, carteira industrial...aforro familiar, obra social, e mesmo o gran Julio falaba das súas adegas de Porto vintage das que tan orgulloso estaba. A maioría de nós non entendía un carallo, e cinguía as súas informacións a volume de negocio e beneficios para non aturullarnos nós nin saturar ó personal. Había algunhas preguntas, seguramente sobre a inflación, o IPC, e mil "perralladas" máis que preguntaban os dos xornais económicos. Todo parecía ir ben. Había un que por toca-los collós a Gayoso sempre lle preguntaba por qué Caixanova non era accionista de Pescanova ou por qué esa factoría de Chapela tiña os cartos en Caixaga, era a pregunta máis dura e incómoda que o home renegrido ( con permiso de Javier Guerra) e enxoito tiña que escoitar. Naquelas xuntanzas como na vida había dúas clases de persoas: os altos directivos de medios que tiñan cadeira reservada e quedaban a comer, e nós, a tropa de batalla do xornalismo que tiña que face-las informacións, pero que tiña que pedir permiso para se sentar e obviamente non era convidada a xantar... E así decorrían os días plácidos e felices, ata que aquela Arcadia se converteu na cova de Alí Babá. E Gayoso xa non sabe que facer con tódalas medallas que tódalas institucións da cidade lle deron que xa non caben sobre o andel da cheminea de Canido. E que pasou? Eles saberán. Onde estaba o gran burato? E onde están tódolos cartos desas persoas que dormen este nadal nos caixeiros,e nas casas dos concellos. E canto vale aquela caixa? Un euro. E quen o vai pagar? O Santander!!! Fagan as súas apostas.

lunes, 24 de diciembre de 2012

Anticonto de Nadal

Sí, hoxe é o día axeitado, xa están todos alá. Pode ser que haxa algún despistado que aínda vaia por Ponteareas ou O Confurco, pero a maioría deles xa están alá, no sitio onde naceron máis alá dos túneles da Cañiza. Chegou o momento de petarlle-lo túnel e que non podan volver máis. E ti Mariano a que andas? Estás poñendo peaxes ós teus conveciños pontevedreses e non se che ocorre grava-lo paso polas autovías como fixeron con moi bo tino os nosos irmaos portugueses, eses si que están avanzaos* Peaxes máis caras se usas pontes, túneles e estruturas singulares nas vías de alta capacidade; aprende Mariano, aprende que tanto puro tenche as neuronas ó ralentí. E que bonita sería a vida sen eles, eh? Pero este é un conto de nadal, nin sequera conto, anticonto de nadal.