Vistas de página en total

domingo, 17 de noviembre de 2013

"Vigópolis"

Hai alguén en Vigo que non se cruzase esta semana cos de "Vigópolis"? Penso que non. Á miña nai case a atropelan en Colón, na Gran Vía pensamos que perseguían ó Canceliñas e nas Travesas,non sei que pensaron; que estaban de mani os dos Santa Irene, supoño! O caso é que cando deteñen na Beiramar ó "compay" do Canceliñas en Jacinto Benavente, os de Pescapuerta pensaron que os da secreta eran os de Vigópolis ;)

Abel apúntase á escola de Baltar

O Nepotismo Baltariano é un ismo con futuro que vai creando escola; xa sexa na Real Academia Galega cun Ferrín que contratou á filla e ó xenro ou cun Caballero que segundo Príncipe ten en nómina de distintos organismos ou empresas que dependen do concello a cen persoas próximas ó partido ou familiares de concelleiros.Tampouco me quería esquecer de Louzán, fillo adoptivo de Baltar... O Príncipe do Calvario só se atreve a dar vinte nomes, os mesmos que xa apareceron publicados na Voz hai varios veráns. Fillas de concelleiros no staff da alcaldía, irmás e cuñados da tenente alcalde é demais. Algúns destes enchufados sono de xeito moi precario, con eses plans de emprego que apenas duran meses. O nepotismo baltariano é basto,grotesco e vulgar porque se resume en dar prazas na deputación ós fillos dos alcaldes do teu partido. É público, groseiro e evidente. Noutros sitios as cuñas ou os enchufes están máis elaborados e son máis difíciles de ver; cando eu estudaba por poñer exemplos distantes e imaxinarios: o director de Radio Donosti contrataba á filla de Publi Pepe e en Publi Pepe contrataban á filla do de Radio Donosti, pero aquí para que disimular? Na de Pepe, a filla de Pepe e en Radio Donosti o "Donosti´s son". Sen vergoña, carallo, que os tempos van moi mal e hai que ter un chollo como sexa. Aínda que logo estas contratacións sexan indefendibles. Unha vez unha persoa que traballou nunha empresa dependente da Xunta me dixo: aquí case todos están enchufados. Uns vénse ás claras porque son curmás, fillos, ou cónxuxes de conselleiros, alcaldes, concelleiros ou de presidentes de deputación. Hai outros menos evidentes que irás vendo co tempo e doutros ó mellor non ten decatas nunca, pero aquí case ninguén está por casualidá* e tiña bastante razón. E nisto o Baltar era un crack, sen importarlle os apelidos e as evidencias alí quedaron tódolos fillos dos edís do PP. E Baltar como bo mestre puxo escola e co paso do tempo vaise facer máis famosa que a Escola da Doloriñas.

jueves, 14 de noviembre de 2013

Que carallo pasa con Porto Cabral? Prohibido preguntar!

Estes días ocorréuseme preguntarlle ó alcalde por Porto Cabral. Non porque ó meu medio lle interese, era una teima persoal, mesmo llo cheguei a dicir. Pero non lle gustou a pregunta. A miña dúbida era simple, sinxela e doada de responder. Os fans dese macro centro comercial sempre aluden ó Plan Xeral redactado polo BNG aprobado cos votos do PP e modificado polo PSOE como xustificación para aprobar ese Complexo con pistas de xeo e piscinas con ondas para facer surf. O caso é que lle preguntei se na "ficha de Liñeiriños" do PXOM puña que había que deixarlle a EUROFOUND que fixese ese complexo que tan nerviosos pon a todos.E qué volumen edificable recollía a ficha se era moi elevado. Cun punto de soberbia, remitiume ó plan. A verdade, eu non vou le-lo plan xeral non sei se o entendería, fala de porcentaxes de edificabilidade e coido que é moi técnico para min. Pero o que coido que é verdade é que non hai présa, non a debería haber para edificar alí; sobre todo cando os comuneiros se opoñen. E Abel podería darme una resposta clara digo eu. O caso é que a miña pregunta puxo nervioso a máis de un. Parece que xa moitos están de acordo SOBRE iso. A media mañá tiña o correo do chollo asulagado de fragmentos do debate en que se aprobou o Plano Xeral, tardei en decatarme de qué era ata que recibín una chamada de ALCALDÍA . Lembrándome que o BNG apostara por aquel proxecto.E a min que? Eu non son do BNG, nin do PSOE, nin do PP. Só preguntei o que considero que a moitos vigueses interesa. Porque que no Plan Xeral se deseñase que a zona de Liñeiños fose terciaria ou comercial non implica que haxa que construir xa PORTO CABRAL. E que non se poñan nerviosos; a min non me gusta. Non me gusta nin o nome: PORTO CABRAL é confuso; cando en Vigo dicimos porto pensamos preto do mar. Por un momento ademáis de presionada, sentinme importante, nin que fose eu o xornalista aquel que tumbaba alcaldes e nomeaba adestradores do Celta desde a radio. Eu son unha chaíñas, por iso, paréceme absurdo que alguén investise tanto tempo en convencerme de que a culpa de Porto Cabral a tíña o BNG.

martes, 12 de noviembre de 2013

Tralo ronsel do cadáver

Os programas matinais viven enganchados ás desgrazas alleas e convértense en "asusta-marujas". Estirando en capítulos interminables e nun serial episódico sucesos que se poderían resolver de vez. Ocorreu por vez primeira a noite que desapareceron as rapazas de Alcasser, daquela unha sociedade menos castigada polo morbo contivo a duras penas o vómito e penalizou para sempre a Nieves Herrero. Desque trunfaron os programas matinais o suceso e o morbo son unha constante ata a hora do vermú. O "revolto de fígado no seu sangue" é o menú do día sobre todo das privadas: Telecinco e Antena 3. O pago a testemuñas: xa sexan vítimas,agresores e familiares de ámbolos dous distorsionou hai tempo a paisaxe informativa dos grandes sucesos. A pelexa en directo polos entrevistados entre a Doutora Grissom e a Ana Rosca deixou nas videotecas capítulos xeniais. A retención de entrevistados como a muller do suposto asasino de Mariluz foi arrepiante. Nada se pode esperar tampouco dunha señora que asinou un libro que outro escribiu copiando dun betseller. E logo está a outra: a terceira en discordia, a do "cerebro blandito" que estaría ben para Miss Tudela pero non dá para máis. O refocile constante na busca de Marta del Castillo esaxerando os capítulos máis morbosos,o despregue bestial no Caso Bretón con simulación de fogueira nalgunha conexión en directo para ver canto tardaban en arder uns ósos... son algunas das historias máis estomagantes e noxentas que puiden presenciar. E agora todo este show macabro traladouse aquí, a carón: a Compostela. E aínda nos doe máis. Todos estes voitres macabros, entre os que ás veces nos atopamos aniñaron aquí como corvos.E alí están "novelizando" o asesinato de Asunta, entrevistando ó avó da nena, reproducindo a carta da nai e contando unha chea de cousas irrelevantes en tempo real. E a gran catedrática catódica das mañás pontifica: "en Santiago teñen que convivir co drama de ser conveciños dun asasino"... E isto xa cheira que "alcatrea" como diría a outra. Os equipos dos programas máis "cuprofáxicos" xa alugaron pisos aquí. E como o de Asunta decae; van e teñen un rumor de quinta man de que aparece un corpo na Armenteira ( sería o paxaro de San Ero?), saído do twitter da gran Anarrous, e alá, alá imos todos como parviños, a ver onde está. Que un cadáver é un cadáver... E a verdade non sei por que non poñemos as cámaras fixas xa en EMORVISA e Vigomemorial, porque alí teríamos faena tódolos días. Ninguén sabe de onde saíu o rumor, ó final vai ter razón Taín, que coas redes sociais, todo se receba sen confirmar, e un macabro bromista convértese en guionista do telexornal. E a "copialibros" ten que recuar en directo e canda ela tódolos demais... Menos mal que a filla da Pantoja vai ter un bebé !!!Que Deus nos libre da necrofilia e da tanatofilia que enche as nosas programacións...

lunes, 11 de noviembre de 2013

Relacións AP 9, fundidas

Hai xente que vive separada por unha autoestrada por cento cincuenta quilómetros e quince euros de peaxe, e así, así non se pode vivir. Eu non sei se é culpa da Xunta dos chineses que investiron en AUDASA ou de quen; pero isto deberían amañalo, polo ben de todos nós.

domingo, 10 de noviembre de 2013

O Cable inglés de meu pai

O meu pai que ten hoxe oitenta e tres anos traballou no Cable Inglés de Vigo. Apenas seis anos entre o 49 e o 55 supoño. Porén foi unha experiencia que o marcou. Sempre fala diso: dos ingleses, do "revirados" que son. Da férrea disciplina, das broncas que lle metían. E de como o deixou para poder estudar. Acaba de saír un libro que puxo a nosa casa do revés. " O mundo vía Vigo". O Vigo do Cable Inglés, de José Ramón Cabanelas. Tiñamos que ter actuado antes, meu pai deixou aquilo o máis tardar nos 60, sen se decatar de que "aquilo" era un "niño" de espías e "vendettas". O ruxe-ruxe do libro era un segredo a voces: no faro saía día sí e día non que Cabanelas andaba tralo rastro do Cable Inglés: e alí atopou a Skinner, ós Merino ou a Serafín Otero... á viúva do mítico míster Mann adourado en moitas esferas sociais viguesas e a moitos máis. Quixen levalo a presentación do libro pero un ataque de melancolía nolo impediu. Que menos que mercarlle o libro e poñelo en contacto co autor. E alí, no libro, estaban todos: os seus compañeiros de "chollo" moitos deles vivos o Serafín Otero, o Staton e outros máis... Meu pai non se parece a min, é un home metódico e ordenado que garda aquela carta de admisión de 1949 cando lle pedían autorización ós seus pais porque con dezanove anos era menor para traballar alí a quendas. E está nervioso, pero está feliz, esculcando naqueles papeis vellos, naquelas mensaxes amarelecidas gardadas en carpetas vellas, e mesmo se mosquea se non atopa algo de hai 64 anos?????? Porque alí ten o seu carnet, a súa carta de admisión e se cadra alguna nómina. Naquel andel onde algún día me ensinou un vello billete da república, algún carnet da mili, e alguna cousa máis á que eu non lle prestei atención...

Chamábanlle "cona quente"

Este choio noso dános abondosas sorpresas cotiás. Andamos entre "trancas" e "fochancas", zafando xabaríns e accidentes; aprendendo da sicoloxía básica deste país noso así sobre a marcha e sen preparación previa. E un día "dear Cachu" vai e tócalle cubrir un móbbing sonoro ou acústico en Moaña. En principio , era un "clásico", típica liorta vecinal por cuestiós* urbanísticas, por un súboche aquí un andar, póñoche una uralita ou una placa... Pasa nos mellores barrios... E logo alí está a típica veciña que denuncia a tódolos da redonda por diversas cuestións. E a "malapécora" esta que ten denunciados a tódolos vecinos ten un alcume e cal é? Pois alí está o típico "cantaclaro" que nos di: - "Chamábanlle "cona quente" di o tipo, e fai una pausa dramática, ante o abraio do redató* " Coooona queeeente"(por se non quedase claro) Tamén nos dixo como lle chamaban ó seu home, pero ímolo obviar por se isto se le en horario de protección infantil, que agora tódolos nenos andan co Ipad... Volvamos ó mobbing sonoro: os denunciantes puñan radio María, e os denunciados Radio nacional, que sempre hai clases,meu deus... O caso é que alí en Meira de Abaixo escóitase a radio de balde, sen sintoniza-lo dial...